Pão de Açúcar

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Pan de Azucre»)

Coordenadas: 22°56′58″S 43°09′19″O / -22.94949, -43.15516

Pão de Açúcar (como parte de Río de Xaneiro, paisaxes cariocas entre a montaña e o mar)
O Pão de Açúcar dende o miradoiro do Cristo Redentor.
Patrimonio da Humanidade - UNESCO
País Brasil
LocalizaciónRío de Xaneiro
TipoPaisaxe cultural
Criteriosv, vi
Inscrición2012
Rexión da UNESCOAmérica Latina e o Caribe
Identificador1100

O Pão de Açúcar é un complexo de montículos localizado no barrio de Urca, na cidade do Río de Xaneiro, no Brasil. Está composto por tres montículos; o Pão de Açúcar (que dá nome ao complexo), o Morro da Urca e o Morro da Babilônia. Xunto coa estatua do Cristo Redentor, é unha das imaxes máis recoñecidas da cidade do Río de Xaneiro e do Brasil. Polas súas características únicas, á beira da baía de Guanabara, constitúe unha referencia turística internacional para a cidade.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

Hai varias versións sobre a orixe do nome. A máis coñecida indica ós portugueses como ós que lle deron o nome, durante o apoxeo do cultivo da cana de azucre no Brasil (séculos XVI e XVII), despois de que a cana sexa espremida e o caldo fervido, os bloques de azucre eran colocados nunha forma de unto cónica (para poder transportalos para Europa), denominada "pan de azucre". A semellanza do penedo carioca con aquela forma orixinaría o nome.

Turismo[editar | editar a fonte]

O Bondinho[editar | editar a fonte]

Un dos coches do Bondinho do Pão de Açúcar.

O Bondinho do Pão de Açúcar é un teleférico que liga a Praia Vermelha ó Morro da Urca, e este ó Morro do Pão de Açúcar. Na última estación do teleférico, pódese ver unha vista panorámica das cidades do Río de Xaneiro e de Niterói, as dúas da rexión metropolitana do Río de Xaneiro.

É unha das principais atraccións turísticas da cidade. O seu primeiro treito foi inaugurado entre a Praia Vermelha e o Morro da Urca, o 27 de outubro de 1912 e dende entón, xa transportou preto de corenta millóns de persoas[1]s, mantendo unha media actual de 2650 visitantes ó día. O seu nome vén da semellanza dos coches do teleférico cos tranvías (bondes) que circulaban polo Río de Xaneiro na época da súa inauguración.

Museo Cocuruto[editar | editar a fonte]

No cume do Morro da Urca, existe dende 2008 o museo Cocuruto, que mostra a historia do Bondinho.

Montañismo[editar | editar a fonte]

Ao chegaren ao barrio da Urca, os adeptos do montañismo poden avistar, no Morro da Babilônia, escaladores ascendendo por vías de escalada na rocha, como as coñecidas Ricardo Prado, M2, Roda Viva, IV Centenario e outras. No medio deportivo de escalada, internacionalmente é moi coñecido o complexo, tanto por constituír unha das maiores áreas de escalada urbana, coma pola beleza das vistas dende o penedo.

En total, están catalogadas máis de 270 vías de escaladas e boulders.[2] No propio Morro do Pão de Açúcar, todas as súas caras presentan vías, como as Stop e Galotti, a CEPI, amais de vías pola rocha como a Pássaros de Fogo, Vía dos Italianos e o Lagartão.

Existe tamén un sendeiro que pode ser percorrido a pé de balde e sen a axuda de aparellos de montañismo, que leva da pista Cláudio Coutinho até o alto do Morro da Urca.[3]

Impacto cultural[editar | editar a fonte]

Figuras ilustres como o científico Albert Einstein, o expresidente dos Estados Unidos John Kennedy ou o cantante inglés Elton John xa estiveron no teleférico do Pão de Açúcar, alén dos moitos artistas que se presentaron no Morro da Urca, principalmente na década de 1980.

En 1977, o equilibrista americano Steven McPeak camiñou sobre o cabo do teleférico, entre o Morro da Urca e o Pão de Açúcar, suxeitando unha vara metálica como contrapeso.

Unha secuencia do filme 007: Moonraker, con Roger Moore como James Bond, filmada en 1979, axudou a promover a cidade e o país no exterior.

En 1990, nunha homenaxe ao piloto Ayrton Senna expúxose no Morro da Urca un coche de Fórmula 1. En 2004 pasou por aquí o facho dos Xogos Olímpicos de Atenas e, en 2007, o Facho Olímpico dos Xogos Panamericanos do Río de Xaneiro.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Bondinho, 100". Folha de São Paulo (en portugués). 
  2. "Montanhismo". Bondinho do Pão de Açúcar (en portugués). Arquivado dende o orixinal o 08 de marzo de 2018. 
  3. "Trilha Morro Urca". Rio de Janeiro aqui (en portugués).