Partido Nacional Republicano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

O Partido Nacional Republicano (PNR) foi un pequeno partido republicano de centro que existiu durante o período da Segunda República Española: Estaba liderado por Felipe Sánchez-Román. De reducido tamaño e representación, tivo grande influencia, especialmente en círculos académicos.[1] Estaba composto fundamentalmente por profesionais e pequenos industriais progresistas.[2]

Historia[editar | editar a fonte]

Felipe Sánchez-Román era un prestixioso xurista e político republicano. Fora un dos participantes no pacto de San Sebastián e obtivera un escano por Madrid como independente nas eleccións a Cortes Constituintes de 1931, dentro da candidatura republicano-socialista.[3]

Nas eleccións de 1933, Sánchez-Román refusou integrarse noutras candidaturas republicanas e presentouse novamente por Madrid en solitario,[4] sen conseguir escano (aínda que obtivo unha votación estimable, uns 27 000 votos, o 5% dos electores).[5] A finais de xullo de 1934, Sánchez-Román fundou o Partido Nacional Republicano, integrando a ex-deputados procedentes do grupo Al Servicio de la República (ARS), como Justino de Azcárate ou radicalsocialistas, como Ramón Feced,[6] trala negativa de Sánchez Román a aceptar a invitación de Martínez Barrio e Gordón Ordás para confluír en Unión Republicana (UR), a cuxa dereita se situou o Partido Nacional Republicano.[7][8]

Durante 1935 o Partido Nacional Republicano creou, xunto con Izquierda Republicana (IR) e Unión Republicana (UR), o embrión do que logo foi a Fronte Popular. O 12 de abril dese ano, os tres partidos publicaron un manifesto que esixía o fin da represión, opúñase a calquera reforma constitucional e anunciaba unha futura coalición electoral entre os tres partidos.[9] Os tres partidos aprobaron un programa electoral en agosto, pero non o fixeron público á espera de chegar a un acordo co PSOE,[9] sendo Sánchez Román o principal artífice do texto. O propósito de unir o PSOE á coalición tivo éxito e a finais de ano, o PSOE anunciou a súa disposición a integrarse na coalición de esquerdas. Porén, o empeño de Largo Caballero en estender o pacto a diversas organizacións situadas á esquerda do propio PSOE levou ao Partido Nacional Republicano a abandonar o que xa era coñecido como Fronte Popular, debido á negativa de Sánchez-Román a compartir coalición cos comunistas.[10] O Partido Nacional Republicano acordou non concorrer ás eleccións de febreiro de 1936, prohibindo ás súas organizacións provinciais o apoio a ningún candidato centrista.[11]

En maio o partido aprobou o borrador dun manifesto, que no chegou a facerse público, no que chamaba á constitución dun goberno forte con ampla base social e dotado de amplos poderes que fose capaz de acabar cos extremismos de dereita e esquerda.[12]

A última intervención relevante do Partido Nacional Republicano antes da súa virtual desaparición durante a guerra civil foi a súa contribución ao goberno «nonnato» que Martínez Barrio tratou de constituír o 19 de xullo de 1936. O Partido Nacional Republicano aportou tres representantes ao gabinete[13] (o propio Sánchez Román, como ministro sen carteira; Justino de Azcárate, como ministro de Estado (Exteriores); e Ramón Feced, como ministro de Agricultura),[14] que non chegou a constituírse.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]