Miguel Mihura

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Miguel Mihura
Nacemento21 de xullo de 1904
Lugar de nacementoMadrid
Falecemento27 de outubro de 1977
Lugar de falecementoMadrid
SoterradoPolloe Cemetery
NacionalidadeEspaña
Alma máterInstituto San Isidro
Ocupaciónxornalista, escritor e guionista
PaiMiguel Mihura Álvarez
Coñecido porNinette y un señor de Murcia e Tres sombreros de copa
Na rede
IMDB: nm0586263 Allocine: 74509
Find a Grave: 8252093 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Miguel Mihura Santos, nado en Madrid o 21 de xullo do 1905 e finado tamén en Madrid o 28 de outubro do 1977, foi un dramaturgo español. A súa obra máis coñecida é Tres sombreros de copa (1932).

Biografía[editar | editar a fonte]

O seu pai, Miguel Mihura Álvarez, era actor e autor de libretos de zarzuelas, polo que xa se moveu dende ben cativo no ambiente teatral. Durante os anos vinte traballou coma xornalista, achegándose aos xornalistas humorísticos do momento. De feito, o humor tamén se convertería nunha constante da súa produción literaria.

Durante a Guerra Civil española simpatizou co bando fascista, chegando a militar na Falange Española, e pasou a contenda acubillado en Donostia, onde foi director dunha revista de humor e propaganda para os soldados da fronte, La ametralladora.

Nos anos corenta dirixiu outra revista de humor, La codorniz, para logo dedicarse a escribir guións cinematográficos, entre os que cómpre salientar o de Bienvenido, Mister Marshall en colaboración con Luis García Berlanga e Juan Antonio Bardem.

Foi elixido no 1976 para ocupar a cadeira K da Real Academia Española, pero non chegou a ler o discurso de ingreso.

Traxectoria literaria[editar | editar a fonte]

A súa primeira obra, Tres sombreros de copa, malia que foi escrita no 1932, non foi publicada ata o 1947, estreándose no 1952. Isto provoca unha fonda decepción no autor, que decide facer, segundo palabras súas, "teatro comercial ou de consumo ao alcance da mentalidade burguesa que, con razón, non quere romperse a cabeza logo de pechar o seu negocio". É evidente que a súa produción posterior está por embaixo do que supuxo Tres sombreros de copa, minguando a súa imaxinación, a súa forza creadora, o seu inconformismo e renunciando a certas audacias de expresión poética e humor insólito. En palabras súas, o seu teatro posterior está destinado a "ocultar o meu pesimismo, a miña melancolía, o meu desencanto por todo". Con todo, nalgunhas desas obras (Sublime decisión, 1955, Maribel y la extraña familia, 1959, e La bella Dorotea, 1963), déixase albiscar a denuncia do choque entre individuo e sociedade, motivo dun radical descontento perante un mundo de convencións que aflixen ao home e impídenlle ser feliz. O resto das obras están impregnadas de conformismo e do seu desexo de pregarse aos gustos burgueses na procura do éxito.

Tres sombreros de copa[editar | editar a fonte]

Tres sombreros de copa é unha obra vangardista, próxima ao Teatro do absurdo, que foi rexeitada repetidamente por empresarios, directores e actores, o que amosa a inviabilidade dun teatro novo na España daqueles anos. No 1953, un ano despois da súa estrea e 21 logo de que a escribise, recibe por ela o Premio Nacional de Teatro. Porén, o público "normal" segue a rexeitala, sendo representada por grupos universitarios que a vían como bandeira de inconformismo (o que non deixa de ser paradoxal se temos en conta a filiación fascista que mantivo o autor nos anos da Guerra Civil).

O tema central da obra é a frustración, pero se trata dunha frustración absurda, estúpida. O seu protagonista, Dionisio, gris e convencional, vai casar. Mais, de súpeto, coñece a Paula, que o introducirá noutro mundo, noutra vida, revelándolle unha liberdade paradisíaca. Opóñense así dous mundos: o de Dionisio, prosaico e ridículo, e o de Paula, poético e fermoso. Finalmente, Dionisio, non é quen de rachar coa presenza do sistema, encarnado por Don Sacramento, e déixase engulir pola sociedade, perdendo a oportunidade de ser ceibe para ser feliz.

O enfoque, non obstante, non é estritamente social, senón máis ben humorístico, ridiculizando aos personaxes. Deste xeito, o que ben podía dar lugar a unha traxedia, desemboca finalmente nunha farsa.

Estamos, pois, perante unha obra precursora do Teatro do absurdo de autores coma Samuel Beckett ou Eugène Ionesco, recoñecida polo propio Ionesco. A obra lembra, en moita das súas pasaxes, unha película dos irmáns Marx ou de Woody Allen.

Obra[editar | editar a fonte]

  • Tres sombreros de copa (1932).
  • ¡Viva lo imposible! (1939).
  • Ni pobre ni rico, sino todo lo contrario (1939).
  • El caso de la mujer asesinadita (1946).
  • El caso de la señora estupenda (1953).
  • A media luz los tres (1953).
  • El caso del señor vestido de violeta (1954).
  • Sublime decisión (1955).
  • Mi adorado Juan (1956).
  • Carlota (1957).
  • Melocotón en almíbar (1958).
  • Maribel y la extraña familia (1959). Premio Nacional de Teatro.
  • La bella Dorotea (1963).
  • Ninette y un señor de Murcia (1964).
  • Milagro en casa de los López (1965).
  • La decente (1968).
  • Sólo el amor y la luna traen fortuna (1969).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Lázaro, F. e Tusón, V. (1982). Literatura española, Ed. Anaya.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]