Onychocerus albitarsis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Onychocerus albitarsis
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Clase: Insecta
Orde: Coleoptera
Suborde: Polyphaga
Infraorde: Cucujiformia
Clado: Phytophaga
Superfamilia: Chrysomeloidea
Familia: Cerambycidae
Xénero: Onychocerus
Especie: O. albitarsis
Nome binomial
'Onychocerus albitarsis'
Pascoe, 1859[1]

Onychocerus albitarsis é unha especie de escaravello cerambícido das selvas amazónicas e bosques atlánticos do Brasil, Bolivia, Paraguai e sur do Perú.[2][3][4] É salientable por ser o único escaravello que pode realizar unha picada velenosa (en lugar de esparexer chorros de toxinas como os escaravellos bombardeiros ou segregar toxinas polo corpo como os meloidos) e o único artrópodo coñecido que pica coas súas antenas.[2][3] Os extremos das antenas son un ferrete que evolucionou lembrando a cola dun escorpión e está conectado a unha glándula velenosa.[2][3] Da presenza deste ferrete xa se informara en 1884, pero daquela pensábase que a dor que producían era causada só polo afiadas que eran as antenas, como xa se coñecían casos noutros escaravellos, pero non estaba implicado ningún veleno. Non se confirmou ata 2005 que este animal é velenoso cando un biólogo foi picado coas antenas do animal e comparou a sensación como a dun ferrete de abella, estudándoo seguidamente en detalle.[3] No primeiro doutros dous casos nos que se confirmou que a identidade do insecto implicado era este escaravello, unha muller experimentou unha dor significativa directamente despois do incidente e un arroibamento e proído no sitio da picada que lle durou unha semana. No outro caso un home sufriu unha dor moderada xusto despois de ser picado e o arroibamento só durou unha hora.[2] As outras especies do xénero Onychocerus non parecen ser velenosas, xa que carecen de estruturas dentro das antenas asociadas ao aparato do veleno que se encontra en Onychocerus albitarsis.[3]

Onychocerus albitarsis mide uns 2 cm de longo e ten un padrón con manchas variable de cor marrón amarelada, branca e negra. Sábese pouco do seu comportamento, pero é fitófago.[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Bezark, Larry G. A Photographic Catalog of the Cerambycidae of the World Arquivado 2018-08-02 en Wayback Machine.. Consultado o 22 de maio de 2012.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Amaral, A.L.S.; Castilho, A.L.; Borges De Sá, A.L.; Haddad, V. Jr. (2019). "Envenomations in humans caused by the venomous beetle Onychocerus albitarsis: Observation of two cases in São Paulo state, Brazil". Consultado o 22 de xullo de 2019. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Berkov, Amy; Rodríguez, Nelson; Centeno, Pedro (15 Nov 2007). "Convergent evolution in the antennae of a cerambycid beetle, Onychocerus albitarsis, and the sting of a scorpion". Naturwissenschaften 95 (3): 257–61. PMID 18004534. doi:10.1007/s00114-007-0316-1. 
  4. Tirant, S.L.; Limoges, R. (2016). "First record of Onychocerus albitarsis Pascoe, 1859 (Coleoptera: Cerambycidae: Lamiinae: Anisocerini) from Paraguay". Dugesiana 23 (2): 120. 



Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre bioloxía é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.