Pinturas negras

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saturno devorando un fillo.
Terreo e casa da Quinta de Goya en 1828. A gran maqueta ou "Modelo de Madrid" de León Gil de Palacio, que conserva o Museo de Historia de Madrid, inclúe a casa onde residiu Francisco de Goya.[1]
Duelo a garrotazos.

Pinturas negras (1819-1823) é o nome que recibe unha serie de catorce obras murais de Francisco de Goya, pintadas coa técnica de óleo al secco (sobre paredes recubertas de xeso). Creounas como decoración dos muros da súa casa, chamada a Quinta del Sordo,[2] que adquirira en febreiro de 1819. Estes murais foron trasladados a lenzo a partir de 1874, e actualmente consérvanse no Museo do Prado de Madrid

A serie, a cuxos óleos Goya non puxo título, díxose que foi inventariada en 1828 cos bens da quinta á morte de Goya polo seu amigo Antonio de Brugada[3] e componse dos seguintes lenzos: Átropos ou As Parcas, Dous vellos ou Un vello e un frade, Dous vellos comendo sopa, Duelo a garrotazos ou La riña, O aquelarre, Homes lendo, Judith e Holofernes, A romaría de Santo Isidro, Dúas mulleres e un home, Peregrinación á fonte de Santo Isidro ou Procesión do Santo Oficio, Can semiafundido ou máis simplemente O can, Saturno devorando un fillo, Unha manola: dona Leocadia Zorrilla e Visión fantástica ou Asmodea.

A casa de Goya, xunto coas pinturas murais, pasou a ser propiedade do seu neto Mariano Goya en 1823, ano no que Goya cedeulla, ao parecer para preservar a propiedade de posibles represalias logo da restauración da monarquía absoluta e a represión de liberais fernandina. Durante 50 anos a existencia das Pinturas negras foi escasamente coñecida (só algúns críticos, como Charles Yriarte, as describiron).[4] A partir de 1874, e nun lento proceso que durou varios anos, foron trasladadas de revoco a lenzo por Salvador Martínez Cubells a instancias do barón Émile d’Erlanger,[5] un banqueiro e coleccionista de arte francés de orixe alemá que se fixera coa propiedade do terreo con intención de preservar as pinturas, ameazadas de desaparición xunto coa casa.[6] Erlanger presentou as pinturas na Exposición Universal de París de 1878, tense dito que con intención de vendelas, sen logralo, aínda que outros testemuños indican que o seu propósito foi dende o primeiro momento o de facer doazón delas ao Museo do Prado, como en efecto fixo en 1881.[7] En realidade, pouco estimadas polo gusto académico dominante naqueles anos, o seu paso pola exposición parisiense apenas suscitou algún comentario e tampouco o houbo tralo seu ingreso no museo, onde unha parte delas non se expuxo ata 1898, cando o fillo do barón presentou unha reclamación.[8]

As Pinturas negras no seu contexto orixinal[editar | editar a fonte]

Cabezas nunha paisaxe é, con probabilidade, a «décimo quinta» pintura negra, perdida posteriormente, que se conserva na colección Stanley Moss de Nova York.

Goya adquiriu este terreo á beira do río Manzanares, preto da ponte de Segovia e con vistas cara a pradeira de Santo Isidro, en febreiro de 1819. Especúlase que era para poder vivir alí con Leocadia Weiss, a salvo de rumores, xa que estaba casada con Isidoro Weiss. Era a muller coa que tiña unha relación e posiblemente unha filla pequena, Rosario, dos dous nenos que tiña ao seu cargo. Como en novembro dese ano Goya sofre unha grave enfermidade —da que Goya atendido polo doutor Arrieta (1820) un testemuño estarrecedor—, o artista puido ter comezado a decoración dos muros da súa casa entre febreiro e novembro de 1819. O certo é que as Pinturas negras foron pintadas sobre imaxes campestres de pequenas figuras, cuxas paisaxes aproveitou nalgunha ocasión, como no Duelo a garrotazos. Se estas pinturas de ton ledo foron tamén obra do aragonés, podería pensarse que a crise da enfermidade unida quizais aos turbulentos sucesos do Trienio Liberal, levara a Goya a repintar estas imaxes.[9] Bozal inclínase a pensar que efectivamente os cadros preexistentes eran de Goya, debido a que só así se entende que reempregara algún dos seus materiais; con todo, Glendinning asume que as pinturas «xa adornaban as paredes da Quinta del Sordo cando a mercou».[10] En todo caso, a realización das pinturas da quinta podería datar de 1820. A data de finalización da obra non pode ir máis aló de 1823, ano no que Goya marcha a Bordeos e cede o terreo ao seu neto Mariano,[11] probablemente temendo represalias contra a súa persoa logo da caída de Riego. En 1830 Mariano de Goya transfire o terreo ao seu pai, Javier de Goya.

Unha recente teoría ten querido atribuír a autoría das Pinturas negras a Javier de Goya (fillo do pintor); con todo, Bozal e Glendinning,[12] dous dos máximos coñecedores da obra pictórica de Goya, rexeitan esta hipótese. É difícil imaxinar que este feito extraordinario non fora coñecido polos seus contemporáneos. A técnica pictórica, a calidade da pincelada, os tipos humanos grotescos, os temas obsesivos, que xa están presentes na obra goyesca anterior e posterior, fan infundada a atribución a Javier de Goya.

O chamado inventario de Antonio de Brugada menciona sete obras na planta baixa e oito na alta.[13] Con todo, ao Museo do Prado só chegaron catorce. Charles Yriarte (1867) menciona así mesmo a existencia dunha pintura máis das que se coñecen na actualidade, aínda que só describe trece e advirte que outra xa fora arrincada do muro cando visitou o terreo, sendo trasladada ao palacio de Vista Alegre, que daquela pertencía ao marqués de Salamanca. Moitos críticos consideran que polas súas medidas e o seu tema, esta sería Cabezas nunha paisaxe (Nova York, colección Stanley Moss).[14]

O outro problema de localización radica na titulada Dous vellos comendo sopa, da que se ten dubidado se era sobreporta do andar alto ou baixo. Deixando este detalle á parte, a distribución orixinal na Quinta del Sordo segundo Yriarte era como segue:[15]

Unha das hipóteses da localización orixinal das Pinturas negras na Quinta del Sordo.

Nunha das sobreportas estaría Dous vellos comendo sopa, non citado por Yriarte, que Glendinning sitúa na da sala baixa, polo deseño do papel pintado que aparece na súa correspondente fotografía de Laurent, dato apuntado tamén por outro viaxeiro francés, Pierre Léonce Imbert que visitou a propiedade en 1875.[16] Dúas novas investigacións confirman esta situación, aínda que con diferente distribución do resto das pinturas.[17][18]

Esta disposición e o estado orixinal das pinturas poden coñecerse, ademais de polos testemuños escritos, polo inventario fotográfico que levou a cabo in situ J. Laurent no ano 1874.[19] O encargo fotográfico orixinouse cando un novo propietario da casa, o barón de Erlanger, contratou o restaurador do Museo do Prado Martínez Cubells para arrincar as pinturas e pasalas a lenzo. E as fotografías de Laurent foron unha guía certeira no proceso de arrinque e traslado das pinturas. Dende a década anterior, as previsións de especulación inmobiliaria na zona, facían temer aos historiadores da arte Cruzada Villaamil e Charles Yriarte a desaparición das Pinturas negras nun breve período.[20]

Polas fotografías de Laurent sabemos que as pinturas foron enmarcadas con deseños clasicistas de cenefas, do mesmo xeito que as portas, ventás e o friso baixo o teito. As paredes foron empapeladas, como era costume nas residencias palacianas e burguesas, con material procedente posiblemente da Real Fábrica de Papel Pintado promovida por Fernando VII. O andar inferior con motivos de froitos e follas e a superior con debuxos xeométricos organizados en liñas diagonais. As fotografías tamén documentan o estado anterior ao traslado, e así podemos saber, por exemplo, que n' O Aquelarre había un gran fragmento á dereita que non se conserva na actualidade, aínda que si que foi trasladado ao lenzo por Martínez Cubells.[21]

Análise de conxunto[editar | editar a fonte]

Homes lendo. A escena que representa este cadro tense visto como unha das tertulias políticas clandestinas que se produciron nos axitados anos do Trienio Liberal.

Dende 1820 Goya é cada vez máis aprezado polos seus contemporáneos cando aborda o estilo do Sublime Terrible no que se enmarcan estas obras. O concepto foi desenvolvido por Edmund Burke en A Philosophical Enquiry into the Ideas of the Beautiful and Sublime (1757), e estendeuse por toda Europa na segunda metade do século XVIII. Coa mentalidade romántica estímase a orixinalidade no artista por riba de calquera outro concepto, e autores como Felipe de Guevara sinalan o gusto contemporáneo polas producións dos melancólicos saturninos, cuxo temperamento lévaos a producir obras cheas de «terribilidades e desgarros nunca imaxinados».[10]

Hai consenso entre a crítica especializada en propoñer causas psicolóxicas e sociais para a realización das Pinturas negras. Entre as primeiras estarían a conciencia de decadencia física do pintor, máis acentuada se cabe a partir da convivencia cunha muller moito máis nova, Leocadia Weiss, e sobre todo as consecuencias da grave enfermidade de 1819, que prostrou a Goya nun estado de debilidade e proximidade á morte que reflexa o cromatismo e o asunto destas obras.

Dende o punto de vista sociolóxico, todo apunta a que Goya pintou os seus cadros a partir de 1820 —aínda que non hai proba documental definitiva— logo de repoñerse da súa doenza. A sátira da relixión (romarías, procesións, a Inquisición) ou os enfrontamentos civís (como sucede en Duelo a garrotazos ou os faladoiros e conspiracións visibles, ao parecer, en Homes lendo; e mesmo tendo en conta unha interpretación en clave política que podería desprenderse do Saturno: o Estado devorando os seus súbditos ou cidadáns) concordan coa situación de inestabilidade que se produciu en España a partir do levantamento constitucional de Rafael de Riego. De feito, o período 1820-1823 coincide cronoloxicamente coas datas de realización da obra. Cabe pensar que os temas e o ton destes cadros foron posibles nun ámbito de ausencia de censura política, que non se deu durante as restauracións monárquicas absolutistas. Por outra banda, moitas das personaxes das Pinturas negras (duelistas, supostos frades, monxas, familiares da Inquisición) representan o mundo caduco anterior aos ideais da Revolución francesa.

Temas[editar | editar a fonte]

A pesar dos numerosos intentos non se puido achar unha interpretación orgánica para toda a serie decorativa no seu contexto orixinal. En parte porque a disposición exacta está aínda sometida a conxecturas, mais sobre todo porque a ambigüidade e a dificultade de atopar o sentido exacto de moitos dos cadros en particular, fan que o significado global destas obras sexan aínda un enigma. Así e todo, hai varias liñas interpretativas que convén ter en conta.

En Judith e Holofernes a interpretación psicanalítica ten visto a representación da castración do hombre poderoso e maduro. Non é desatinado ver un símbolo da relación sexual entre Goya e Leocadia Weiss.

Glendinning sinala que Goya decora a súa quinta de acordo co decoro co que se realizaban os palacios da nobreza e a alta burguesía. Segundo estas normas, e considerando que a planta baixa servía como comedor, os cadros deberían ter unha temática acorde coa contorna: debería haber escenas campestres —a vila situábase á beira do Manzanares e fronte á pradeira de San Isidro— e bodegóns e representacións de banquetes alusivos á función do salón. Aínda que o aragonés non trata estes xéneros explicitamente, Saturno devorando a un fillo e Dous vellos comendo sopa remiten, aínda que de xeito irónico e con humor negro, o acto de comer. Ademais Judith mata a Holofernes logo dun banquete. Outros cadros inverten a habitual escena bucólica e relaciónanse coa próxima ermida do santo patrón dos madrileños: A romería de San Isidro, A peregrinación a San Isidro en mesmo A Leocadia, cuxo sepulcro pode relacionarse co cemiterio anexo á ermida.

Dende outro punto de vista, o andar baixo, peor iluminado, contén cadros de fondo maioritariamente escuro (agás A Leocadia, se ben viste de loito e aparece na obra unha posible tumba, quizais a do propio Goya). Nela é moi abundante a presenza da morte e a vellez do ser humano. Mesmo a decadencia sexual, segundo se interpreta freudianamente a relación con mulleres novas que sobreviven e mesmo castran o home (Leocadia e Judith respectivamente). Os vellos comendo sopa, outros dous "vellos" no cadro de formato vertical homónimo, o avellentado Saturno... representan a figura masculina. Saturno é, ademais, o deus do tempo e a encarnación do carácter melancólico, relacionado coa bile negra, no que hoxe chamariamos depresión.

No segundo andar Glendinning aprecia un contraste entre a risa e o pranto (a sátira e a traxedia) e entre os elementos da terra e o aire. Para a primeira dicotomía Homes lendo, co seu ambiente de seriedade, oporíase a Dous mulleres e un home; estes son os dous únicos cadros escuros da sala e marcarían a pauta —o espectador os contemplaba ao fondo da estancia ao acceder a ela— das oposicións dos demais. Así nas escenas mitolóxicas de Asmodea e Átropos percibiríase a traxedia, mentres que noutros, como a Peregrinación do Santo Oficio vislumbramos unha escena satírica. En canto o segundo dos contrastes, hai figuras suspendidas no aire nos dous cadros antes mencionados e afundidas ou asentadas na terra no Duelo a garrotazos e no Santo Oficio. Mais ningunha destas hipóteses soluciona satisfactoriamente a procura dunha unidade no conxunto dos temas da obra analizada.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Revista Descubrir el Arte, nº 201, novembro de 2015, páxinas 18-24. ISSN 1578-9047.
  2. Iberic@l, Revue d’études ibériques et ibéro-américaines, nº 10, otoño 2016, pp. 219-232. "La casa de Goya en la Quinta del Sordo, en 1828". CRIMIC, Université Paris-Sorbonne.
  3. Foron variadas as propostas de título para estas pinturas. A máis temperá débese ao inventario de bens do pintor que Antonio Brugada realizou trala morte de Goya.
    Despois da morte de Goya, Antonio Brugada tería realizado un inventario destas obras e propuxera unha serie de nomes para cada unha delas, nomes, que nalgúns casos, foron completados o mudados posteriormente pola crítica especializada.
  4. Charles Yriarte, Goya, sa vie, son oeuvre (1867).
  5. Cfr. Valeriano Bozal (2005), vol. 2, páx. 247:
    Salvador Martínez Cubells (1842-1914), restaurador do Museo do Prado e académico de número da Real Academia de Belas Artes de San Fernando, trasladou as pinturas a lenzo por encargo do que naquel momento, 1873, era propietario da quinta, o barón Fréderic Emile d'Erlanger (1832–1911). Martínez Cubells realizou este traballo axudado polos seus ormáns Enrique e Francisco (...)
    Valeriano Bozal, Francisco Goya, vida y obra (2 vols.), Madrid, Tf. Editores, 2005, vol. 2, páx. 247, ISBN 84-96209-39-3.
  6. Ao morrer Javier Goya en 1854, a quen o seu fillo Mariano traspasara a propiedade, os acredores hipotecarios e crediticios esixíronlle a venda do terreo en pública poxa, mais no houbo comprador nin nese ano nin nos seguintes. En 1859 adquiriuna Segundo Colmenares que tiña un proxecto de urbanización da zona, mais por dificultades económicas traspasoulla cos terreos lindeiros a Luis Rodolfo Coumont, residente en Bruxelas. Foi entón cando Yriarte visitou la Quinta. En 1873, coñecedor da existencia das pinturas, Erlanger fíxose coa propiedade da casa, próxima xa á ruína, encargou a Laurent unha reportaxe fotográfica e encomendou a Martínez Cubells o trasladalas a lenzo: Hervás (2019), pp. 33-42.
  7. Hervás (2019), pp. 43-45.
  8. Hervás (2019), p. 45.
  9. Valeriano Bozal (2005), vol. 2, páxs. 248-249.
  10. 10,0 10,1 Glendinning (1993), páx. 116.
  11. Arnaiz (1996), páx. 19.
  12. Nigel Glendinning, "Las pinturas Negras de Goya y la Quinta del Sordo. Precisiones sobre las teorías de Juan José Junquera", Archivo Español de Arte, xullo-setembro de 2004, tomo LXXVII, núm. 307, pp. 233 a 245.
  13. O que se coñece como Inventario Brugada é, en realidade, un documento sen sinatura nin data e actualmente perdido. Foi publicado por Xavier Desparmet Fitz-Geraldd que puido consultar unha copia incompleta en poder da viúva de Brugada contra o 1875, razón pola que atribuíu a autoría a Brugada e supuxo que o tería realizado en Madrid en 1828, á morte de Goya e en relación coa súa herdanza. Mais, exiliado en Francia e perseguido en España polas súas ideas liberais, non hai ningunha proba de que viaxara a Madrid nesa data, polo que Jeaninne Baticle, aceptando como imposible que fixera o inventario á morte de Goya e dende a distancia, supuxo que o faría en 1823, antes de marchar a Francia, aínda que nada indica que Brugada tivera trato con Goya antes de encontrarse con el en Bordeos. Contra ese adianto da data de realización do inventario tamén se posiciona Junquera con fontes documentais e argumentos filolóxicos, como a mención que se fai nel dun vargueño ou bargueño e un sillonceto Luis XV, voces que só aparecerán no castelán a finais do século XIX: Junquera (2003), pp. 357-358. Tamén Hervás (2019) pp. 25-26.
  14. Cabezas en un paisaje con comentario.
  15. Existen reconstrucións virtuais deste espazo en liña en artarchive.com Arquivado 01 de xaneiro de 2009 en Wayback Machine. e theartwolf.com
  16. Hervás (2019), p. 67. Imbert informou da súa visita e deu detalles da colocación das pinturas coincidente coa de Yriarte e algo máis precisa nalgúns aspectos en L'Espagne. Splendeurs et misères. Voyage artistique et pittoresque, París, ed. Plon et Cie, 1875, pp. 325-331.
  17. "Las Pinturas negras en la Quinta de Goya. Reconstrucción de la planta baja, con las fotografías de J. Laurent de 1874". Goya en la Literatura, en la Música y en las Creaciones Audiovisuales. Actas del Seminario Internacional, Zaragoza, Institución Fernando el Católico, 2019, pp. 401-412. ISBN 978-84-9911-557-3.
  18. Carlos Foradada, Goya recuperado en las Pinturas negras y El coloso, Gijón, Ediciones Trea, 2019, p. 93. ISBN 978-84-9704-872-9.
  19. Carlos Teixidor, "Fotografías de Laurent en la Quinta de Goya", en revista Descubrir el Arte, nº 154, decembro de 2011, páxs. 48-54.
  20. María del Carmen Torrecillas Fernández, «Las pinturas de la Quinta del Sordo fotografiadas por J. Laurent», Boletín del Museo del Prado, tomo XIII, número 31, 1992, páx. 57 e ss.
  21. Periódico El Globo, Madrid, 26 de xullo de 1875. Artigo titulado: "Los frescos de Goya". Neste xornal díxose que o Sr. Martínez Cubells conseguira trasladar con éxito O Aquelarre, que é nomeado como "Asemblea de bruxos e bruxas" (...),"un fermoso lenzo de máis de cinco metros de longo". Esta cita proba que o restaurador Martínez Cubells trasladou a pintura completa, e que foi posteriormente cando sufriu recortes nos lados, quizais para encaixala nun espazo limitado en París.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • ARNAIZ, José Manuel, Las pinturas negras de Goya, Madrid, Antiqvaria, 1996. ISBN 978-84-86508-45-6
  • BENITO OTERINO, Agustín, La luz en la quinta del sordo: estudio de las formas y cotidianidad, Madrid, Universidad Complutense, 2002. Edición dixital ISBN 84-669-1890-6
  • BOZAL, Valeriano, Francisco Goya, vida y obra, (2 vols.) Madrid, Tf., 2005. ISBN 84-96209-39-3.
  • —, «Pinturas negras» de Goya, Tf. Editores, Madrid, Tf., 1997. ISBN 84-89162-75-1
  • GLENDINNING, Nigel, «The Strange Translation of Goya's Black Paintings», The Burlingon Magazine, CXVII, 868, 1975.
  • —, The Interpretation of Goya's Black Paintings, London, Queen Mary College, 1977.
  • —, Goya y sus críticos, Madrid, Taurus, 1982.
  • —, «Goya's Country House in Madrid. The Quinta del Sordo», Apollo, CXXIII, 288, 1986.
  • —, Francisco de Goya, Madrid, Cuadernos de Historia 16 (col. «El arte y sus creadores», n.º 30), 1993. D.L. 34276-1993
  • HAGEN, Rose-Marie y Rainer Hagen, Francisco de Goya, Colonia, Taschen, 2003. ISBN 3-8228-2296-5.
  • HERVÁS LEÓN, Miguel, La Quinta de Goya y sus Pinturas Negras. Dos siglos de desventuras (1819-2019), Madrid, Casimiro, 2019, ISBN 978-84-16868-61-2
  • JUNQUERA, Juan José (2003). "Los Goya: de la Quinta a Burdeos y vuelta". Archivo Español de Arte 76 (304): 353–370. ISSN 1988-8511. doi:10.3989/aearte.2003.v76.i304.263. 
  • YRIARTE, Charles, Goya, sa vie, son oeuvre, París, Henri Plon, 1867; trad. ao castelán por Enrique Canfranc e Lourdes Lachén, Goya, Zaragoza, Departamento de Educación y Cultura, 1997. ISBN 84-7753-644-9.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]