Monte Faro de Domaio
Coordenadas: 42°19′50″N 8°41′20″O / 42.330580555556, -8.6888111111111
Monte Faro de Domaio | |
---|---|
Monte Faro de Domaio visto dende a ría de Vigo. | |
Localización administrativa | |
Localización | Domaio, Moaña, Galicia |
Características xerais | |
Altitude | 628,20[1] m |
O monte Faro de Domaio é un monte galego situado na península do Morrazo, na localidade pontevedresa de Moaña. Ten 636,20 m de altura e é a máxima altitude da serra do Morrazo que percorre a península de leste a oeste.
O nome do pico provén da parroquia de Domaio, na que se erixe. Domina as rías de Pontevedra e Vigo cunha situación estratéxica que o converteu nun importante centro de telecomunicacións.
No seu cumio atópase unha zona de lecer chamada Chan da Arquiña que rodea un dolmen e unha mámoa co mesmo nome, e que constitúe a ruta de sendeirismo homónima. O monumento megalítico posúe máis de 5 000 anos de antigüidade, e consta dunha cámara poligonal composta de 11 pedras verticais e dun corredor, composto de 5 pedras verticais. Ten orientación cara ao leste. Nas escavacións encontrouse un enxoval funerario completo composto de diferentes útiles e ferramentas de pedra e fragmentos de cerámica.
Nel nacen varios ríos, pequenos e de caudal irregular, que verten, polo sur na ría de Vigo e polo norte na de Pontevedra. A vexetación está composta por bosque atlántico onde abunda o carballo e o castiñeiro, que van cedendo paso aos eucaliptos e piñeiros que veñen da man da reforestación con fins de explotación forestal.
O terreo é granítico con grandes rochas deste material. Unha estrada sobe até o seu cumio onde hai unha gran cantidade de antenas de todo tipo para servizos de telecomunicacións e televisión.
No cumio do Monte Faro de Domaio instalouse un vértice xeodésico de primeira orde.[2]
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Vigo (ao fondo) vista desde o monte Faro de Domaio desde Chan da Arquiña.
-
Faro de Domaio, vista desde o porto de Moaña.
-
Monte Faro de Domaio visto desde o Mirador das Fragas.
-
Área de lecer Chan da Arquiña-Lago Castiñeiras
-
Dolmen do Chan da Arquiña.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Ficha en Turgalicia. (ed.). "Monte do Faro de Domaio". Consultado o 20 de outubro de 2015.
- ↑ Ministerio de Fomento. (ed.). "Ficha Vértice Xeodésico de Domaio." (PDF). Consultado o 20 de outubro de 2015.