Pedro Basanta

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Pedro Basanta del Río»)
Infotaula de personaPedro Basanta
Biografía
Nacementodécada de 1890 Editar o valor em Wikidata
Lugo, España Editar o valor em Wikidata
Morte15 de xullo de 1964 Editar o valor em Wikidata (64/74 anos)
Madrid, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónenxeñeiro forestal , político Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata

Pedro Basanta del Río Rojo, nado en Lugo cara 1897 e finado en Madrid o 15 de xullo de 1964,[1] foi un enxeñeiro forestal e político galego

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo de José Basanta Santomé. Estudou na Escola de Enxeñeiros de Montes. En 1925 foi nomeado concelleiro de Lugo.[2] Foi enxeñeiro-xefe do Servizo de Repoboación Forestal da Deputación de Pontevedra. Foi un dos fundadores do Partido Galeguista de Pontevedra en 1931, despois integrouse no Partido Galeguista e desempeñou a secretaria xeral e a presidencia do comité xeral durante a campaña de propaganda do Estatuto de Galicia de 1931. Foi candidato por Lugo nas eleccións de 1933. En 1935, xunto con Xosé Filgueira Valverde e outros integrouse na Dereita Galeguista.

Circular de 1931 do Partido Galeguista de Pontevedra en favor do Estatuto de Galiza, asinada por Basanta (presidente) e Bóveda (secretario xeral).[3]

Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi sancionado coa postergación durante cinco anos e inhabilitación para cargos de confianza e profesionais en Galicia durante tres anos. Ofreceuse ás autoridades militares para cooperar e en outubro de 1936 foi pasaportado a Navia para facerse cargo das obras do aeródromo militar de Jarrio. O 18 de abril de 1937 foi nomeado tenente honorario de Enxeñeiros e en agosto foi incorporado á comandancia de Obras e Fortificacións do Oitavo Corpo de Exército franquista, interveu na construción das pontes de campaña, pistas e refuxios dos avances sobre as estradas de León e Oviedo por Pajares e polos portos de Torna e San Isidro. Rematada a campaña do norte, incorporárono ao servizo da infraestrutura da Xefatura do Aire e foi destinado á fronte de Guadalaxara, sub-sector de Soria, construíndo o aeródromo de Quintana de Gormaz e encargado do Parque número un de avance instalado na Torre Sebiñán. O 18 de maio de 1938 foi designado encargado das obras dos aeródromos de Jarrio, Sarria (aeródromo de Rozas) e Santiago de Compostela (actual aeroporto da Lavacolla) ata o 19 de setembro que foi destinado á Comandancia de Obras e Fortificacións da Oitava Rexión Militar, con residencia en Pontevedra como enxeñeiro de Obras e dirixindo as do cuartel de Campolongo e as das estradas de Beluso a Punta Udra e Panxón a Monteferro. En 1938 concedéronlle o emprego de capitán honorario polo tempo que durase a campaña. En 1939 dirixiu as obras dos edificios do cuartel de Campolongo e a dirección da explotación de madeiras que a comandancia tiña en Santiago de Compostela e en Ferreira do Valadouro.

En 1941 pertencía a Falange Española como militante adscrito á xefatura da Coruña. Abríronlle expediente polo Regional de Responsabilidades Políticas, pero por incorporarse voluntario ao exército franquista, e polos servizos prestados, foi absolto, declarándoo exento de toda responsabilidade política.

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Casou en 1925 con María del Carmen Pérez de la Mata, filla de Casimiro Pérez García,[4] e foi pai de Pedro, Angela, Juan José, María del Carmen, José Luis, Alvaro e Carlos Basanta Pérez.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Necrolóxica en ABC, 16-07-1964, p. 92.
  2. El Progreso, 19-4-1925, p. 1.
  3. Diéguez Cequiel, Uxío-Breogán (2010). Alexandre Bóveda nos seus documentos. Ourense: Difusora das Artes e as Letras. ISBN 978-84-92958-01-6. 
  4. El Progreso, 8-9-1925, p. 1.