Mein Gott hilf mir, diese tödliche Liebe zu überleben
Mein Gott hilf mir, diese tödliche Liebe zu überleben («Meu Deus, axúdame a sobrevivir a este amor mortal» en alemán) é un famoso mural pintado en 1990 polo artista ruso Dmitri Vrubel na East Side Gallery, unha galería de arte ao aire libre sita sobre os restos do muro de Berlín. Tamén é coñecido como Bruderkuss (Bico entre irmáns en alemán) ou Brotherhood Kiss (Bico de Irmandade en inglés).
No ano 2009, as autoridades municipais de Berlín pedíronlle a Vrubel que volvese pintar a súa obra, debido á súa transcendencia simbólica e os inevitábeis efectos do vandalismo e da erosión que sofren os graffitis en vía pública.[1]
O mural fai escarnio da famosa fotografía do bico entre Leonid Brezhnev e Erich Honecker que foi tomada durante a celebración do 30 aniversario da República Democrática Alemá en 1979[2]. Baixo a imaxe dos políticos bicándose aparece a lenda en ruso e en alemán (Mein Gott hilf mir, diese tödliche Liebe zu überleben). A versión de 2009 tamén inclúe un espazo coa tradución da lenda ao inglés (My God, help me to survive this deadly love).
Convén aclarar que o bico que Brezhnev e Honecker se deran en 1979 carece de connotación sexual ningunha. A súa acción é unha mostra de bico de irmandamento, un costume estendido en Rusia e outros países como mostra de confianza mutua entre dúas persoas. Este costume está pouco estendida no mundo occidental actual, polo que é doado malinterpretar o xesto que fixeron os políticos e atribuírlle unha conduta relacionada sexual que non existe en realidade. A fotografía que reflicte o devandito bico é coñecida habitualmente polo nome Bico de irmandamento (ou Brotherhood Kiss en inglés), da cal toma un dos seus nomes a obra de Vrubel.
A imaxe do cadro converteuse nunha importante icona popular do Berlín de finais do século XX e comezos do XXI, polo que se pode observar en multitude de recordos da cidade como homenaxe á euforia que supuxo para a poboación da cidade a apertura do muro de Berlín en 1989.
Notas
[editar | editar a fonte]Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Estado do mural á altura de 2005, tras 15 anos de exposición en vía pública.
-
Dmitri Vrubel inicia os labores de repintado do mural en xuño de 2009.
-
Dimitri Vrubel fronte á súa nova versión do mural (2009).