Museo Etnográfico e Histórico de San Paio de Narla

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 43°00′25.83″N 07°49′14″O / 43.0071750, -7.82056

Fortaleza de San Paio de Narla.

O Museo Etnográfico e Histórico de San Paio de Narla, situado na fortaleza de San Paio de Narla, en Friol, é un museo que constitúe a sección de etnografía do Museo Provincial de Lugo[1].

A fortaleza foi adquirida pola Deputación Provincial de Lugo en 1939 e permaneceu varias décadas sen uso. En 1983, o arqueólogo Felipe Arias Vilas montou esta sección de etnografía. Máis tarde ampliouse cunha sección histórica da comarca e completouse o seu acondicionamento. É un museo etnográfico porque se mostran os labores populares e histórico porque se conservan pertenzas da familia que habitou a fortaleza.

Ras do chan[editar | editar a fonte]

Tanto aquí como no andar alto exhíbense os elementos etnográficos e na torre os señoriais. Arredor do patio dispóñense varias coleccións relacionadas con oficios tradicionais, como os labores agrícolas, a cestería e os zoqueiros. Na cuadra dos cabalos colocáronse selas de montar e de man de diversas procedencias. A adega conserva elementos propios desta dependencia, como os pelellos.

Andar alto[editar | editar a fonte]

A cociña conserva unha espazosa lareira, un forno e un cuarto de baño, todos orixinarios da fortaleza, ademais de diverso mobiliario típico da cociña galega, como un banco con capoeira, un alzadeiro para a louza e un cunqueiro para cuncas, xunto con outras pezas colocadas en vitrinas.

O salón está dominado por unha grande xanela angular con asentos e conta cunha cheminea con decoración renacentista, un armario de sancristía do século XVII e varios reloxos de pé. Varias vitrinas mostran un ostensorio do século XVIII, imaxes relixiosas, ourivaría e traballo do acibeche.

Na que se coñece agora como sala do tear, que se supón que foi ocupada polo persoal de servizo, pódense contemplar útiles relacionados co traballo da la e o liño. Por un corredor no que se mostran coleccións de pezas de artes industriais, chégase ao escritorio, no que se atopan utensilios relacionados coa escribanía, como tinteiros e salvadeiras, así como un armario barroco.

No dormitorio recreouse unha peza para o repouso tal e como estaría na época medieval, cunha cama, un berce, un arcón para gardar a roupa, un lavabo, unha cadeira de brazos Don Pedro (servizo hixiénico) e roupa de cama.

Torre[editar | editar a fonte]

Na mesma altura accédese ao primeiro andar da torre da homenaxe, na que se mostra unha colección de armas brancas, entre as que destacan os krises, dagas coa folla serpenteada, os machetes e as diversas espadas. O que máis chama a atención son unha armadura de guerreiro samurai do século XVII e a trampa no chan do calabozo, no que se pode ver unha cadea con alxemas.

O segundo andar da torre está dedicado ás armas de fogo (revólveres, escopetas, fusís, canóns etc.), se ven destaca unha armadura de cota de malla.

No terceiro andar da torre destaca a cheminea renacentista mandada construír por Vasco das Seixas e decorada con motivos zoomorfos e fitomorfos. Hai tamén unha cama con decoración de tema militar a base de taracea e un rolo para nenos.

Desde aquí accédese a unha terraza con ameas.

Acceso[editar | editar a fonte]

A entrada é gratuíta. O museo está aberto de martes a domingo. Luns pechado Horario:

Do 1 de outubro ao 31 de marzo

De martes a xoves de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 18.00 De sabado a domingo e festivos de 12.00 a 14.00 e de 16.00 a 18.00

Do 1 de abril ao 30 de setembro

De martes a xoves de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 De sabado a domingo e festivos de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Museo Etnográfico de San Paio de Narla en Proxecto ARGA: Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia.