Baía de Guanabara
A baía de Guanabara é unha baía do Océano Atlántico localizada na costa brasileira, con 412 km² de superficie. Considerada a máis importante do país, no seu interior atópase o porto da cidade do Río de Xaneiro. Non é a máis grande do país, senón a segunda, despois da Baía de Todos Os Santos, no estado de Baía.
A baía orixinouse por unha depresión tectónica ocorrida durante o cenozoico entre dous conxuntos de bloques de falla da serra dos Órgãos e pequenos macizos costeiros.
A súa área é de aproximadamente 412 km² e esténdese entre as puntas de Copacabana e Itaipu, en Niterói. A súa costa sofre un estreitamento entre a punta de São João no Río de Xaneiro e a punta de Fortaleza en Niterói, cunha largura de 1,6 km.
No medio desta estreita pasaxe atópase unha zona rochosa que foi utilizada durante moitos anos como forte auxiliar para a defensa da baía.
A súa profundidade media é duns 3 m, alcanzando os 8,3 m á altura da Ponte Río-Niterói e de 17 m na canle de entrada ao porto. No seu interior hai un total de 130 illas e illotes. A máis grande destas illas é a Ilha do Governador (Illa do Gobernador), onde foi construído o aeroporto internacional da cidade de Río de Xaneiro, chamado Aeroporto Internacional Tom Jobim e tamén Aeroporto Internacional do Galeão.
Foi encontrada pola primeira vez polos portugueses Gaspar de Lemos e Gonçalo Coelho o día 1 de xaneiro de 1502[1]. Segundo algúns historiadores[2] o nome dado polo equipo de exploradores á rexión foi Ría (co mesmo significado en galego) de Xaneiro, que co tempo mudouse para Río de Xaneiro e pasou a designar a rexión. Despois a baía recibiu o nome de Guanabara, modificación das palabras en lingua tupí goanã (baía) e pará ou mbará (mar).
A baía de Guanabara é a máis contaminada do Brasil, sendo o binomio urbanización/industrialización o principal causante desta polución, agravada pola falta ata o ano 1990 dunha política de saneamento e recuperación ambiental.