Avemetatarsalia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Pan-Aves»)
Avemetatarsalios
Rango fósil: Triásico medio–Presente
(desde hai 245 millóns de anos,
cun posible rexistro do Triásico temperán)

En sentido das agullas do reloxio desde arriba á esquerda:
Tupuxuara leonardi (un pterosauro),
Alamosaurus sanjuanensis, (un saurópodo),
Tsintaosaurus spinorhinus (un ornitópodo),
Daspletosaurus torosus (un tiranosauro),
Pentaceratops sternbergii (un ceratopsio),
e a grúa Grus grus (unha ave existente).
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
(sen clasif.): Sauropsida (clado)
(sen clasif.): Archosauria (clado)
(sen clasif.): Avemetatarsalia (clado)
Benton, 1999
Subgrupos
Sinonimia
  • Ornithosuchia Huene, 1908
  • Pan-Aves Gauthier, 2001

Avemetatarsalia (avemetatarsalios) é o nome dun clado establecido polo paleontólogo británico Michael Benton en 1999 para referirse a todo o grupo coroa dos arcosauros que están máis próximos ás aves que aos crocodilos.[1] Inclúe un subgrupo definido de forma similar, os Ornithodira. Un nome alternativo é Pan-Aves, que contén todos os animais, vivos ou extintos, que están máis relacionados coas aves que cos crocodilos. Outro termo similar que se definiu en 1986 cunha composición semellante foi o de Ornitosuchia.

Os membros deste grupo son os Dinosauromorpha, Pterosauromorpha, o xénero Scleromochlus e Aphanosauria. Os dinosauromorfos conteñen as formas máis basais, incluíndo Lagerpeton e Marasuchus, e tamén formas máis derivadas, como os dinosauros; as aves, segundo a maioría dos científicos modernos, pertencen a estes últimos como membros dos terópodos. Os pterosauromorfos conteñen Pterosauria, os cales polo que se sabe foron os primeiros vertebrados con capacidade de voo verdadeiro. Os afanosauros son un grupo recoñecido recentemente de arcosauros da liña aviaria carnívoros cuadrúpedes exclusivos do Triásico.[2]

Orixe[editar | editar a fonte]

Os arcosauros da liña aviaria aparecen no rexistro fósil no piso Anisiano do Triásico medio hai uns 245 millóns de anos, representados polo dinosauriforme Asilisaurus. Porén, no Triásico temperán as pegadas fosilizadas (icnitas) atopadas en 2010 nas montañas Świętokrzyskie (Santa Cruz) polacas poden pertencer a un dinosauriomorfo máis primitivo. Se esta interpretación é correcta, entón a orixe dos avemetatarsalios sería atrasada ata o piso Olenekiano, hai uns 249 millóns de anos. As pegadas polacas máis antigas deste tipo clasifícanse no icnóxeno Prorotodactylus e foron realizadas por un pequeno animal cuadrúpede descoñecido, mais as pegadas fosilizadas chamadas Sphingopus, atopadas nos estratos do Anisiano temperán, mostran que os dinosauromorfos bípedes moderadamente grandes apareceron hai uns 246 millóns de anos. Os rastros mostran que a liñaxe dos dinosauros apareceu pouco despois da extinción do Permiano-Triásico. A súa idade suxire que o ascenso dos dinosauros foi lento e prolongouse a gran parte do Triásico.[3] Os trazos primitivos atopados nos Teleocrater cuadrúpedes, mostran que o seu último antepasado común tiña moitas características de crocodilo, e que as características típicas do grupo evolucionaron máis tarde.[4]

Clasificación[editar | editar a fonte]

Michael Benton acuñou o nome do clado Avemetatarsalia

En 1986, Jacques Gauthier definiu o nome Ornithosuchia (que fora acuñado previamente por Huene) para denominar un clado baseado nunha rama incluíndo todos os arcosauros máis estreitamente relacionados coas aves que cos crocodilos.[5] No mesmo ano, Gauthier acuñou e definiu tamén un clado lixeiramente máis restritivo baseado nun nodo, o Ornithodira, que contiña o último antepasado común dos dinosauros e os pterosauros e todos os seus descendentes. Paul Sereno en 1991 deulle unha definición diferente a Ornithodira, na cal se engadiu explicitamente Scleromochlus.[6] Converteuse así nun grupo potencialmente máis grande que o Ornithodira de Gauthier. En 1999 Michael Benton concluíu que Scleromochlus quedaba fóra da concepción orixinal de Gauthier de Ornithodira, polo que nomeou un novo clado baseado na rama para este propósito: Avemetatarsalia, nomeado a partir dos últimos membros superviventes do clado, as Aves, e pola articulación do nocello metatarsal que era un carácter típico do grupo. Avemetatarsalia foi definido como todos os Avesuchia máis próximos aos Dinosauria que aos Crocodylia. En 2005, Sereno expresou a opinión de que Ornithodira non era un concepto útil, mentres que Avemetatarsalia si.

En 2001, ao mesmo clado déuselle o nome de Pan-Aves (que significaba 'todas as aves'), acuñado por Jacques Gauthier. Definiuno como o clado maior e máis inclusivo de arcosauros que contiña Aves (ancoradas en Vultur gryphus) pero non Crocodylia (ancorados enCrocodylus niloticus). Gauthier incluíu neste grupo Aves, todos os outros Dinosauria, todos os Pterosauria, e unha variedade de arcosauros do Triásico, como Lagosuchus e Scleromochlus.[7]

Nunha revisión de 2005 da clasificación dos arcosauros, Phil Senter intentou resolver este conxunto confuso de terminoloxias aplicando unha estrita prioridae de nomes baseándose en cando e como foran definidos por primeira vez. Senter sinalou que Ornithosuchia, o nome que máis cedo se utilizara para o grupo total de arcosauros máis próximo ás aves que aos crocodilos, debería ser o nome válido para o grupo, e tiña precedencia sobre os nomes posteriores con idéntica definición, como Avemetatarsalia e Pan-Aves. Aínda que isto foi seguido por algúns investigadores, outros continuaron usando Avemetatarsalia ou Ornithodira, ou seguiron a idea de Senter pero con reticencia. Mike Taylor (2007) por exemplo indicou que, aínda que Senter estaba no correcto ao afirmar que Ornithosuchia tiña prioridade, este é un nome "non desexable" porque probablemente exclúe a familia epónima Ornithosuchidae, e cuestionou a utilidade de usar o criterio de prioridade antes que se implante o PhyloCode para regulalo.[8] De feito, o nome Ornithosuchia pode ser "ilegal" baixo as normas do PhyloCode porque non inclúe o seu taxon epónimo como parte da súa definición.[8]

Cladograma segundo Nesbitt et al. (2017):[2]

Archosauria

Pseudosuchia (arcosauros da liña crocodiliana)

Avemetatarsalia

Aphanosauria

Ornithodira 

†Pterosauromorpha (=Pterosauria)

 Dinosauromorpha 

Lagerpetonidae

 Dinosauriformes 

Marasuchus

Silesauridae

 Dinosauria 

Ornithischia

 Saurischia 

Sauropodomorpha

Theropoda

-->

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Benton, M.J. (1999). "Scleromochlus taylori and the origin of dinosaurs and pterosaurs" (PDF). Philosophical Transactions of the Royal Society B: Biological Sciences 354: 1423–1446. PMC 1692658. doi:10.1098/rstb.1999.0489. 
  2. 2,0 2,1 Nesbitt, Sterling J.; Butler, Richard J.; Ezcurra, Martín D.; Barrett, Paul M.; Stocker, Michelle R.; Angielczyk, Kenneth D.; Smith, Roger M. H.; Sidor, Christian A.; Niedźwiedzki, Grzegorz; Sennikov, Andrey G.; Charig, Alan J. (2017). "The earliest bird-line archosaurs and the assembly of the dinosaur body plan". Nature. doi:10.1038/nature22037. 
  3. Brusatte, S.L.; Niedźwiedzki, G.; Butler, R.J. (2010). "Footprints pull origin and diversification of dinosaur stem lineage deep into Early Triassic". Proceedings of the Royal Society B 278 (1708): 1107–1113. PMC 3049033. PMID 20926435. doi:10.1098/rspb.2010.1746. 
  4. Dinosaur Evolution: Crocodile-Like Ancient Cousin, Teleocrater Rhadinus, Confuses Scientists
  5. Gauthier, J. A. (1986). "Saurischian monophyly and the origin of birds." The Origin of Birds and the Evolution of Flight, K. Padian (ed.), Memoirs of the California Academy of Sciences 8:1–55 [M. Carrano/M. Carrano/M. Carrano]
  6. Sereno, P. C. 1991. Basal archosaurs: phylogenetic relationships and functional implications. Journal of Vertebrate Paleontology Memoir 2, 11(4, Supplement):1–53.
  7. Gauthier, J. and de Queiroz, K. (2001). "Feathered dinosaurs, flying dinosaurs, crown dinosaurs,and the name "Aves"". pp. 7–41 in Gauthier, J. and L. F. Gall (eds.), New Perspectives on the Origin and Early Evolution of Birds: Proceedings of the International Symposium in Honor of John H. Ostrom. New Haven: Peabody Museum of Natural History, Yale University. ISBN 0-912532-57-2.
  8. 8,0 8,1 Taylor (2007). "Phylogenetic definitions in the pre-PhyloCode era; implications for naming clades under the PhyloCode". PaleoBios 27 (1): 1–6. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]