Methanosarcina acetivorans
Methanosarcina acetivorans C2A | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||
'Methanosarcina acetivorans' Sowers et al. 1986 |
Methanosarcina acetivorans é unha especie de microorganismos do dominio das arqueas da familia Methanosarcinaceae. É un metanóxeno versátil que se encontra en ambientes tan diferentes como pozos de petróleo, vertedoiros de residuos, fontes hidrotermais abisais e sedimentos non oxixenados baixo leitos de kelp. Só M. acetivorans e outras especies do xénero Methanosarcina utilizan indistintamente as tres rutas coñecidas da metanoxénese.[1] As Methanosarcinales, orde no que está incluída M. acetivorans, son, as únicas arqueas que poden formar colonias multicelulares e mesmo mostrar unha certa diferenciación celular. O xenoma de M. acetivorans é un dos maiores de todas as arqueas.[2]
En 2006, James G. Ferry e Christopher House descubriron que M. acetivorans utiliza unha ruta metabólica descoñecida ata ese momento para metabolizar monóxido de carbono producindo metano e ácido acético para o que usa encimas ben coñecidas como a fosfotransacetilase (PTS) e a acetato quinase (ACK). Esta ruta é moi simple e foi proposta por Ferry e House como a probable primeira ruta metabólica que utilizaron os microorganismos primordiais.
Entre outras teorías sobre o metabolismo primordial están a teoría heterotrófica e a teoría quimioautotrófica, pero ambas as dúas recibiron críticas por ser demasiado complexas para ter xurdido espontaneamente. Porén, en presenza de minerais que conteñen sulfuros de ferro, tal e como se deberon encontrar nos sedimentos dos ambientes primordiais, o acetato sería convertido cataliticamente en acetato de tioéster, que é un derivado que contén xofre. Os microbios primitivos podían obter enerxía bioquímica en forma de adenosín trifosfato (ATP) convertendo novamente os acetatos de tioéster en acetato utilizando a PTS e a ACK, o cal novamente se converterá en acetato de tioéster para completar o proceso. Nun ambiente así, unha "protocélula" primitiva podería doadamente producir enerxía a través desta ruta metabólica, excretando acetato como produto residual. Ademais, a ACK cataliza a síntese de ATP directamente. Outras rutas xerarían enerxía a partir do ATP só a través de complexas reaccións multiencimáticas nas que interveñen bombas e gradientes quimioosmóticos a través da membrana.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ genome.org
- ↑ "microbewiki.kenyon.edu". Arquivado dende o orixinal o 07 de xullo de 2006. Consultado o 01 de xullo de 2014.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Resolvendo o puzzle da vida en Astrobiology Magazine (17 de maio de 2006) (en inglés).
- O xenoma de M. acetivorans revela unha gran diversidade metabólica e fisiolóxica (en inglés)
- Como comezou a vida: Novas investigacións suxiren un enfoque sinxelo Michael Schirber (LiveScience) 9 de xuño de 2006 (en inglés)