Nahum Tate
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1652 (Xuliano) Dublín, Irlanda |
Morte | 30 de xullo de 1715 (Xuliano) (62/63 anos) Londres, Reino Unido |
Lugar de sepultura | Southwark St George the Martyr (en) |
Poeta laureado do Reino Unido (pt) | |
23 de decembro de 1692 – 30 de xullo de 1715 Nomeado por: Guillerme III de Inglaterra, María II de Inglaterra | |
Datos persoais | |
Educación | Trinity College Dublín |
Actividade | |
Ocupación | poeta, tradutor, libretista, dramaturgo, escritor, escritor de himnos |
Período de tempo | 17th century generation (en) |
Obra | |
Obras destacables | |
Familia | |
Pai | Faithful Teate |
Premios | |
| |
Descrito pola fonte | Dictionary of National Biography Encyclopædia Britannica The Lives of the Poets-Laureate (en) |
Nahum Tate (Nahum Teate ata 1677), nado en Dublín en 1652 e finado en Londres o 30 de xullo de 1715, foi un poeta irlandés[1], escritor de himnos e letrista de cancións, que chegou a ser considerado o poeta oficial de Inglaterra no ano 1692.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Nahum Teate naceu nunha familia de clérigos puritanos. Era o fillo de Faithful Teate, un clérigo irlandés que fora reitor de Castleterra, Ballyhaise, ata que a súa casa foi queimada e a súa familia atacada, acusados de pasar información ao Goberno sobre plans para a rebelión irlandesa de 1641. Logo de residir na vivenda do reitor do Trinity College de Dublín, o pai trasladouse a Inglaterra, como titular en East Greenwich, arredor de 1650, e como predicador do evanxeo en Sudbury, de 1654 a 1658, antes de retornar a Dublín cara a 1660. Publicou un poema titulado Ter Tria, así como algúns sermóns, dous dos cales llos dedicou a Oliver e Henry Cromwell.[2][3]
Nahum Teate seguiu a seu pai no Trinity College o ano 1668, e graduouse en 1672. Cara ao ano 1676 mudárase xa a Londres e gañaba a vida escribindo. O ano seguinte adoptou a forma ortográfica Tate, que mantería ata a súa morte, en 1715, en Southwark, Londres.[4] Foi enterrado en St. George Southwark o día 1 de agosto de 1715.[5]
Obra
[editar | editar a fonte]Tate publicou un volume de poemas en Londres en 1677 e habitualmente escribiu para o teatro. Dedicou Brutus of Alba, or The Enchanted Lovers (1678), unha traxedia sobre Dido e Eneas, a Charles Sackville, sexto conde de Dorset. Esta obra foi adaptada para o libreto da ópera Dido and Eneas, de Henry Purcell. The Loyal General, con prólogo de Dryden, foi representada no teatro-xardín de Dorset o ano 1680.
Daquela, Tate comezou a facer unha serie de adaptacións de dramas isabelinos. A súa versión de Richard II, de William Shakespeare, alterou os nomes dos personaxes e cambiou o texto de xeito que cada escena estaba, nas súas propias palabras, "chea de respecto pola maxestade e a dignidade das Cortes". Porén, malia estas precaucións, The Sicilian Usurper (1681), como se nomeaba a súa versión, foi suprimida na terceira actuación por causa dunha posible interpretación política.
En 1681, Thomas Betterton representou a versión de Tate de King Lear, que omitía completamente o personaxe do Parvo e acababa de xeito feliz co casamento entre Cordelia e Edgar.[6] Aínda que Joseph Addison protestou contra esta mutilación de Shakespeare, Samuel Johnson defendeu a xustiza poética da adaptación de Tate. Coriolanus converteuse en The Ingratitude of a Commonwealth, representada no Teatro Real o ano 1682. A farsa de Tate Duke and no Duke imitaba Trappolin suppos'd a Prince, de Aston Cockayne. Tate continuou esta serie ata o ano 1707.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Nahum Tate Arquivado 02 de xuño de 2020 en Wayback Machine. en Encyclopaedia Britannica
- ↑ Ter Tria, or the Doctrine of the Three Sacred Persons, Father, Son, and Holy Spirit; Principal Graces, Faith, Hope, and Love; Main Duties, Prayer, Hearing, and Meditation
- ↑ "Tate, Nahum". Oxford Dictionary of National Biography (en inglés). doi:10.1093/ref:odnb/9780198614128.001.0001/odnb-9780198614128-e-26986. Consultado o 2021-03-18.
- ↑ Nahum Tate en NNDB.
- ↑ Biografía de Nahum Tate. En PoemHunter.com
- ↑ Texto completo da adaptación de King Lear Arquivado 08 de xuño de 2001 en Wayback Machine., feita por Nahum Tate.