Perceval ou le Conte du Graal
Perceval ou le Conte du Graal (en galego Perceval, o Conto do Graal) é un romance inacabado de Chrétien de Troyes. Escrito probabelmente entre 1181 e 1191, foi dedicado ao patrón do escritor, Filipe da Alsacia, conde de Flandres.[1] Chrétien traballara na obra a partir de escrituras fornecidas por Filipe. O poema relata as aventuras do mozo cabaleiro Perceval.
Sinopse
[editar | editar a fonte]A aprendizaxe como cabaleiro de Perceval
[editar | editar a fonte]O poema comeza cun Perceval mozo encontrando cabaleiros e percibindo que a el tamén lle gustaría ser un. Súa mai criárao fóra dos dominios da civilización, nas forestas do País de Gales, desde a morte de seu pai. A contragusto de súa mai, o rapaz parte para a corte do rei Artur, onde unha rapaza prevé grandes conquistas na vida del. Kay búrlase del, mais tórnase cabaleiro e encoméndanlle derrotar o malvado Cabaleiro vermello, encarga que Perceval consegue cunha lanza. Despois, Perceval vai ao castelo de Gornemant de Goor, un experimentado cabaleiro, co cal aprende con rapidez.
No castelo do Graal
[editar | editar a fonte]O protagonista, xa armado cabaleiro por Gornemant, participa na defensa do castelo de Belrepeire, onde coñece a fermosa Brancaflor, da cal se namora. Tras isto, Perceval acode ao castelo do Graal, invitado polo Rei Pescador. Durante unha escena, ve unha estraña procesión onde se mostran tres elementos: unha lanza chea de sangue, un graal e un prato. Estes tres obxectos, así como o feito de que Perceval non pregunte sobre o seu significado (pois así fora aconsellado), están cargados de complexos simbolismos. A lanza representa a lanza sagrada, aquela que foi cravada no corpo de Cristo na cruz; o graal, a copa onde se recolleu o sangue de Cristo crucificado; e o prato alude ao que se utiliza para a eucaristía. Por outra parte, o silencio de Perceval ante a procesión terá terribles consecuencias para o Rei Pescador e para si mesmo (como lle explicará a súa prima). No día seguinte, el volta para a corte do Rei Artur.
Gotas de sangue sobre a neve
[editar | editar a fonte]Perceval continúa as súas aventuras, algunhas compartidas con Gawain, un cabaleiro que é sobriño do rei Artur, e que cobra moito protagonismo na segunda metade da novela. Perceval, como bo cabaleiro, está idilicamente namorado da doncela Brancaflor, feito que lle permite ao autor recrearse en fermosas e poéticas pasaxes que testemuñan a paixón do protagonista.
Perceval e o ermitán
[editar | editar a fonte]Tras narrar algunhas peripecias ocorridas a Gawain, Perceval encontra un ermitán que lle explica certas cousas sobre el e ademais confírmalle as palabras da súa curmá sobre o seu erróneo comportamento no castelo do Graal.
Adaptación ao cine
[editar | editar a fonte]A pesar de se realizaren varias adaptacións ao cine co tema da lenda artúrica, Éric Rohmer filmou unha estraña e bela adaptación da obra de Chrétien de Troyes en Perceval le Gallois (1978).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Lacy, Norris J. (1991). "Chrétien de Troyes". In Norris J. Lacy, The New Arthurian Encyclopedia, pp. 88–91. New York: Garland. ISBN 0-8240-4377-4.