Pantalla de auga

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pantalla de auga iluminada, Medellín.
Pirámide de pantallas de auga, Lima.
proxección de vídeo sobre pantalla de auga realizada nun evento social na Arxentina por trentuno.com

Unha cortina ou pantalla de auga é unha tecnoloxía utilizada na arquitectura, urbanismo e en eventos temporais que convocan público masivo, que consiste nun sistema de fontes de auga compostas por unha ou varias fileiras de chafarices de auga, con válvulas situadas a certa altura, que dispoñen chorros aliñadamente (rectos ou curvos) que forman un biombo controlado dixitalmente, similar a unha fervenza.[1][2] Os chorros poden ser desactivados, cambiados de presión e manexarse para crear distintas situacións espaciais ou ben para crear figuras en movemento, gráficos, textos ou diferentes medios para chamar a atención do observador. A rapidez das válvulas crea segmentos utilizados como píxeles para xerar estes medios. Algunhas pantallas compleméntanse co uso de proxección de luces que inciden nos chorros en movemento, con proxeccións de vídeos de alta calidade ou mesmo, proxección de imaxes 3D a través de varias pantallas de auga dispostas estratexicamente para crear o efecto desexado.[3]

Subministración de auga e control de funcións[editar | editar a fonte]

Proxección láser sobre pantalla de auga

As pantallas de auga requiren un sistema de captación e filtración (colector) que volva integrar a auga caída filtrada ao sistema de chorros, deseñado para que a auga non se perda por efectos de vento ou outros factores externos (evaporación etc.). Este sistema precisa dunha ou varias bombas (dependendo a magnitude da pantalla) que levan a auga novamente á parte superior da pantalla e dun tanque que a almacene.

Os chafarices poden pórse en posición vertical (formando un ecrán plano) ou variar de posicións para xerar unha pantalla de tipo parabólica ou mixta, dependendo dos usos que se requiran. Estas pantallas poden ser moi interactivas (podendo controlar independentemente cada válvula) ou máis estáticas (controlando válvulas agrupadas).

As válvulas distribuidoras poden atoparse en forma de módulos prefabricados, con distintas velocidades de resposta, tamén poden incluír sensores de movemento (para permitir traspasalas sen mollarse) e luces LED. O funcionamento da pantalla pode controlarse a través de distintos medios interactivos, como controladores a través de WiFi, Internet e até smartphones e tablets. Os precursores do control dixital das cortinas de auga foi a marca Digital Water Curtain[4] da empresa Lumiartecnia, que comezaron a produción de cortinas de auga no ano 2006.

Desenvolvemento[editar | editar a fonte]

Desde a masificación das pantallas de auga a comezos do século XXI, xa que antes eran fabricadas artesanalmente, as empresas fabricantes de profundaron en novas formas de mellorar os produtos aplicando a pantalla de auga como concepto inicial, pero modificando o seu funcionamento. Destas investigacións xurdiu o muro de néboa, tecnoloxía aínda en desenvolvemento (mesma idea da pantalla de auga, pero o que se expulsa son partículas moi pequenas xerando unha néboa). O principal problema desta nova idea é a baixa inercia da néboa de auga en comparación coas pingas de auga, xa que os máis pequenos remuiños de aire provocan interferencias na pantalla. Aínda así, xa hai empresas que teñen produtos deste tipo dispoñibles nos Estados Unidos, Alemaña e a China.

Usos[editar | editar a fonte]

  • Interior: muros interactivos ou de división de espazos, utilizados en centros de comercio, vestíbulos de hoteis, aeroportos etc. como atracción de público ou publicidade. Consta de segmentos de distribución de auga, que producen unha fervenza espacialmente estreita. A auga que cae recóllese nun tanque e transpórtase a través da bomba novamente ao ciclo. A vantaxe deste principio é a dispersión homoxénea de auga e a baixa produción de salpicaduras, é por isto que se utiliza principalmente no interior. O factor decisivo para a calidade da cortina de auga é o número de válvulas por metro, o deseño da boquilla, a distribución homoxénea de auga dentro da pantalla, o peso da estrutura, a mantenibilidade (limpeza dos inxectores), a tecnoloxía de bomba utilizada e as propiedades do material dos segmentos de distribución de auga.
Pantalla de auga de exterior.
  • Exterior: deseño de prazas e espazos públicos, úsanse como un mediador de temperaturas, favorecendo a ventilación de espazos calorosos e fomentando o uso destes espazos como lugar de lecer. Este tipo de pantallas cumpre coas mesmas características que as utilizadas no interior, con todo, o eixo colector da auga pode ser menos minucioso pois a auga salpicada non produce danos.
  • Proxección de vídeos e imaxes úsase principalmente en eventos que convocan a concorrencia de moito público, polo cal as pantallas se usan como un medio de comunicación cara ao público, ben como medio de entretemento ou simplemente de publicidade. Para a proxección de vídeos adoitan ser de tipo homoxéneas e de chorros de auga o máis fina e transparente posible (mesmo sendo as partículas pulverizadas a presión e retroproxectadas) de modo que os gráficos láser, vídeos ou diapositivas se vexan nítidos.[5] Alén disto é necesario un ambiente escuro que permita o contraste entre o proxectado e o fondo, de modo que non se confunda. O proxector debe estar situado entre o espectador e a pantalla, ou ben por arriba do espectador, de modo que o espectador non intervén na proxección. Debido á alta transparencia da auga, a imaxe desexada é visible só en condicións óptimas, búscase que a auga non proxectada non se vexa, para que a imaxe proxectada se vexa como un holograma. Un exemplo é a pantalla de auga utilizada para os Xogos Olímpicos de Atenas 2004.
Texto sobre muro de auga
  • Gasa: Formas illadas dispostas na pantalla de auga, diferentes tamaños e transparencias de acordo á cantidade de auga utilizada. Non se recoñece a pantalla coa súa forma, senón que as imaxes mostradas definen o tamaño da pantalla.
  • Parede de escritura (watergraphic): Uso exclusivo de textos en movemento ou estáticos. Os chorros de auga individuais son controlados moi rapidamente para producir textos que se moven de lado a lado, cara a abaixo ou en calquera dirección. As letras son as pingas de auga mentres que o fondo de texto é o que se ve detrás da pantalla de auga, polo que é necesario un contraste entre a cor da auga e o fondo visible para que se poida ler o texto sen complicacións. As velocidades de movemento dos textos deben ser controladas de acordo aos requirimentos e configuradas para que o observador poida ler antes que o texto desapareza da súa visión.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Pantallas de Agua Digitales". Lumiartecnia. 
  2. "Cascadas y cortinas de agua". Fontimat. Arquivado dende o orixinal o 18 de xuño de 2019. Consultado o 07 de maio de 2021. 
  3. "Un novedoso sistema genera imágenes 3D sobre pantallas de agua". Yaiza Martínez\lingua=es. 
  4. "Digital Water Curtain". Lumiartecnia. 
  5. "Descripción WaterScreen". Arquivado dende o orixinal o 19 de xuño de 2020. Consultado o 07 de maio de 2021. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]