Mosca da froita mediterránea

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mosca da froita mediterránea
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Clase: Insecta
Orde: Diptera
Familia: Tephritidae
Xénero: Ceratitis
Especie: C. capitata
Nome binomial
Ceratitis capitata
(Wiedemann, 1824)
Sinonimia
  • Ceratitis citripeda Efflatoun, 1924
  • Ceratitis citriperda Macleay, 1829
  • Ceratitis hispanica Breme, 1842
  • Pardalaspis asparagi Bezzi, 1924
  • Tephritis capitata Wiedemann, 1824
  • Trypeta capitata (Wiedemann, 1824)
Larva de Ceratitis capitata.

A mosca da froita mediterránea (Ceratitis capitata) é unha especie de díptero da familia Tephritidae que pode ser unha praga para as colleitas de froitas. Abunda na costa mediterránea, onde produce os maiores danos, de aí o seu nome, pero está estendida por todo o mundo. Non se debe confundir coa mosca do vinagre Drosophila melanogaster e outras Drosophilidae, que tamén se chaman moscas da froita (igual que outras especies de Tephritidae).

Ciclo biolóxico[editar | editar a fonte]

A duración do ciclo depende da temperatura. A actividade redúcese durante o inverno, que normalmente pasa en estado de pupa. Se a temperatura pasa de 14 °C reactívase. En zonas de clima suave, pode completar de 6 a 8 xeracións anuais.

O insecto, ao terminar o inverno, sae do pupario, que está enterrado no chan preto de árbores, e procura un lugar solleiro; 15 minutos despois os tegumentos endurécense e toman a coloración típica da especie. Despois comenza a voar, xa que teñen entón as súas ás desenvolvidas, aínda que non os seus órganos sexuais.

Realiza voos curtos e póusase onde encontra substancias azucradas, con predilección polas froitas, xa que lle son necesarias para alcanzar a súa madurez sexual. O encontro entre o macho e a femia prodúcese cando o macho segrega unha feromona, que é recoñecida pola femia, á que atrae, e ten lugar o apareamento.

A femia fecundada inicia a posta na polpa da froita, atraída polo olor e cor (prefiren o amarelo e o laranxa, polo que as froitas non maduras non as atraen, nin as podres).

Para a fertilización de todos os ovos que vaia poñendo abonda cunha soa cópula na vida da femia. Se as temperaturas son favorables os ovos eclosionan nuns dous días.

As larvas aliméntanse da polpa da froita na que producen galerías. Unha vez que completan o seu desenvolvemento larvario, saen do froito, e déixanse caer ao chan, onde se enterran e pasan a fase de pupa.

As moscas adultas teñen unha limitada capacidade de expansión, pero o comercio global de froitas distribúe accidentalmente froitas infectadas a miles de quilómetros de distancia en pouco tempo, axudando ao seu espallamento. Ver Mapa da distribución xeográfica de Ceratitis capitata (Actualizado en decembro de 2013).

Danos na agricultura[editar | editar a fonte]

En España esta especie está moi estendida, sobre todo no sur e zona mediterránea. Afecta a multitude de especies cultivadas como: laranxa, mandarina, melocotón, figo, albaricoque, ameixas, kaki etc. O seu control é difícil, xa que está moi estendida. As únicas producións que escapan aos seus ataques son as obtidas desde final de outono a principios de primavera, xa que o frío desa época fai que o insecto non mostre actividade.

O dano producido no froito é causado pola larva, que se alimenta da polpa das froitas, deixando dentro da froita os seus excrementos, ademais de servir de vía de contaminación para distintos tipos de fungos, que producen putrefacción, o cal fai que eses froitos caian ao chan antes de tempo ou non se poidan comercializar.

Control fitosanitario[editar | editar a fonte]

Actualmente en España o control fitosanitario deste insecto baséase nun ou máis dos seguintes métodos:

  • Tratamentos fitosanitarios con algún dos produtos autorizados en cada cultivo.
  • Trampeo masivo. Trátase de poñer un número elevado de trampas que atraen á mosca e unha vez que entra lles impiden a súa saída e morren. É máis efectivo canto maior sexa a superficie na que se dispoñan as trampas.
  • Uso de machos estériles. Realízano normalmente organismos oficiais sobre grandes superficies. Consiste en soltar no campo machos deste insecto de forma masiva, que foron previamente criados e esterilizados mediante radiación. Estes machos aparéanse coas femias silvestres e, por tanto, evitan que se apareen con machos silvestres non estériles, dando lugar a postas de ovos non viables.

Control biolóxico[editar | editar a fonte]

Ata o momento, o control biolóxico deste insecto non se conseguiu, pero son numerosos os estudos que se están a realizar co obxectivo de conseguir que sexan os inimigos naturais deste insecto os que o controlen. Un dos inimigos naturais que se está estudando é Diachasmimorpha tryoni unha avespa cuxas femias parasitan as larvas de C. capitata,[1] pero estes estudos aínda se encontran nas súas primeiras fases.

Invasións[editar | editar a fonte]

Ademais de na zona mediterránea, esta mosca orixinou pragas en varios países. Nos Estados Unidos de América, C. capitata estendeuse por catro estados (Hawai, California, Texas e Florida), pero foi erradicada de todos menos Hawai. Tamén foi erradicada de Nova Zelandia e Chile. En 1982 houbo unha gran praga en California na que se realizaron fumigacións masivas co insecticida malation e liberáronse millóns de machos estériles, conseguindo a súa erradicación.[2]

Ceratitis capitata pousada nunha folla.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Sabater-Muñoz, Beatriz et al (2009), Levante Agrícola nº 398 372-375
  2. San Diego Union-Tribune Medfly Treatment Begins In El Cajon, 14 de novembro de 2008

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]