Odontornithes

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Odontornithes é un termo taxonómico obsoleto e xa non utilizado con categoría de subclase proposto por Othniel Charles Marsh para clasificar aves prehistóricas que posuían dentes, especialmente os xéneros Hesperornis e Ichthyornis de depósitos do Cretáceo de Kansas.[1]

En 1875 Marsh dividiu esta subclase nas ordes Odontolcae, con dentes situados en fendas lonxitudinais da mandíbula, e Odontotormae, cos dentes inseridos en alvéolos separados.[1] Na súa obra de 1880 titulada Odontornithes: A monograph on the extinct toothed birds of North America,[2] engadiu os Saururae, representados por Archaeopteryx, como unha terceira orde.[1]

A clasificación resultante era parafilética e non resolvía axeitadamente as relacións evolutivas, polo que foi abandonada pola maioría dos científicos modernos, aínda que polo menos un artigo publicado no século XXI reutilizou o concepto, pero co nome Odontoholomorphae (primeiramente acuñado por Stejneger, 1885).[3]

Étienne Geoffroy Saint-Hilaire afirmou en 1821 que atopara un considerable número de xemas dos dentes nas mandíbulas superior e inferior de Palaeornis torquatus[1] (un periquito). A Émile Blanchard pareceulle iso xustificado ao recoñecer nelas capas de dentina.[1] Pero M. Braun e especialmente P. Fraisse mostraron máis tarde que as estruturas en cuestión son do mesmo tipo que os ben coñecidos "dentes" de serra do peteiro das aves anserinas (que non son verdadeiros dentes, senón modificacións do bordo do peteiro).[1] De feito, as papilas observadas en embrións de aves son as extensións subcutáneas brandas dentro da vaíña córnea que a rodea do peteiro, comparable ao das papilas nutritivas do casco do cabalo.[1] Quedan facilmente expostas na mandíbula inferior macerada dun papagaio, despois de retirar a vaíña córnea. Ocasionalmente prodúcese unha calcificación en ou arredor destas papilas, como ocorre normalmente no chamado dente do ovo dos embrións de todas as aves, usado para romper a casca do ovo.[1]

Os "Odontornithes" mellor coñecidos son Hesperornis regalis, dun metro de altura, e os algo maiores H. crassipes,[1] e Ichthyornis dispar. Hesperornis parécese bastante a unha movella, mentres que Ichthyornis era bastante similar a unha gaivota ou pardela. Porén, son grupos totalmente distintos das aves modernas e simplemente comparten con elas certo parentesco distante no Cretáceo temperán. A liñaxe do Hesperornis puido ser unha derivación incluso anterior ou talvez independente dos antepasados das aves modernas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 1,8 Gadow, Hans Friedrich (1911). "Odontornithes". En Chisholm, Hugh. Encyclopædia Britannica 20 (11ª ed.). Cambridge University Press (en inglés). p. 9. 
  2. Marsh, Othniel Charles (1880): Odontornithes, a Monograph on the Extinct Toothed Birds of North America. Government Printing Office, Washington DC.
  3. Livezey, B.C. & Zusi, R.L. (2007): Higher-order phylogeny of modern birds (Theropoda, Aves: Neornithes) based on comparative anatomy. II. Analysis and discussion. Zoological Journal of the Linnean Society no 149(1), pp 1-95



Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre aves é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.