Monster é un filme estadounidense dirixido por Patty Jenkins que se estreou no 2003. Baséase na vida da asasina en serie Aileen Wuornos, unha prostituta que foi executada en Florida no 2002 por matar seis homes (ela non foi acusada por un sexto asasinato) a finais da década de 1980 e principios dos noventa. Wuornos foi interpretada por Charlize Theron e a súa amante ficticia, Selby Wall (baseada na amante real de Wuornos, Tyria Moore), foi interpretada por Christina Ricci.
O filme narra a historia de Aileen Wuornos (Charlize Theron), unha prostituta autora de seis asasinatos, incluído un policía. Aileen sempre declarou que matou en defensa propia, en resposta a violentos ataques mentres traballaba. Ó bordo da desesperación e do suicidio, coñece un día nun bar de Florida a Selby Wall (Christina Ricci), unha xove lesbiana, que fora enviada polos seus pais a vivir coa súa tía para "curar a súa homosexualidade". Wuornos, vítima dunha tráxica infancia chea de abusos, rapidamente se namora de Selby, atopando nela unha razón para vivir. Incapaz de encontrar un traballo digno e desesperada por manter a súa nova relación, Wuornos continúa traballando como prostituta. Cando un dos seus clientes estaba a piques de matala brutalmente, ela dispáralle en defensa propia, comezando así unha tráxica cadea de asasinatos.