Nólsoyar Páll

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Nólsoyar Páll
Nollsoyar PAll 50kr.png
Nacemento11 de outubro de 1766
 Nólsoy
Falecemento1809
 Sumba
NacionalidadeDinamarca
Ocupaciónpoeta e labrego
editar datos en Wikidata ]
"O retorno de Nólsoyar Páll", selo das illas Feroe obra de Anker Eli Petersen

Nólsoyar Páll, nado como Poul Poulsen Nolsøe o 11 de outubro de 1766 en Nólsoy e finado en 1808 ou 1809, preto de Sumba, foi un mariño, granxeiro, comerciante, escritor e construtor de barcos feroés que intentou desenvolver o comercio directo entre Feroe e o resto de Europa. Esta considerado un heroe nacional no seu país.[1]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Poul Poulsen foi o cuarto de sete irmáns, recibiron o nome adicional 'Nolsøe' pola illa onde naceron.[2] Despois da morte do seu pai en 1786 embarcou como mariñeiro en navíos das armadas británica e francesa e mesmo a partir de 1791 capitaneou un barco mercante norteamericano.[3] En 1798 pasou a comandar un barco mercante danés autorizado a realizar a ruta comercial coas Feroe, casou cunha muller da súa illa natal, Sigga Maria Tummasdóttir, e residiu en Copenhague un par de anos ata volver ás Feroe en 1800. A súa muller morreu, e en 1801 volveu casar, con Maren Malene Ziska, a filla dun rico rendeiro de terra da coroa preto de Klaksvík en Borðoy, Poul dedicouse á agricultura e ampliou as terras do seu sogro con máis terras reais próximas.[4][5] Por mor do seu éxito a Real Sociedade Danesa para o Progreso da Agricultura outorgoulle unha medalla de prata.[3]

Ao denegarlle un préstamo para comprar un barco que demostrase as posibilidades da utilización de buques grandes para a pesca, el, o seu cuñado Per Larsen, Jacob Jacobsen e os irmáns de Poul mercaron nunha poxa polos restos dunha nave que naufragara e reconstruírona no porto de Vágur. A súa botadura foi o 6 de agosto de 1804 bautizada co nome de Royndin Fríða (Belida Tentativa), esta goleta foi a primeira nave de dimensións importantes construída nas Illas Feroe,[4] e o primeiro barco de propiedade feroesa desde o inicio da Idade Media.[6]

En 1805 realizou unha viaxe levando carbón desde Suðuroy polo Atlántico ata Bergen e Copenhague, tentando abrir unha vía comercial directa, pero non puido traer ningún tipo de bens para as illas pola vixencia do monopolio que rexía nas illas a favor do Real Monopolio do Comercio[7] pero si vacionou os seus homes contra a variola e levou para as illas a vacina.[8].[9]

En 1806 realizou unha nova viaxe e volveu con mercadorías pero as autoridades non lle permitiron aportar en Torshavn, acusándoo de contrabando, comezou así un longo litixio, ao acusar Nólsoyar Páll aos maxistrados locais de contrabando a grande escala. Finalmente condenárono ao pago dunha multa por ofensas menores.

Ao estoupar a guerra entre Gran Bretaña e Dinamarca no contexto das guerras napoleónicas os británicos estableceron un bloqueo sobre Dinamarca que impedía a importación de grans de cebada ás Feroe, indispensable para evitar a famenas illas. Nólsoyar Páll logrou a autorización do príncipe herdeiro, que exercía a rexencia, para transportar gran ás illas fóra do réxime de monopolio e así lograr un pase dos británicos para evitar o bloqueo, e así en outubro de 1807 Nólsoyar descargaba o gran en Thorshavn.

En 1808 levantou áncoras rumbo a Copenhaguen para traer máis gran, logo dun ataque británico, ás illas pero antes de chegar unha nave británica apresou o seu barco, que quedou gravemente danado. As autoridades británicas recoñecendo a pésima situación das illas entregáronlle unha nova embarcación, o North Star que cargado de cereal partiu rumbo ás illas, pero nuncha chegou, a última vez que o viron foi o 17 de novembro de 1808, e non se sabe se o afundiron corsarios ou se naufragou nunha tormenta.

Poesía[editar | editar a fonte]

Nólsoyar Páll foi un poeta recoñecido polas súas baladas satíricas, frecuentemente en colaboración co seu irmán máis novo, Jákup.[10] A primeira obra que sen discusión se atribúe a Páll é "Krákuteiti," sobre un home de leis que rexeita recoñecer o fillo que tivera coa servente, el está caracterizado como unha garza e ela como unha parrula, o xuíz que el intentara subornar como un cuco, e o neno como un pilro gordo.[11]"Jákup á Møn" é sobre un pretendente apesarado, e parodia o recollemento e a severidade entón prevalentes nas illas.[12] "Fruntatáttur" satiriza a moda das mulleres levaren perrera.[13] "Gorplandskvæði" celebra a covardía do comandante da gornición de Tórshavn ao render sen un disparo a cidade aos británicos.[14]

A súa obra máis coñecida é Fuglakvæði ("Balada dos paxaros"), un poema de 229 estanzas na que as aves de rapina simbolizan as autoridades danesas, e o poeta mesmo advirte os paxaros máis pequenos e pacíficos do país na forma dunha gabita, que máis tarde había ser elixido como o paxaro nacional das Feroe.[8]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Simonsen, K (2011). Palimpsest, Memory and Agency in Faroese/Danish Memory Politics - In the Case of National Stereotypes in the Canonization of a Faroese National Hero. Ved konferencen Norlitt, Roskilde Universitet
  2. John Frederick West, Faroe: The Emergence of a Nation, London: Hurst, 1972, ISBN 978-0-8397-2063-8, p. 49.
  3. 3,0 3,1 West, p. 50.
  4. 4,0 4,1 Jak. Jakobsen, "Nolsøe, Poul Poulsen", Dansk biografisk leksikon, online en Projekt Runeberg, pp. 308 p. 308.
  5. Ernst Krenn, Die Entwicklung der Foeroyischen Literatur, Illinois Studies in Languages and Literature vol. 26, no. 1, Urbana: University of Illinois, 1940, OCLC 4393398, p. 75
  6. West, p. 55.
  7. Jonathan Wylie, The Faroe Islands: Interpretations of History, Lexington, Kentucky: University Press of Kentucky, 1987, ISBN 978-0-8131-1578-8, p. 216, note 11.
  8. 8,0 8,1 Jakobsen, p. 309.
  9. West, p. 56
  10. Krenn, p. 73..
  11. Krenn, pp. 75.
  12. Krenn, pp. 75–76.
  13. Krenn, p. 77.
  14. West, pp. 61–62.