Paulino Fernández
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1925 Surribas, España |
Morte | 8 de marzo de 1989 (63/64 anos) Surribas, España |
Causa da morte | suicidio, asfixia |
Actividade | |
Ocupación | labrego |
Paulino Fernández Vázquez, nado en Surribas (Adá, Chantada) en 1925 e finado no mesmo lugar o 8 de marzo de 1989, foi un labrego galego, que se fixo famoso ao cometer o maior crime en serie da historia de Galicia.
O crime de Chantada
[editar | editar a fonte]Antecedentes
[editar | editar a fonte]Os coñecidos de Paulino Fernández falan del como un veciño introvertido, tranquilo e serio, que se levaba ben con todo o mundo a pesar de ser unha persoa reservada[1]. Ó parecer, levaba tempo preocupado pola propiedade dunhas terras que mercara a uns parentes que vivían no Brasil[2], que non estaban ao seu nome no catastro, conforme relatou o seu avogado e daquela alcalde de Chantada, Sergio Vázquez Yebra, que falou na mañá do crime con el. Segundo o seu relato, o día dos acontecementos, Paulino amosábase máis nervioso e depresivo do normal e levaba un tempo obsesionado con que os seus veciños querían facerse coas terras recentemente adquiridas.[2] Esa mesma mañá falou tamén co notario e despois fixo algúns recados pola vila de Chantada co seu irmán, Marcelino Fernández, co que quedou a xantar na casa deste.
Paulino estaba casado, e non tiña fillos; a súa muller tiña problemas de mobilidade e cegueira logo dun accidente[3]. Dende 1971, Paulino sufría dunha síndrome depresiva que lle afectaba fisicamente e cuxo tratamento abandonou en 1988 ó non volver á consulta do seu psiquiatra.[4]
Os feitos
[editar | editar a fonte]O 8 de marzo de 1989 contra as tres e media da tarde, de volta xa en Surribas, Paulino Fernández saíu da súa casa e atacou cun coitelo da matanza o seu veciño José Gamallo. Este escapou xunto á súa muller, que chamou á Garda Civil.[2] Paulino volveu para a casa, sacou a pacer as vacas e foi con elas cara a Quinzán da Vila. De camiño atopou catro veciños dunha mesma familia traballando nunha leira, e atacounos. Tres deles morreron no momento, e a cuarta tentou escapar por unha pista cara a Adá, pero Paulino atrapouna e asasinouna tamén. Nese momento atopou outro veciño, atacouno e deixouno ferido grave.
Decidiu entón volver cara a Surribas por Quinzán do Carballo, e polo camiño atacou sete veciños máis, dos cales dous morreron no momento e unha máis faleceu ao cabo de vinte días polas feridas sufridas. No seu camiño tamén atopou outras persoas ás que non atacou.
Cando chegaron os gardas, Paulino xa volvera para a súa propia casa, de onde o seu irmán sacara a súa muller tras coñecer os sucesos.[2] Prendeu lume á vivenda con el dentro e deitouse na cama. Faleceu como consecuencia deste incendio.
As vítimas
[editar | editar a fonte]Incluíndo o propio Paulino Fernández, houbo oito mortos[5]:
- Avelina Moure Soengas (67 anos de idade)
- Emilio Ramos Blanco (66)
- José Lago García (59)
- Celsa Sanmartín Ledo (63)
- Aurora Sanmartín Ledo
- Maximino Saa Sánchez (72)
- Amadora Vázquez Pereira (43)
O enterro
[editar | editar a fonte]O día 10 de marzo, cinco das vítimas, e tamén Paulino Fernández, foron soterradas na igrexa parroquial de Adá.[4] O enterro do asasino realizouse unha hora antes da cerimonia conxunta das súas vítimas. A sexta vítima foi soterrada en Mato (Taboada).
Impacto cultural
[editar | editar a fonte]O crime de Paulino Fernández aparece citado na longametraxe A matanza caníbal dos garrulos lisérxicos (1993), do cineasta Antonio Blanco[6]. Tamén se menciona o seu nome nas cancións "Terra brava" de Os Diplomáticos de Monte Alto (1993)[7] e "Veraneo en Puerto Hurraco", de Def Con Dos (1999).[8]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Treinta años de una masacre que aún conmociona a Chantada". El Progreso de Lugo (en castelán). 2019-03-03. Consultado o 2020-10-09.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 "El espectro de Paulino lleva cuchillo". El País (en castelán). 10 de marzo de 1989.
- ↑ "El homicida de Chantada se lleva a la tumba el secreto de su locura". La Vanguardia (en castelán). 10 de marzo de 1989.
- ↑ 4,0 4,1 "¿Recuerdas La matanza de Chantada?". El Correo de España (en castelán). 2016-09-27. Consultado o 2020-10-09.[Ligazón morta]
- ↑ "Un vecino de Lugo mata a 7 personas antes de suicidarse". El País (en castelán). 9 de marzo de 1989.
- ↑ Blog Todo Nada[Ligazón morta], 7/3/09
- ↑ Blog Todo Nada Arquivado 05 de marzo de 2016 en Wayback Machine., 7/3/09
- ↑ Veraneo en Puerto Hurraco