Pezosiren

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Pezosiren
Rango fósil: 49 Ma-46 Ma
Eoceno temperán
Dans l'ombre des dinosaures - Pezosiren - 016.jpg
Esqueleto montado
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Orde: Sirenia
Familia: Prorastomidae
Xénero: Pezosiren''
Domning, 2001
Especie: P. portelli''
Nome binomial
'Pezosiren portelli'
Domning, 2001

Pezosiren portelli é unha especie de sirenio basal do Eoceno temperán de Xamaica, de hai 50 millóns de anos. É a única especie do xénero Pezosiren. O espécime tipo está representado por un esqueleto fósil atopado en Xamaica, descrito en 2001 por Daryl Domning,[1] un paleontólogo mariño da Universidade Howard en Washington, D.C.. O seu nome procede do grego πεζός (pezos), 'de pé', 'camiñante', e Σειρήν (Seirēn, latinizado a Siren), 'serea'[1] Crese que este animal tiña un estilo de vida anfibio similar ao dos hipopótamos, e é un exemplo de forma transicional entre os mamíferos terrestres e os acuáticos dentro da liña evolutiva dos sirenios.[2]

P. portelli ten o cranio típico e a forma básica do corpo dos modernos sirenios, como os manatís e dugongos, pero tamén ten catro extremidades, non modificadas aínda en aletas, con pés ben desenvolvidos que aínda estaban adaptados a camiñar por terra.

Descubrimento[editar | editar a fonte]

Esqueleto de molde de P. portelli

Na década de 1990, atopáronse vertebrados fósiles en depósitos de albufeira en Seven Rivers en Xamaica grazas aos traballos de Daryl Domning e colegas. O sitio é rico en fósiles e proporcionou centos de ósos de vertebrados principalmente acuáticos, un rinoceronte primitivo e posiblemente un primate. En 2001, Domning describiu un sirenio que camñaba procedente deste sitio, dándolle o nome de Pezosiren portelli, baseándose nun esqueleto case completo. É o primeiro sirenio cuadrúpede e considérase unha forma de transición entre os sirenios terrestres e mariños. P. portelli tiña catro patas perfectamente adaptadas a camiñar en lugar de aletas, pero á vez tiña o cranio, dentes e costelas típicas dos sirenios "normais" completamente acuáticos. As súas pesadas costelas proporcionábanlle lastre, o que indica que era semiacuático, quizais como un hipopótamo. O sitio de Seven Rivers non só é un dos moi raros exemplos de depósitos non situados en covas nas Indias Occidentais, senón tamén o máis antigo descuberto ata agora, cunha idade datada entre o Eoceno temperán e o tardío, tal como lla atribuíu Robinson en 1988.[3] A presenza deste mamífero terrestre en Xamaica pode explicarse como unha proba da existencia dunha ponte terrestre no Eoceno que conectaba Norteamérica co Arco mexicano, o Bloque Chortis, a crista de Nicaragua, e Xamaica. Sexa cal for a orixe dos sirenios, esta especie non tivo un impacto posterior na historia dos mamíferos das Antillas, porque Xamaica quedou submerxida pouco despois e desapareceron todas as formas terrestres. O resto da fauna fósil acompañante consiste principalmente en vertebrados acuáticos (peixes, crocodilianos e tartarugas) e unha especie de rinoceronte (do xénero Hyrachyus).[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Domning, D. P. (2001-10-11). "The earliest known fully quadrupedal sirenians". Nature (Nature Publishing Group) 413 (6856): 625–627. PMID 11675784. doi:10.1038/35098072. 
  2. Prothero, Donald R. 2007. Evolution: What the Fossils Say and Why It Matters. With original illustrations by Carl Buell. New York, Columbia University Press.
  3. Robinson, E. (1988). "Late Cretaceous and early Tertiary sedimentary rocks of the Central Inlier, Jamaica". Journal of the Geological Society of Jamaica 24: 49–67. 
  4. Domning, D. P.; Emry, R. J.; Portell, R. W.; Donovan, S. K.; Schindler, K. S. (December 1997). "Oldest West Indian Land Mammal: Rhinocerotoid Ungulate from the Eocene of Jamaica". Journal of Vertebrate Paleontology (Society of Vertebrate Paleontology) 17 (4): 638–641. JSTOR 4523853. doi:10.1080/02724634.1997.10011013. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]