Neus Català

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Neus Català
Neus Catala 7593 resize.jpg
Nome completoNeus Català i Pallejà
Nacemento6 de outubro de 1915
Lugar de nacementoEls Guiamets
Falecemento13 de abril de 2019
Lugar de falecementolingua latina
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónpolítica e enfermeira
PremiosCreu de Sant Jordi, Catalan of the year Award, Medalha de Ouro da Generalidade da Catalunha, Medal of the City of Paris, Gold Medal of the City of Barcelona for Cultural, Scientific, Civic or Sports Merit, Médaille de la Résistance, Cruz de guerra 1939-1945, Croix du combattant, Croix du combattant volontaire de la Résistance, Insignia for the Military Wounded e 2N Awards
Na rede
http://comunistes.cat/neuscatala/
IMDB: nm1872674 Dialnet: 1006083 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Neus Català i Pallejà, nada en Els Guiamets (provincia de Tarragona) o 6 de outubro de 1915 e finada na mesma vila o 13 de abril de 2019,[1] foi unha política catalá, membro das Juventudes Socialistas Unificadas de Cataluña do PSUC durante a guerra civil española. Era a última supervivente española do campo de concentración de Ravensbrück.[2]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu o 6 de outubro de 1915 en Els Guiamets (Tarragona), aínda que a súa madriña rexistrouna o 15 de xuño dese mesmo ano debido á desaparición da documentación do Concello de Barcelona despois da Guerra Civil Española. Esta segunda data, considerada de carácter oficial, foi a tomada para celebrar o centenario do seu nacemento. Diplomouse en enfermaría en 1937 e ao principio da Guerra Civil Española trasladouse a Barcelona. En 1939 cruzou a fronteira francesa con 180 crianzas orfas da colonia Las Acacias de Premià de Dalt, onde se atopaban os denominados Niños de Negrín que estaban ao seu cargo. Tanto ela coma o seu marido Albert Roger colaboraron[3] en actividades da Resistencia francesa; centralizaron na súa casa a recepción e transmisión de mensaxes, armas e documentación, e nela deron acubillo tamén a refuxiados políticos. Foi denunciada ás autoridades nazis por un farmacéutico de Sarlat e detida xunto co seu marido en 1943. Recluída e maltratada en Limoges, en 1944 deportárona a Ravensbrück, no norte de Alemaña, onde traballou por obriga na industria do armamento. Alí formou parte do chamado Comando de las gandulas, un grupo de mulleres que boicoteaba a elaboración das armas que se fabricaban en Holleischen, unha fábrica que dependía do campo de concentración de Flossenbürg.[4] Grazas á sabotaxe, moitas mulleres forzadas a traballar naquela fábrica inutilizaron uns dez millóns de cartuchos e derramaron numerosas máquinas de fabricación de armamento.[5]Tras ser liberada, regresou a Francia, onde continuou a súa loita clandestina contra o franquismo. Viviu en Sarcelles,[6] preto de París, e presidiu o Amical de Ravensbrück. Seguiu sendo militante do Partido Comunista de Cataluña (PCC), Esquerra Unida i Alternativa (EUiA), e a Fundació Pere Ardiaca, da cal era socia de honor.

O seu fondo persoal atópase depositado no CRAI Biblioteca Pabellón de la República da Universidade de Barcelona. Consta de documentos sobre a Guerra Civil, a Alemaña nazi, a segunda guerra mundial en Polonia e Francia, documentos sobre mulleres españolas na resistencia e ademais, sobre os campos de concentración.

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

Neus Català en 2015, o ano do seu centenario, cando recibiu a Medalla de Ouro da Generalitat de Catalunya

A Generalitat de Cataluña outorgoulle a Cruz de Sant Jordi no ano 2005. No ano seguinte foi escollida Catalá do Ano pola súa defensa da memoria das máis de 92.000 mulleres falecidas no campo de concentración de Ravensbrück. Nese mesmo ano 2006 recibiu o Premio La Alternativa, outorgado por Esquerra Unida i Alternativa.

O 29 de outubro de 2014, aos noventa e nove anos, o Concello de Barcelona concedeulle a Medalla de Ouro ao Mérito Cívico como recoñecemento polo seu labor de preservación da memoria histórica, a loita antifascista e a defensa dos dereitos das mulleres. En 2015 recibiu a Medalla de Ouro da Generalitat de Catalunya pola súa loita en prol da xustiza e as liberdades democráticas, a memoria das persoas deportadas aos campos de exterminio nazi e a defensa dos dereitos humanos.​

En febreiro de 2019, a cidade de París concedeulle a Medalla 'Grand Vermeil', a máxima distinción da capital francesa.

Ano Neus Català[editar | editar a fonte]

Stolperstein en honor de Neus Català. Els Guiamets, 2018

Cataluña dedicou o ano 2015 a Neus Català, a última persoa de España que sobrevivira ao campo de concentración de Ravensbrück, no centenario do seu nacemento. Con esta conmemoración rendéuselle homenaxe, por extensión, a todas as persoas que padeceron as consecuencias da guerra, a ditadura franquista e o internamento en campos de prisioneiros e de exterminio. Sobre ela, no acto de presentación, a Conselleira de Benestar e Familia Neus Munté, afirmou: "Neus Català é unha muller forte e solidaria, unha loitadora antifascista, unha supervivente dos campos de exterminio nazis e un referente e un testemuño de todas as mulleres que loitaron na Guerra Civil Española e na Segunda Guerra Mundial".

A celebración do Ano Neus Català estivo coordinada polo Instituto Catalán das Mulleres e colaboraron os concellos de Barcelona e de Guiamets, o Amical de Ravensbrück, a Asociación Arte Plural, as Bibliotecas da Generalitat de Cataluña, as Comunidades Catalás no Exterior, o Consello Comarcal do Priorat, o Consorcio para a Normalización Lingüística, a Corporación Catalá de Medios Audiovisuais, o Departamento de Educación, a Filmoteca de Cataluña, a Fundación Alternativa, a Fundación Cassià, a Fundación Pere Ardiaca, a Institución de Letras Catalás, o Memorial Democrático, o Museo de Historia de Cataluña, Sàpiens Publicacións, a Secretaría Xeral do Departamento da Presidencia e VicDones-SIAD de Osona.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Clara Blanchar (13 de abril de 2019). "Muere Neus Català, resistente del horror nazi". El País (en castelán). 
  2. Domingo Marchena (14 de abril de 2019). "Neus Català: la presa que ganó a Hitler". La Vanguardia (en castelán). 
  3. Creus, J. (2007). Dones contra Franco. Barcelona: Ara Llibres. 
  4. ACN, Falset (14 de xuño de 2015). "Neus Català, homenatjada al Priorat". 
  5. Unió General de Treballadors de Catalunya. "Neus Català". [Ligazón morta]
  6. Creus, J. (2007). Dones contra Franco. Barcelona: Ara Llibres. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]