Pedro de Agar

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Pedro de Agar
Pedro Agar y Bustillo (Museo Naval de Madrid).jpg
Pedro Agar y Bustillo, anónimo del s. XIX. Museo Naval de Madrid.
Nacemento19 de xuño de 1763
 Bogotá
Falecemento1 de outubro de 1822
 Madrid
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónmariño, político e militar
editar datos en Wikidata ]

Pedro de Agar y Bustillo, nado en Bogotá o 19 de xuño de 1763 e finado en Madrid o 1 de outubro de 1822, foi un militar e político galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Foi fillo de Benito de Agar y Leis, orixinario da Casa de Trillo en Santa Mariña, por entón dependente do coto de Moraime (Muxía). Emigrou a Cartagena de Indias, onde entrou na corte do vicerrei de Nova Granada. A súa nai foi María Josefa Javiera Bustillo Pérez, nada en Llanes e sobriña do fiscal Fernando Bustillo García.

Pedro de Agar criouse na Coruña, na casa de Agar, na rúa Real. En 1780 ingresou na Armada Española como garda mariña en Cádiz. En 1781 embarcou no Santo Domingo e foi ascendido a alférez de fragata. O ano seguinte participou en combates no asedio de Xibraltar. Pasou a facer estudos superiores, e logo de ser nomeado tenente de fragata, en 1787 comezou a dar clases na Academia de Gardas Mariñas de Ferrol. En 1791 pasou ao corpo de enxeñeiros da Armada, mais foi licenciado en 1796 por problemas de visión. Foi readmitido en 1800, e nomeado director da Academia de Gardas Mariñas. En 1802 foi ascendido a capitán de fragata, e en 1804 destinado a Cádiz como director xeral das Academias de Reais Gardas Mariñas.

Foi elixido deputado por Ultramar nas Cortes de Cádiz, e en 1810, no marco da Guerra da Independencia Española, foi nomeado presidente da Rexencia de España e Indias. Cesado en 1812, volveu ocupar o cargo en 1813 até que Fernando VII de España estableceu de novo a monarquía absoluta. Detido en Madrid e desterrado a Santiago de Compostela en maio de 1814, estivo recluído en Betanzos até que en 1820 foi liberado polo coronel Félix Álvarez Acevedo ao comezar o trienio liberal. Foi nomeado Capitán Xeneral de Galicia, e o 25 de xullo participou na ofrenda ao Apóstolo Santiago como delegado rexio. En 1821 pasou a formar parte do Consello de Estado. Tras a súa morte foi soterrado no cemiterio da Puerta de Fuencarral.

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Casou con Teresa de Castro Domínguez, da Graña (provincia de Betanzos), finada o 18 de abril de 1818. O 20 de decembro de 1820 casou de novo con Paula Roldán Riobóo, finada na Coruña en marzo de 1855. Con esta última tivo dúas fillas, Manuela e Petra de Agar Roldán (póstuma), quen casou con Ramón de la Maza.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]