Pedro Muñiz (arcebispo)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Pedro Muñiz, nado en Brión e finado en Santiago de Compostela o 29 de xaneiro de 1224, alcumado O Nigromántico,[1][2] foi un relixioso e canonista galego que ocupou varios cargos eclesiásticos, sendo arcebispo de Santiago de Compostela entre 1207 e 1224. En 1211 consagrou a Catedral de Santiago de Compostela. En torno á súa figura xurdiron varias lendas arredor das supostas prácticas nigrománticas que levaba a cabo. Porén, non existe proba ningunha que demostre a súa práctica da nigromancia.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Tumba de Pedro Muñiz xunto ao Pórtico da Gloria.
Detalle do epitafio latino inscrito na lápida de bronce.

Naceu nunha familia propietaria de terras en San Fins de Brión. Sendo novo accedeu ao cargo de arquidiácono da catedral compostelá. Despois foi deán da catedral de León. Segundo recolle o seu coetáneo Lucas de Tui en De Miraculis Sancti Isidori, tivo que acudir xunto a Martiño de León en busca de cura a unhas febres cuartás que tiña desde meses atrás. Logo de oraren preto do altar de Santo Isidoro, Pedro Muñiz recobrou milagrosamente a saúde. A partir de entón trabou unha forte amizade con Martiño e tivo gran fe en torno á figura Santo Isidoro, a favor de quen dedicou unha homilía.

En 1205 foi nomeado bispo de León, cargo que exerceu durante dous anos.[3] En 1207 chegou como arcebispo a Santiago de Compostela, tomando o nome de Pedro IV. Durante o seu arcebispado fixo valer a súa amizade co pontífice Inocencio III para acadar beneficios para a arquidiocese. Consagrou a catedral en abril de 1211 e soubo manter a estabilidade que se botara en falta na segunda metade do século XII.[4]

Logo de finar, foi soterrado xunto ao Pórtico da Gloria, como deixara disposto. A lámina sepulcral de bronce foi gravada en 1776 polo latoeiro Diego Álvarez[5] e inclúe un epitafio en latín:

COMPOSTELANVS PRESVL PETRVS ~ IIII, FVISTI, TE DIVINA MANVS PERDVCAT, AD DEXTERAM XPTI. OBIT DOMINVS PETRVS MVNIZ ARCHIEPISCOPVS ~ IIII, SVB ERA, MCCLXII ET IIII KALENDAS FEBRVARII.[6] Pedro IV fuches bispo compostelán. Que a man divina te conduza á dereita de Cristo. O arcebispo Pedro IV Muniz morreu o 29 de xaneiro de 1224.

Labor como arcebispo[editar | editar a fonte]

A comezos do século XIII era frecuente que no interior da Catedral románica houbese conflitos entre os peregrinos para obter un sitio no que poder rezar o máis preto posible da tumba de Santiago o Maior. Algúns dos enfrontamentos remataban con derramamento de sangue, quedando o edificio execrado e pechado ao culto até que o arcebispo non oficiase de novo o complexo rito de consagración do templo. Porén, o papa Inocencio III permitiu a Pedro Muñiz substituír este proceso por un simple rito de bendición.

Unha das doce cruces de consagración da catedral compostelá. O dístico latino que a circunda di «en 1211 Pedro IV dedicou este templo ao sumo David».

O arcebispo conseguiu tamén que o papa Inocencio emitise unha bula contraria aos falsificadores de insignias da peregrinación (o dereito da venda correspondía á basílica por medio de vendedores autorizados e controlados por ela) e que lle permitise empregar o palio arcebispal fóra das dioceses da metrópole.

Sumamente interesado na cultura e a reforma da vida cristiá, como viña sendo habitual nos prelados composteláns, Pedro Muñiz destacou tamén como canonista, colaborando no desenvolvemento do novo dereito culto da Igrexa.[7] Enviou os seus clérigos aos studia franceses e italianos para que se versasen en Humanidades, e tamén amparou as ordes mendicantes instaladas na arquidiocese para avanzar na renovación moral e intelectual do clero. Así, durante o seu arcebispado creáronse en Santiago de Compostela o Convento de San Francisco do Val de Deus e o Convento de San Domingos de Bonaval. Pedro Muñiz permitiu que a orde dominica e a orde franciscana desenvolvesen unha actividade exexética sobre os escritos aristotélicos como De animalibus ou os scripta minora, e permitiu que empregasen os comentarios anteriormente feitos por filósofos como Averroes ou Avicena.[8]

Tanto Pedro Muñiz como o seu sucesor Bernardo II permitiron á pequena burguesía compostelá dotarse dunha organización política, creándose os primeiros gremios e a figura do Concello gañou unha importancia que finalmente acabaría por desbordar a autoridade eclesiástica.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Armesto, V.: Galicia Feudal. Editorial Galaxia, 1971. Páx. 286.
  2. del Hoyo, J.: Memorias del Arzobispado de Santiago. Ed. Porto, 1949. Páx. 75 (en castelán).
  3. "Reconstrucción y verificación de las Cortes castellano-leonesas. La participación del clero", artigo de Ana Arranz Guzmán (en castelán).
  4. González Vázquez, M.: en Viajes y viajeros en la España medieval: actas del V Curso de cultura medieval. Ed. Polifemo, 1997 ISBN 84-86547-41-5. Páx. 350 (en castelán).
  5. López Ferreiro, A.: Historia de la Santa a. m. iglesia de Santiago de Compostela, Volumen 10. Imprenta del Seminario Central Conciliar, 1908. Páx. 276 (en castelán).
  6. Villaamil Castro, J.: Descripción histórico-artístico-arqueológica de la Catedral de Santiago. Imprenta de Soto Freire, 1886. Páx. 87 (en castelán).
  7. Betancourt Serna, F.: La recepción del derecho romano en Colombia. Universidad de Sevilla, 2007 ISBN 84-472-0908-8. Páx. 340 (en castelán).
  8. García Ballester, L.: " Naturaleza y ciencia en la Castilla del siglo XIII. Los orígenes de una tradición: los Studia franciscano y dominico de Santiago de Compostela (1222 - 1230)" (en castelán)