Os pazos de Ulloa
Os pazos de Ulloa | |
---|---|
Tomo I | |
Título orixinal | Los pazos de Ulloa |
Autor/a | Emilia Pardo Bazán |
Orixe | Galicia |
Lingua | castelán |
Xénero(s) | Novela, Realismo |
Editorial | Daniel Cortezo y Cª |
Data de pub. | 1886 2001 |
Seguido por | La madre naturaleza |
Tradución | Olga Patiño Nogueira |
Na rede | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Os pazos de Ulloa é unha novela de Emilia Pardo Bazán publicada por primeira vez en 1886 co título orixinal en castelán de Los pazos de Ulloa. Foi traducida ao galego por Olga Patiño Nogueira e publicado en 2001 por Toxosoutos.
Historia e características
[editar | editar a fonte]Trátase, dentro do realismo literario español, da novela que mellor exemplifica a corrente naturalista, ao reflectir a aceptación das teorías positivistas aplicadas á literatura polo escritor francés e pai do naturalismo Émile Zola. En 1887 publicouse a continuación da obra, La madre naturaleza.
En 1985 foi adaptada como serie para Televisión Española co título de Los pazos de Ulloa, dirixida por Gonzalo Suárez.
Trama
[editar | editar a fonte]Don Julián Álvarez, un sacerdote novo e apoucado, diríxese aos Pazos de Ulloa para servir ao Marqués Don Pedro Moscoso como administrador por recomendación do tío do nobre. Nada máis chegar aos Pazos, situados nunha zona rural de Galicia, o sacerdote escandalízase polo decadente estado do pazo e o comportamento de Don Pedro e os seus empregados. O pazo está en estado ruinoso, a biblioteca e as contas abandonadas, a capela desatendida polo abade. Don Pedro, quen en realidade non é marqués posto que o título foi vendido, é ignorante e rústico aínda que se dá aires de gran señor. Pasa a maior parte do tempo de cacería rodeado de personaxes de mala reputación. O mordomo da casa, Primitivo, un aldeán astuto e violento, controla todos os negocios do marqués e ten atemorizados aos demais empregados e mesmo ao propio marqués. A súa filla Sabela traballa como cociñeira nos Pazos e é a amante de Don Pedro, con quen ten un fillo ilexítimo duns cinco anos chamado Perucho. Perucho críase desatendido e case salvaxe nos Pazos. Sabela coquetea abertamente con Don Julián e recibe unha cohorte de aldeás e meigas na cociña dos Pazos, aprovisionándoas da despensa do marqués. Na vila próxima, Cebre, os caciques liberal e conservador dispútanse o control da comarca.
Julián decide marchar dos Pazos sentindo que a súa honra de sacerdote está sendo posta en dúbida se segue consentindo o amancebamento de Don Pedro e Sabela. Cando se dispón a despedirse do Marqués, presencia unha violenta escena de celos entre o marqués e Sabela, quen estivo bailando cun gaiteiro en Cebre.
Don Julián aconsella a Don Pedro que cambie de comportamento e de sociedade, pero Don Pedro confésalle os seus temores acerca de Primitivo e que, aínda que desexa despedir a Sabela, teme as represalias do pai dela. Don Julián convénceo de que marche con el a Santiago de Compostela e busque esposa entre as súas curmás casadeiras, e Don Pedro acepta entusiasmado. De camiño á estación Primitivo disponse a disparar sobre Julián, pero o marqués adiviña as intencións do mordomo e párao a tempo.
En Santiago Don Pedro é recibido na casa do seu tío Don Manuel Pardo de la Lage, quen tamén é un nobre arruinado que garda as aparencias. Don Manuel recibe con agrado a visita do sobriño intuíndo as intencións de elixir esposa entre as súas fillas. As señoritas de la Lage son catro: Rita, a máis fermosa e alegre; Manolita, a quen o seu pai pretende casar cun rico de Santiago; Marcelina (Nucha), a máis discreta, e Carmen, a máis nova, namorada dun estudante de medicina para desgusto do seu pai. Aínda que inicialmente Don Pedro se sente atraído por Rita, decide pedir a man de Nucha despois de que Don Julián lle confese que se el mesmo tivese que elixir entre as señoritas de la Lage, se decantaría por ela debido ao seu bo carácter e piadosas maneiras. Tamén menciona que a madriña de Nucha é unha rica anciá sen herdeiros.
Nucha e Don Pedro casan en Santiago, e despois dunha tempada, Don Pedro, canso das discusións co seu sogro sobre política, e de non ser o señor da casa, decide volver aos Pazos. Don Pedro envía a Julián primeiro para despedir a Primitivo e a Sabela antes da chegada da nova parella. Julián encontra o comportamento de Sabela e Primitivo completamente cambiado. Ambos son amables e dóciles. Primitivo cóntalle ao sacerdote que Sabela vai casar co gaiteiro de Cebre e deixar o seu emprego. Don Julián non encontra valor para despedir a Primitivo e escúsase a si mesmo pensando que tan só cómpre agardar un pouco a que Sabela case.
Cando os esposos chegan aos Pazos, Nucha dille ao seu esposo que está embarazada. Don Pedro ilusiónase ante a perspectiva de ter un fillo varón con Nucha. A nova parella frecuenta a limitada sociedade das aldeas veciñas aos Pazos, como os señores de Limioso, todos arruinados nobres con máis presunción que fortuna.
O tempo pasa e Sabela non casa co gaiteiro. Sabela continúa sendo a cociñeira dos Pazos e Primitivo o mordomo por abandono de Don Pedro e Don Julián.
A saúde de Nucha deteriórase durante o embarazo. Tras un parto difícil, dá a luz unha nena. Don Pedro amósase desgustado polo sexo do bebé e aos poucos vaise distanciando da súa esposa, retomando a súa relación con Sabela. Don Julián, non obstante, centra a súa devoción en Nucha e a nena. Perucho desfruta moito xogando co bebé até que un día Nucha, ao comentar que os nenos se queren como irmáns, se decata de que Perucho é fillo do seu home pola cara turbada de Don Julián. Nucha prohibe a Perucho achegarse a ela ou á súa filla. A partir de entón a relación de Nucha co seu marido se deteriora. Don Julián advirte signos de maltrato físico en Nucha. Sabela e Primitivo volven tomar o control dos Pazos e Nucha vive atemorizada por eles.
En Cebre, os simpatizantes do partido conservador propoñen a Don Pedro como candidato a deputado en Madrid pola rexión. Aínda que é o candidato favorito, perde as eleccións de maneira flagrante. O cacique conservador descobre que Primitivo ameazou aos votantes para que votasen ao candidato liberal, e envía un sicario a matar a Primitivo.
Nucha pídelle a Don Julián que lle axude a escapar coa súa filla a Santiago a casa do seu pai, xa que teme pola vida da súa filla se ela morre, pois Manolita é a única herdeira de Don Pedro amais do bastardo Perucho. Perucho avisa ao seu avó Primitivo de que a Señora está a falar con Don Julián. Primitivo promételle cartos ao neto se vai contarlle ao marqués que a súa muller se está a entrevistar co cura, coa intención de que Don Pedro pense que manteñen unha relación secreta. Don Pedro vai furioso á igrexa, e no camiño atopa o corpo sen vida de Primitivo, abatido dun tiro polo sicario de Barbacana. Don Pedro encontra a súa muller falando co cura na sancristía e dá por feito que a súa muller o engana co sacerdote, a quen despide de inmediato.
O cura regresa a Santiago e é destinado a outra aldea do rural. Logo duns anos recibe noticias da morte de Nucha, e anos despois Don Julián recibe ordes de volver aos Pazos de novo. Nada máis chegar visita a tumba de Nucha. Cando está rezando no cemiterio aparecen Perucho e Manolita. O cura sorpréndese ao observar que Perucho vai ben vestido mentres que Manolita vai case descalza.
Xénero
[editar | editar a fonte]Los Pazos de Ulloa reflicte as contradicións da autora e da sociedade da súa época. Pretendidamente naturalista (e considerada como tal pola crítica da época), a novela presenta tamén elementos da novela realista e mesmo gótica.[1] A intención da autora era crear un "Naturalismo católico". Por un lado, o "temperamento linfático" de Julián incapacítao para calquera tipo de heroísmo: isto é naturalismo en estado puro, pois a bioloxía determina o carácter. Porén, e en certo modo é contraditorio, na descrición de Nucha a causalidade invértese. A saúde de Nucha sufriu pola súa devoción; de nova esgotou as súas forzas levando en brazos ao seu irmán, e logo caeu enferma de nostalxia cando a afastaron del. A importancia da alma e as emocións en Nucha apoian a convicción de Pardo Bazán (expresada en La cuestión palpitante) de que a vida humana se forma a partir da fatalidade e a vontade, mentres que a natureza se forma só a partir da fatalidade.[1]
Linguaxe
[editar | editar a fonte]O mundo dos Pazos intenta reflectir a vida galega do medio rural. A realidade social do século XIX separaba os usos lingüísticos da poboación: o castelán urbano da burguesía e dos vellos fidalgos, e o galego do campesiñado e das clases máis desfavorecidas. Pardo Bazán é consciente do problema ao plasmar as voces dos personaxes composteláns e os da montaña ourensá.[2] Dadas as diferenzas entre o galego e o castelán, enfróntase ao dilema de manter as locucións dos personaxes no galego "orixinal" (facéndoas, en moitos casos, incomprensibles para o lectorado castelanfalante) ou traducilas, perdendo o sabor local e o realismo que busca na novela. A solución tomada foi a elaboración dunha fala artificial, manipulada por ela mesma, non demasiado afastada da lingua usual do campesiñado. Trátase dun construto lingüístico suficientemente verosímil para lograr infundir ao texto a forza verística da Galicia interior, ese «país de lobos» ao que se refiren Julián e, máis tarde, o narrador. Mais tamén o forte hibridismo castelán-galego amosa o interese da autora por chegar ao lectorado. Os esforzos da autora por evitar problemas de comprensión fanse patentes nalgunhas estratexias seguidas, tales como o uso da cursiva para destacar unha voz galega, que inmediatamente se dea o seu significado en castelán, ou a semitradución e castelanización en que se presentan algúns termos.[2]
Temas
[editar | editar a fonte]Caciquismo
[editar | editar a fonte]Tras a Revolución de 1868, Isabel II de España foi obrigada a abdicar tras a presión dos grupos antimonárquicos; a profunda inestabilidade política derivada destes feitos provocou a convocatoria dun plebiscito e eleccións xerais, onde o caciquismo (única forma en que o poder se estendía ás zonas rurais) cobrou o maior protagonismo, filtrándose, inclusive, na literatura.[3] Los Pazos de Ulloa explora as causas do caciquismo e as súas consecuencias entre os paisanos de menor rango.[4]
A vida rural
[editar | editar a fonte]A oposición entre ambiente rural/ambiente urbano vese reflectida na novela a través das dúas mulleres de don Pedro. Sabela, a amante de Don Pedro e filla de Primitivo, é descrita como "a raíña daquela pequena corte" que reflicte o seu propio poder na aldea. Aínda que Sabela é unha muller, ela traballa dentro dos límites do seu xénero para controlar todo o que pode. Usa a súa sensualidade para gañar control na aldea. Por exemplo, despois da voda de Don Pedro con Nucha, ela aínda segue tendo relacións con el como medio para manter a súa posición. Este control amosa o papel máis dominante que ten Sabela en comparación coas outras mulleres na novela. Nucha é o oposto a Sabela no seu papel; é unha muller típica desta época: a pintura de inocencia; Julián recomenda a Nucha como esposa de Don Pedro porque é a mellor das catro irmás desde o punto de vista relixioso. Julián di que ela é "o tipo ideal da bíblica esposa".[5] No ambiente corrupto e inmoral da aldea, Nucha adoece até perder a vida: é o triunfo da Natureza sobre a Relixión.
As clases sociais
[editar | editar a fonte]Son coñecidas as ideas de Emilia Pardo Bazán con respecto á clase social á que pertence e ao desprezo que manifesta cara ás clases inferiores. Julián faise eco destas opinións nalgúns episodios da novela; así, cando increpa ao marqués por manter relacións cunha simple criada (cap. VIII), non censurando tanto o feito pecaminoso, como a clase da persoa con quen se leva a cabo; por iso lle aconsella ir a Santiago onde hai «tantas señoritas boas e honradas» e poderá casar «con persoa da súa esfera».[6]
O determinismo
[editar | editar a fonte]O fundamental do naturalismo da autora é precisamente a non aceptación do determinismo filosófico, que á súa vez é precisamente o que dá razón de ser ao naturalismo. Ao determinismo naturalista opón Pardo Bazán o realismo, concibido como eclecticismo, tan caro a ela:
Se é real canto ten existencia verdadeira e efectiva, o realismo na arte ofrécenos unha teoría máis ancha, completa e perfecta ca o naturalismo. Comprende e abarca o natural e o espiritual, o corpo e a alma, e concilia e reduce a unidade de oposición do naturalismo e do idealismo racional. No realismo cabe todo, menos as esaxeracións e desvaríos de dúas escolas extremas e por precisa consecuencia, exclusivistas.[7]
O resto é simple repetición: rexéitase a pornografía, acéptase o elemento científico (non determinista), aproba a linguaxe popular, e a presenza de escenas violentas, mesmo escabrosas, mais só até certos límites, respectando o decoro lingüístico, admite o método experimental etc.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Lauren Weiner. "The great Galician novel" (en inglés). Consultado o 2 de setembro de 2013.
- ↑ 2,0 2,1 Ermitas Penas Valera. "Sobre los galleguismos en Los Pazos de Ulloa de Emilia Pardo Bazán". Consultado o 2 de setembro de 2013.
- ↑ "Anhelos de modernidad en Los Pazos de Ulloa: civilización y barbarie como espacios contradictorios". Consultado o 2 de setembro de 2013.
- ↑ Guzmán Urrero. "Los Pazos de Ulloa de Emilia Pardo Bazán". Consultado o 2 de setembro de 2013.
- ↑ Margaret Shepard. "Los personajes de Los Pazos de Ulloa". Consultado o 2 de setembro de 2013.[Ligazón morta]
- ↑ Ángeles Sandiño Carreño. "El antifeminismo de Emilia Pardo Bazán en Los Pazos de Ulloa". Consultado o 2 de setembro de 2013.
- ↑ Pardo Bazán, Emilia (1883). Sáiz, ed. La Cuestión Palpitante. pp. 21.
A Galifontes posúe textos orixinais acerca de: Los Pazos de Ulloa na súa lingua orixinal. |
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Os pazos de Ulloa |