Fragmosoma

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Formación do fragmosoma nunha célula de planta moi vacuolada. De arriba a abaixo: 1) Célula en interfase cun vacúolo central grande. 2) Cordóns citoplasmáticos que empezan a penetrar no vacúolo. 3) Migración do núcleo ao centro da célula e formación do fragmosoma. 4) Complétase a formación do fragmosoma e formación da banda da preprofase (puntos vermellos dos extremos), que marca o futuro plano da división celular.

O fragmosoma é un cordón de citoplasma con elementos citoesqueléticos, que empuxa o núcleo da célula vexetal cara ao centro da célula durante a división das célula das plantas moi vacuoladas.[1] O fragmosoma fórmase no ciclo celular durante a preparación para a mitose na fase G2 da interfase, xusto despois da replicación do ADN. A diferenza das células animais, que adoitan ter un núcleo situado no centro da célula e vacúolos moi pequenos, as células das plantas a miúdo teñen un gran vacúolo central, que pode chegar a ocupar o 90% do volume celular e que relega ao núcleo a unha posición periférica afastada do centro. Para que teña lugar a mitose nestas células o núcleo debe ser movido cara ao centro da célula, para o cal se forma o fragmosoma.[2]

Inicialmente, fórmanse cordóns citoplasmáticos que penetran no vacúolo central da planta e que orixinarán o camiño por onde se producirá a migración do núcleo. Sitúanse filamentos de actina ao longo destes cordóns citoplasmáticos, que empurran o núcleo cara ao centro da célula. Estes cordóns citoplasmáticos fusiónanse formando unha lámina transversal de citoplasma ao longo do que será o plano da futura división celular, formando así o fragmosoma. A formación do fragmosoma só é claramente visible naquelas células de plantas en división que están moi vacuoladas.[2]

Xusto antes de iniciarse a mitose, aparece unha densa banda de microtúbulos arredor do fragmosoma e do futuro plano de división xusto por debaixo da membrana plasmática. Esta estrutura denomínase banda da preprofase, a cal marca o plano ecuatorial do futuro fuso mitótico e os futuros sitios de fusión da placa celular (septo divisorio entre as células fillas) coa parede celular parental. A banda desaparece en canto se desintegra a envoltura nuclear e se forma o fuso.[3]

O fragmoplasto (conxunto de microtúbulos e vesículas que orixinan a placa celular) sitúase perpendicular ao fragmosoma e avanza desde o centro seguindo o plano do fragmosoma, desprazándose cara á periferia conforme vai formando a placa celuar. Cando remata a mitose, a placa celular deu lugar á nova parede celular divisoria situada ao longo do plano que ocupara o fragmosoma e fusionada coa parede celular parental nos puntos onde estaba a banda da preprofase.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Murata T, Wada M. Formation of a phragmosome-like structure in centrifuged protonemal cells of Adiantum capillus-veneris L. Planta. 1997 Mar;201(3):273-80. doi: 10.1007/s004250050066. PMID 19343405. [1]
  2. 2,0 2,1 P.H. Raven, R.F. Evert, S.E. Eichhorn (2005): Biology of Plants, 7th Edition, W.H. Freeman and Company Publishers, New York, ISBN 0-7167-1007-2.
  3. Cell division in nautilocalyx lynchii explants 1 phragmosome pre prophase band and plane of division. [2]
  4. The Free Dictionary Phragmosome