Petula Clark

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Petula Clark
Petula Clark 2012.jpg
Nome completoSally Olwen Clark
AlcumePetula Clark e Pet Clark
Nacemento15 de novembro de 1932
 Epsom
NacionalidadeReino Unido
Ocupaciónactriz, actriz infantil, cantante, compositora, actriz de teatro, actriz de cinema e artista discográfico
PaiLeslie Clark
Coñecida porDowntown
PremiosComandante da Orde do Imperio Británico e cabaleiro da orde das Artes e as Letras
editar datos en Wikidata ]

Sally Olwen Clark (CBE), nada en Epsom (Surrey) o 15 de novembro de 1932, é unha cantante, actriz e compositora británica coñecida como Petula Clark. É célebre polas súas cancións de éxito nos anos 1960, en especial "Downtown", "I Know a Place", "My Love", "Colour My World", "A Sign of the Times" e "Don't Sleep in the Subway". Con máis de 68 millóns de discos vendidos no mundo,[1] converteuse na artista británica máis prolífica, segundo se rexistra no Guinness World Records.[2]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Clark naceu en Surrey (Inglaterra), filla de Doris (de solteira Phillips) e Leslie Noah Clark. Ambos os seus pais eran enfermeiros en Long Grove Hospital. Durante a segunda guerra mundial viviu coa súa irmá na casa dos seus avós en Newbridge, Caerphilly (Gales), nunha pequena casa de pedra sen electricidade nin auga corrente. O seu avó era mineiro.[3]

Dende moi nova se interesou en diferentes producións.[4] O seu primeiro público foi en Colliers' Arms en Abercanaid, preto de Merthyr Tydfil.[5] De nena cantou no coro da capela e demostrou talento para as imitacións.[6] O seu pai introduciuna no teatro cando a levou a ver a Flora Robson nunha produción de 1938.

En outubro de 1942, con nove anos, debutou na radio cando acudiu a unha retransmisión da BBC co seu pai. Estaba alí para intentar enviar unha mensaxe a un tío que estaba no estranxeiro, mais o programa retrasouse por un ataque aéreo. Durante o bombardeo, o produtor pediu que alguén actuase para tranquilizar o público e ela ofreceuse a cantar "Mighty Lak' a Rose", con grande éxito. Despois repetiu a interpretación no programa, o que a levou a unhas 500 aparicións en programas para entreter as tropas.[7]

Con só trece anos fixo a súa primeira incursión na gran pantalla co filme A Medal for the General. Ese mesmo ano tamén participou en Strawberry Roan, Query e I Know Where I’m Going!; este foi o principio dunha longa filmografía. Outros dos seus filmes significativos foron Dance May (1950), The Gai Dog (1954), Daggers Drawn (1964) ou Never never Land (1982), entre outros.

Aos vinte e dous anos arrincou simultaneamente unha brillante carreira na música. Estreouse coa canción "The Little Shoemaker", á que seguiron "Alone" e "Sailor", canción que chegou a ser número un en 1960. Precisamente nesta década en que todas as súas cancións se convertían en éxitos, decidiu trasladarse a Francia tras contraer matrimonio con Claude Wolf.[8]

Musicalmente o seu maior éxito foi a canción "Downtown", do compositor Tony Hatch,[9] sinxelo que se colocou no número un no Reino Unido e nos Estados Unidos de acordo á lista de Billboard no ano 1964.[10] Tivo un segundo número un nos Estados Unidos en 1966 coa canción "My Love".

A fama que logrou na música ofreceulle a posibilidade de traballar na televisión en producións de grande éxito.

Filmografía[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Mini-Biography". Petula Clark.net. 28 de outubro de 2000. Arquivado dende o orixinal o 24 de setembro de 2015. Consultado o 18 de agosto de 2015. 
  2. "Petula Clark Website oficial". Arquivado dende o orixinal o 24 de setembro de 2015. Consultado o 30 de xaneiro de 2010. 
  3. Evans, Busola (2013-09-06). "Petula Clark: My family values | Life and style". The Guardian. Consultado o 24 de xuño de 2017. 
  4. Kon, Andrea, This is My Song: A Biography of Petula Clark. Londres: W.H. Allen & Co. Ltd. 1983 ISBN 0 491 02898 9, pp. 23, 37-38
  5. "Petula Clark goes downtown". Wales Online. febreiro de 2007. Consultado o 24 de xuño de 2017. 
  6. Kon, Andrea, This is My Song: A Biography of Petula Clark. London: W.H. Allen & Co. Ltd. 1983 ISBN 0-491-02898-9, pp. 23, 37–38
  7. Miller, Michelle (24 de decembro de 2017). "Petula Clark, still on the road". CBS Sunday Morning (CBS). Consultado o 11 de abril de 2019 – vía CBS Interactive. 
  8. Kon, pp. 157-58
  9. Legends: Petula Clark — Blue Lady, broadcast on BBC Four 19 de novembro de 2006

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]