Fragmoplasto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar para a navegação Saltar para a pesquisa
Formación do fragmoplasto e da placa celular durante a citocinese da célula das plantas. Esquerda: Fórmase o fragmoplasto e a placa celular empeza a ensamblarse no centro da célula. Cara á dereita: O fragmoplasto aumenta de tamaño tomando forma de donut cara á periferia da célula, deixando detrás no céntro a placa celular madura incompleta. A placa celular transfórmase na nova parede celular ao completarse a citocinese.

O fragmoplasto é unha estrutura específica das células das plantas en división formada por compoñentes do citoesqueleto celular e vesículas, que aparece durante a citocinese. O fragmoplasto serve como armazón para a ensamblaxe da placa celular, que é a estrutura precursora da parede celular divisoria, que separará as dúas células fillas.

O fragmoplasto é un complexo conxunto de microtúbulos, microfilamentos, e vesículas procedentes na súa maior parte do aparato de Golgi[1], e elementos do retículo endoplasmático, que se ensamblan en dous conxuntos opostos, que nas plantas son perpendiculares ao plano da futura placa celular durante o final da mitose. O fragmoplasto ten inicialmente forma de barril e fórmase a partir do fuso acromático mitótico entre os dous núcleos xa formados das células fillas mentres se está a reensamblar a envoltura nuclear arredor de ditos núcleos.

A placa celular fórmase inicialmente como un disco entre as dúas metades da estrutura do fragmoplasto. Nas plantas, mentres que se engade novo material á placa celular polos seus bordos, os microtúbulos do fragmoplasto van desaparecendo da zona central e desprazándose a zonas máis periféricas, e así ata chegar á parede do outro extremo e completar a formación da parede divisoria. Se na célula había un fragmosoma, o fragmoplasto e a placa celular crecen a través do espazo ocupado polo fragmosoma. Chegarán á parede da célula parental exactamente na mesma posición antres ocupada pola banda da preprofase.

Os microtúbulos e filamentos de actina do fragmoplasto serven de guía ás vesículas que levan o material da parede celular á placa celular en crecemento. Estas vesículas proceden do aparato de Golgi e fusiónanse formando a placa, e levan as moléculas precursoras que se ensamblarán na placa formando pectina, hemicelulosa e outros compoñentes da parede celular primaria.[1] Os filamentos de actina están posiblemente tamén implicados en guiar o fragmoplasto ao lugar onde se localizaba a previa banda da preprofase na parede celular parental. A medida que a placa celular medra, algúns elementos do retículo endoplasmático quedan atrapados nel, e máis tarde servirán para formar os plasmodesmos, que conectarán as dúas células fillas.[1]

Distribución na natureza[editar | editar a fonte]

O fragmoplasto só pode observarse nas Embriófitas, grupo no que se inclúen as plantas Briófitas (carrizas) e as plantas vasculares (fentos, anxiospermas e ximnospermas) e tamén un grupo de algas verdes moi evolucionadas chamado Coleochaete da División Charophyta. Algunhas algas utilizan outro tipo de organización dos microtúbulos durante a citocinese chamada ficoplasto.[2][3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Bruce Alberts et al. Biología Molecular de la Célula. Omega. (1986). Páxinas 711-713. ISBN 84-282-0752-6
  2. P.H. Raven, R.F. Evert, S.E. Eichhorn (2005): Biology of Plants, 7th Edition, W.H. Freeman and Company Publishers, New York, ISBN 0-7167-1007-2
  3. J. Pickett-Heaps (1976) Cell division in eucaryotic algae. Bioscience 26 (7) 445-450