Mauritz Stiller
Mauritz Stiller | |
---|---|
![]() Stiller en 1927 | |
Nome completo | Moshe Stiller |
Nacemento | 17 de xullo de 1883 |
Lugar | Helsinqui, Imperio Ruso |
Falecemento | 18 de novembro de 1928 (45 anos) |
Lugar | Estocolmo, Suecia |
Soterrado | Cemiterio xudeu |
Nacionalidade | ![]() ![]() |
Etnia | Sueco-Finlandeses |
Profesión | Director, guionista, actor |
Na rede | |
![]() ![]() ![]() ![]() ![]() | |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Moshe Stiller, coñecido como Mauritz Stiller, nado en Helsinqui o 17 de xullo de 1883 e finado en Estocolmo o 18 de novembro de 1928 foi un director de cinema sueco-finlandés, coñecido por descubrir a Greta Garbo.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Stiller naceu nunha familia xudía asquenací, que vivira en Rusia e Polonia antes de establecerse en Finlandia. A súa nai suicidouse cando el tiña catro anos e foi logo criado por amigos da familia. Axiña viuse atraído pola interpretación e demostrou o seu talento nos teatros de Helsinqui e Turku.
Cando foi recrutado polo exército do tsar Nicolao II (Finlandia era entón un Gran Ducado autónomo dentro do Imperio Ruso) abandonou o país e estableceuse en Suecia, nacionalizándose en 1921.
Contra 1912 Stiller xa se involucrara no rápido desenvolvemento da industria sueca do cinema mudo. Comezou escribindo guións, ademais de actuar e dirixir curtametraxes, mais finalmente abandonou a interpretación para dedicarse totalmente á escritura e á dirección. Deseguido pasou á dirección de longametraxes e o seu filme de 1918 Thomas Graals bästa barn, con Karin Molander e Victor Sjöström de protagonistas recibiu boas críticas.
En 1920 dirixira máis de trinta e cinco filmes, incluíndo Erotikon, e xa era unha das principais figuras do cinema sueco.
No teatro real de Estocolmo coñeceu unha actriz nova chamada Greta Gustafsson, á que contratou para un papel secundario mais importante en Gösta Berlings saga, e que foi coñecida como Greta Garbo. A presenza na pantalla desa moza de dezaoito anos levou a Stiller e a Garbao aos Estados Unidos tras aceptar a oferta de Louis B. Mayer de dirixir para a Metro-Goldwyn-Mayer.
En Hollywood asignáronlle a dirección de The Temptress (1926), segundo filme de Garbo na MGM, mais non foi quen de tratar co sistema de estudios e tras repetidas discusións foi substituído por Fred Niblo e rematou o seu contrato. Foi inmediatamente contratado por Paramount Pictures, onde fixo tres filmes con éxito, mais de novo foi despedido polos seus desacordos cos xefes do estudio.
Volveu a Suecia en 1927 e faleceu o ano seguinte vítima dunha pleuresía aos 45 anos.