Nina Karlovna Bari

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Nina Karlovna Bari
Бари Нина Карловна.jpg
Datos persoais
Nacemento19 de novembro de 1901
LugarMoscova
Falecemento15 de xullo de 1961
LugarMoscova
Causaatropelamento
SoterradaCemitério Vvedenskoye
NacionalidadeUnión Soviética
CónxuxeViktor Nemytsky
Actividade
Campomatemática e catedrática
Alma máterUniversidade Estatal de Moscova
Director de teseNikolai Luzin
editar datos en Wikidata ]

Nina Karlovna Bari (en ruso: Нина Карловна Бари), nada en Moscova o 19 de novembro de 1901 e finada na mesma cidade o 15 de xullo de 1961 foi unha matemática soviética, recoñecida polo seu traballo sobre series trigonométricas.[1][2]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Educación e mocidade[editar | editar a fonte]

Bari naceu en Rusia en 1901, filla de Olga Eduardovna Seligs e do físico Karl Adolfovich Bari. En 1918, converteuse nunha das primeiras mulleres en ser aceptada no Departamento de Física e Matemática da prestixiosa Universidade Estatal de Moscova. Graduouse en 1921, tres anos despois de ingresar na universidade e despois da súa graduación comezou a súa carreira no ensino. Foi profesora no Instituto Forestal de Moscova, no Instituto Politécnico de Moscova e no Instituto Comunista Sverdlov. Bari solicitou e recibiu a única bolsa de investigación remunerada no novo Instituto de Investigación de Matemática e Mecánica. Alí, como estudante, uniuse a un grupo de elite alcumado Luzitania, que era unha organización académica informal e social. Estudou funcións e series trigonométricas baixo a tutela de Nikolai Luzin e axiña destacou nese campo, converténdose nunha das súas alumnas estrela.[1]>[2] Presentou os resultados das súas investigacións na Sociedade Matemática de Moscova en 1922, sendo a primeira muller que expuxo perante dita sociedade.[3]

En 1926, Bari completou a súa tese de doutoramento cunha investigación sobre as expansións trigonométricas, o que lle valeu o premio Glavnauk.[1][2][2][4] En 1927, viaxou a París coa fin de estudar na Sorbona e no Collège de France. Posteriormente Bari asistiu ao Congreso Matemático polaco en Lwów, onde obtivo financiamento para sufragar o seu regreso a París e a continuación dos seus estudos. A decisión de viaxar a París puido que se vise influída pola desintegración do grupo Luzitania. A irascible personalidade de Luzin dificultou as relacións no grupo de matemáticos que o compuñan. En 1930, todas as pegadas do movemento Luzitania desapareceran e Luzin deixara a Universidade Estatal de Moscova polo Instituto Steklov de Matemáticas da Academia da Ciencia. En 1932, Bari converteuse en profesora na Universidade Estatal de Moscova e en 1935 concedéuselle o título de doutora en Ciencias Físicas e Matemáticas, un título de investigación máis prestixioso que o tradicional de doutor.[2] Naquel momento, Bari xa completara o seu traballo fundacional sobre series trigonométricas.[1][2]

Carreira e vida posterior[editar | editar a fonte]

Bari foi unha colaboradora achegada de Dmitrii Menshov nun gran número de proxectos de investigación.[2] Durante a década de 1940, ela e Menshov traballaron no estudo da teoría de funcións na Universidade Estatal de Moscova. En 1952, publicou un importante estudo sobre as funcións primitivas e as series trigonométricas demostrando a súa converxencia en case todos os puntos. Bari presentou diversos relatorios nos congresos de "Third All-Union" de 1956 en Moscova e no Congreso Internacional de Matemáticos en Edimburgo en 1958.[3]

As matemáticas eran o centro da vida intelectual de Bari, mais os seus intereses eran más amplos, gozando tamén da literatura e das artes. Foi unha entusiasta do montañismo e viaxou polas cordilleiras do Cáucaso, Altai, Pamir e Tian Shan en Rusia. Bari compartía este ineterese co seu home, o tamén matemático Viktor Vladimirovich Nemytskii, profesor na Universidade Estatal de Moscova e ávido explorador de montaña. Non se dispón documentación sobre o seu matrimonio, mais os seus contemporáneos crían que casara dúas veces.

O último traballo de Bari (a súa 55.ª publicación) era unha monografía de 900 páxinas sobre o estado da arte da teoría das series trigonométricas, que foi considerado no seu tempo como o estudo de referencia da teoría de funcións trigonométricas.[3]

En xullo de 1961, Bari faleceu ao caer diante dun tren no metro de Moscova.[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Biografía de Nina Karlovna Bari
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 Nina Bari
  3. 3,0 3,1 3,2 ed, Pamela Proffitt, (1999). Notable women scientists. Detroit [u.a.]: Gale Group. ISBN 0787639001. 
  4. Nina Bari