Passer predomesticus

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Passer predomesticus
Rango fósil: plistoceno medio
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Passeriformes
Suborde: Passeri
Familia: Passeridae
Xénero: Passer
Especie: P. predomesticus
Nome binomial
Passer predomesticus
Tchernov, 1962

Passer predomesticus é unha ave fósil paseriforme da familia Passeridae. Descrito pola primeira vez en 1962, coñécense del dous ósos premaxilares da época do plistoceno medio atopados na cova de Oumm-Qatafa en Palestina. Eses premaxilares son semellantes aos dos pardais comúns e dos pardais mouros ou españois (Passer hispanioliensis) mais difiren pola presenza dunha físgoa profunda na vez dunha crista na parte inferior. O palentólogo israelí Eitan Tchernov, o descubridor da especie, considerou que estaba moi próximo ao antecesor do pardal común e do mouro pero a análise molecular estableceu unha orixe máis antiga cas especies de pardais modernas. Vivindo nun clima semellante, aínda que con maior pluviosidade, ao da Palestina actual, Tchernov considerouno un antepasado bravo dos pardais modernos que son comensais dos humanos, malia todo a súa presenza na cova de Oumm-Qatafa podería indicar que xa estaban asociados cos humanos.

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Un macho e femia dun pardal mouro no sueste de Turquía

O material coñecido de Passer predomesticus consiste en dous ósos premaxilares conservados na colección da Universidade Hebrea de Xerusalén que describiu o palentólogo israelí Eitan Tchernov en 1962[1] e que revisou o zoólogo surafricano Miles Markus dous anos máis tarde.[2] Tchernov non identificou claramente un espécime tipo e Robert M. Mengel, o redactor en xefe de The Auk, afirmou do traballo de Tchernov que contiña numerosas omisións e contradicións[3]. En 1975 o paleontólogo francés Cécile Mourer-Chauviré deu a coñecer a existencia de pardais fósiles nunha cova en Saint-Estève-Janson pero pola ausencia de premaxilares non se puido determinar se eran P. predomesticusou pardais comúns[4].

Tchernov argumentou que o pardal común e especies semellantes tiveran unhas mudanzas morfolóxicas considerables para se adaptaren á relación de comensalismo cos humanos, devindo cada volta máis longos e finos e que o P. predomesticus era unha especie intermedia entre o pardal común e o pardal mouro, suxerindo que podía ser un parente primitivo do antecesor do pardal común que non desenvolveu dependencia dos humanos.[1]. Nun traballo de 1984, Tchernov insinuou que o período no que se puideron separar o pardal común e oP. predomesticus foi durante a glaciación Würm hai entre 70.000 e 10.000 anos[5]. Markus atopou que as especies fósiles estaban máis próximas aos pardais comúns de Palestina e ao P. motitensis, e considerou que o pardal común evolucionou en África[2]. Nun estudo de 1977 sobre a evolución do pardal común os zoólogos americanos Richard F. Johnston e William J. Klitz acharon que o pardal común evolucionou co comezo da agricultura, datando todos os fósiles que puideran ser atribuídos ao antecesor común do pardal común e mouro como máis recentes que o P. predomesticus[6]. O ornitólogo británico J. Denis Summers-Smith na súa obra de 1988 The Sparrows, considerou que P. predomesticus era aproximadamente contemporáneo do antecesor común do pardal e do pardal mouro e que todas as especies Passeractuais da rexión paleártica evolucionarion con posterioridade[7]. Apoiándose en estudos máis recentes de análise molecular Ted R. Anderson concluíu en Biology of the Ubiquitous House Sparrow (2006) que todas as especies Passer tiñan unha longa historia evolutiva, coa especiación posiblemente acontecendo desde o Mioceno.[8]

Descrición[editar | editar a fonte]

Deseño do cranio dun pardal común visto desde abaixo, co premaxilar (indicado pmx) arriba

Os premaxilares, únicos ósos que se coñecen do Passer predomesticus, son relativamente doados de identificar nos paxaros. Tchernov atopou que os dous premaxilares de P. predomesticus semellábanse aos do pardal común e do pardal mouro, pero eran diferentes destes. En P. predomesticus existe unha rañura central e lonxitudinal cos bordos levantados que atravesa a cara inferior (ventral) do premaxilar. Pola contra, tanto o pardal común como o mouro teñen unha crista estreita nesta posición, que é máis prominente no común[1][2]. Nas especies Passer motitensis, Passer melanurus e Passer diffusus esta crista está moito menos desenvolvida, e mesmo poden ter unha rañura pequena diante do premaxilar, aínda que non tan desenvolvida como é no caso do P. predomesticus, xa que neste caso pode ter un largo máximo de 12 mm.[1][2]

Distribución[editar | editar a fonte]

Segundo o traballo de Tchernov de 1962, o Passer predomesticus atopouse no estrato E1, que se corresponde co Acheulense medio (Plistoceno Medio, o que implica que tiña que ter máis de 400.000 anos) da cova de Oumm-Qatafa en Wadi Khareitoun preto de Belén[6][9]. Non obstante en 1984 Tchernov afirmou que o P. predomesticus tiña arredor de 140.000 anos, datándoo no Yabrudense[5]. O estrato E1 contiña restos de 40  especies de paxaros, incluíndo o premaxilar que Tchernov describiu como precursor do Passer moabiticus e un tarsometatarso e úmero provisionalmente atribuídos a un pardal común[10]. Un estrato acheulense indeterminado da mesma cova tamén contiña fósiles que Tchernov describiu como precursores tanto do pardal común como do mouro[7].

Aínda que as interpretacións do paleoclima de Oumm-Qatafa difiren, Tchernov suxeriu que os depósitos concordan cun clima mediterráneo, aínda que con algo máis de pluviosidade que na actualidade[11]. Tchernov considerou o P. predomesticus un paxaro bravo[5] pero Anderson interpretou que a concorrencia do P. predomesticus con outros fósiles do xénero Passer en Oumm-Qatafa indica que xa vivían en asociación cos humanos do Paleolítico[8].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Tchernov 1962, pp. 102–103
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Markus, Miles B. (decembro de 1964). "Premaxillae of the fossil Passer predomesticus Tchernov and the extant South African Passerinae". The Ostrich 35 (4): 245–246. doi:10.1080/00306525.1964.9639423. 
  3. Woolfenden 1965, p. 680
  4. Mourer-Chauviré 1975, p. 212
  5. 5,0 5,1 5,2 Tchernov 1984, pp. 94–95
  6. 6,0 6,1 Johnston & Klitz 1977, pp. 18–19
  7. 7,0 7,1 Summers-Smith 1988, pp. 278–279
  8. 8,0 8,1 Anderson 2006, pp. 9–10
  9. Tchernov 1962, pp. 99–100
  10. Tchernov 1962, pp. 100, 103–104
  11. Tchernov 1962, p. 121

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Anderson, Ted R. (2006). Biology of the Ubiquitous House Sparrow: from Genes to Populations. Oxford: Oxford University Press. ISBN 0-19-530411-X.
  • Johnston, R. F.; Klitz, W. J. (1977). "Variation and evolution in a granivorous bird: the house sparrow". En Pinowski, Jan; e Kendeigh, S. Charles, editores. Granivorous birds in ecosystems: Their evolution, populations, energetics, adaptations, impact and control. International Biological Programme 12. Londres: Cambridge University Press. pp. 15–51. ISBN 0-521-21504-8.
  • Mourer-Chauviré, C. (1975). "Les oiseaux du Pléistocène moyen et supérieur de France". Documents des Laboratoires de Géologie de la Faculté des Sciences de Lyon64 (partes 1 e 2): 1–261, 263–624.
  • Summers-Smith, J. Denis (1988). The Sparrows: a study of the genus Passer. Ilustrado por Robert Gillmor. Calton, Staffs, England: T. & A. D. Poyser. ISBN 0-85661-048-8.
  • Tchernov, E. (novembro de 1962). "Paleolithic avifauna in Palestine". The Bulletin of the Research Council of Israel, Section B. Zoology 11 (3): 95–131.
  • Tchernov, E. (1984). "Commensal animals and human sedentism in the Middle East". In Clutton-Brock, J.; Grigson, C., eds. Animals and Archaeology. 3. B.A.R. pp. 91–115. ISBN 0-86054-207-6.
  • Woolfenden, Glen E., ed. (outubro de 1965). "Recent Literature" (PDF). The Auk 82 (4): 667–680.