Movemento pola Autodeterminación e Independencia do Arquipélago Canario
Movemento pola Autodeterminación e Independencia do Arquipélago Canario (MPAIAC) | |
---|---|
Movemento independentista canario | |
Dirixentes e organización | |
Líder | Antonio Cubillo |
Historia | |
Fundación | 1982 |
Posicións políticas | |
Ideoloxía | Nacionalismo canario Independentismo canario Africanismo Comunismo |
Outros datos | |
Sede | Alxer |
O Movemento pola Autodeterminación e Independencia do Arquipélago Canario (MPAIAC) foi unha organización terrorista fundada por Antonio Cubillo, cuxo fin era a secesión das Illas Canarias de España. Durante a década de 1970 operou a través de dous grupos armados: as Forzas Armadas Guanches (FAG) e os Destacamentos Armados Canarios (DAC).
Historia
[editar | editar a fonte]O MPAIAC fundouse o 22 de outubro de 1964 en Alxeria. O seu impulsor foi o avogado Antonio Cubillo, anteriormente vinculado a Canarias Libre e expatriado voluntariamente en 1962 por motivos pouco claros.[1][2] Entre outros, uníronselle Ángel Cuenca, Jose I. Díaz "el Mejicano" e Ángel Cabrera "el Rubio", delincuente común cun amplo historial.[3]
O MPAIAC, apoiado polo Goberno alxeriano, optou estratexicamente por unha liña africanista, recorrendo á exaltación dos antigos aborixes das Canarias coñecidos como "guanches". Con iso chegou a conseguir en 1968 o apoio dun Comité de Liberación ad hoc da extinta Organización para a Unidade Africana (OUA), dirixido por Alxeria, que nunha reunión secreta declarou as Canarias como un arquipélago xeograficamente africano, alegando a xustaposición xeográfica das illas respecto de África.[4]
En 1975, os servizos de intelixencia alxerinos poñen a emisora Radio Alxer ao dispor do MPAIAC, que inicia as emisións de radio de La Voz de Canarias Libre para o arquipélago canario.[5] Así, Alxeria podía favorecer os seus intereses xeopolíticos na zona aproveitando a crise do Sáhara Occidental, e propiciar a creación dun arquipélago canario independente favorable aos seus intereses.[6][7][8] A primeiros de febreiro de 1976, unha delegación da Junta Democrática de España formada por Rafael Calvo Serer, Santiago Carrillo e José Vidal-Beneyto visita Alxer e solicita o pechamento da emisora, ante a nova situación creada en España tras a morte de Franco. O Goberno alxerino asegurou que reconsideraría a situación, pero non retirou a concesión a Cubillo ata 1978.[9]
O 1 de novembro de 1976 o MPAIAC inicia a actividade terrorista a través das Forzas Armadas Guanches (FAG), facendo estoupar un explosivo na superficie comercial Galerías Preciados nas Palmas de Gran Canaria. O 27 de marzo de 1977 fan estoupar unha bomba na floraría da terminal de pasaxeiros do Aeroporto de Gran Canaria, co resultado de sete persoas feridas, e anuncian unha segunda bomba, o que obriga a desviar os voos ao Aeroporto de Tenerife Norte ("Los Rodeos"), en Tenerife. Ese día produciríase no aeródromo tinerfeño o maior accidente aéreo da Historia, con 583 vítimas mortais. Cubillo negou a colocación da bomba e atribuíu as mortes aos controladores aéreos, aos pilotos e á brétema reinante.[10] Ese mesmo mes morre un militante do MPAIAC, Santiago Marrero, nun tiroteo con vixiantes da Armada Española no cuartel de "La Isleta", nas Palmas de Gran Canaria, onde entrara a roubar armas. O 13 de maio produciuse o primeiro atentado terrorista das FAG en territorio peninsular, estoupando un artefacto explosivo en Galerías Preciados en Madrid.[11] A única morte causada directamente polo MPAIAC foi a do artificieiro da Policía Rafael Valdenebro ao intentar desactivar unha bomba colocada polo grupo en San Cristóbal de la Laguna (Tenerife) o 24 de febreiro de 1978, que ía destinada a asasinar un avogado local.[12][13]
O 5 de abril de 1978 Cubillo é apuñalado en Alxer, polo que quedou munusválido para o resto da súa vida. O intento de asasinato de Cubillo foi silenciado durante 72 horas polas autoridades alxerinas, mentres que ordenaban deter a calquera español que vivise en Alxer: o goberno de Houari Boumédiène, debilitado por problemas económicos e políticos, pretendía desviar a atención destes relanzando o seu liderado no Comité de Liberación e facer comparecer a Cubillo no cumio da OUA.[14][15][16] A Audiencia Nacional sentenciou en 1990 que persoas "non determinadas", pero si "pertencentes aos servizos policiais", encargaron o asasinato a José Luis Espinosa Pardo, que foi condenado a 20 anos de cárcere e ao pagamento dunha indemnización de 150.000 euros. En 2003 Cubillo conseguiría do Ministerio do Interior español 150.253 euros ao abeiro da lei de solidariedade de vítimas do terrorismo.[17]
O MPAIAC finalmente renuncia á loita armada e en 1979 expulsa o seu fundador e secretario xeral, Antonio Cubillo, por non coincidir nalgunhas formulacións coa dirección. Con todo, Cubillo seguiría presentándose a si mesmo como portavoz e dirixente do MPAIAC, deslexitimando o uso do nome polo outro grupo. Posteriormente, Cubillo funda o Congreso Nacional de Canarias (CNC), dentro do cal se producirán tamén disputas pola repartición de 25.000 dólares e posteriores axudas económicas que supostamente foron á súa conta particular en Francia, e terminarían con intentos de agresión entre os seus membros.[18]
Cara a 2003, algúns dos antigos integrantes do MPAIAC que foron expulsados no seu día reconstitúen a organización, aínda que esta reconstitución non será recoñecida pola maioría dos militantes históricos. Doutra banda, a actividade política do MPAIAC reconstituído é practicamente nula e apenas vai máis aló do ámbito de Internet.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Avilés Gómez, Manuel. Criminalidad organizada: los movimientos terroristas. Editorial Club Universitario, 2004. Páxina 429. [ISBN 84-8454-339-0]
- ↑ Cola Alberich, Julio. "Las islas Canarias y los acuerdos de la OUA". www.cepc.gob.es. Consultado o 2022-04-23.
- ↑ Socorro, Gonzalo. "El Rubio. Caso cerrado". En Cabildo Insular de Gran Canaria. 2002.
- ↑ De la Torre, Servando. "Algunos aspectos del Comité de Liberación de la OUA". En Centro de Estudios Políticos y Constitucionales. 1989
- ↑ Míguez, Alberto. "Independentismo canario entre Argel y Rabat". En El Telegrama. Melilla, 2005.
- ↑ Algueró Cuervo, José Ignacio. "El Conflicto del Sahara Occidental, desde una perspectiva canaria". Colección La Diáspora. Número 13. Viceconsellaría de Acción Exterior e Relacións Institucionais. Goberno de Canarias, 2003. Páxinas. 301 e seguintes.
- ↑ Vidal Guardiola, Lorenzo M. "Ifni, la prensa y la guerra que nunca existió". Almena, Madrid, 2006
- ↑ "Canarias y la OUA". En El País. 21 de febreiro de 1978.
- ↑ Leal Cruz, Miguel. "Antonio Cubillo, un astro con estrellas". En El Mundo-La Gaceta de Canarias. 4 de xullo de 2005.
- ↑ "Nosotros pusimos bombas en cantidad; claro que sí" Arquivado 07 de marzo de 2016 en Wayback Machine. (entrevista a Antonio Cubillo Ferreira). En El día. 6 de marzo de 2005.
- ↑ Rego, Paco. "La gran catástrofe de los terroristas canarios del MPAIAC de Cubillo". En El Mundo. 27 de marzo de 2017.
- ↑ "Fallece un artificiero en Tenerife". En El País. 9 de marzo de 1978.
- ↑ "Dolor" Arquivado 23 de setembro de 2015 en Wayback Machine.. En El Día. 12 de marzo de 2004.
- ↑ Del Pino, Domingo. "La eventual sustitución del jefe del Estado abre una crisis de poder en Argelia" Arquivado 15 de outubro de 2007 en Wayback Machine.. En El País. 21 de novembro de 1978.
- ↑ Casares, Fernando. "La cumbre de la OUA en Jartum será prudente y realista en el tema canario". En El País. 28 de abril de 1978.
- ↑ Argelia insiste en un encuentro a nivel de jefes de Gobierno con España. En El País. 16 de abril de 1978.
- ↑ "Interior indemnizará con 150.253 euros a Antonio Cubillo por asesinato frustrado". En ABC. 22 de outubro de 2003.
- ↑ "Don Antonio Cubillo, un líder de papel periódico" Arquivado 27 de marzo de 2017 en Wayback Machine.. En La Voz de Lanzarote. 26 de xaneiro de 2006.