Matilde Vázquez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Matilde Vázquez
Nacemento27 de marzo de 1905
 Cambados
Falecemento23 de abril de 1992
 Madrid
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónactriz
editar datos en Wikidata ]

Matilde Vázquez, nada en Cambados, Pontevedra o 27 de marzo de 1905[1] e finada en Madrid o 23 de abril de 1992,[2] foi unha soprano teatral de zarzuela e revista do século XX.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Dende a súa infancia, que pasou no seu Cambados natal, demostrou afección pola música; tiña xa unha voz con grandes cualidades para o canto. Cando cumpriu os trece anos a súa familia tivo que trasladarse a Madrid. Foi nesta cidade onde deu os seus primeiros pasos no mundo teatral e musical, actuando primeiro en compañías de afeccionados. Pero como as súas dotes eran evidentes, a familia quixo que o músico e cantante Luis Iribarne lle impartise leccións de música e canto[nota 1][3]

Os seus comezos profesionais nos anos vinte foron como cupletista, pasando despois ao xénero da revista na compañía de Celia Gámez onde interpretou La mujer chic (1925) e La deseada no teatro Martín de Madrid. Tamén actuou como tiple de conxunto no Teatro Reina Victoria de Madrid con La bayadera (1924), unha opereta en tres actos de Emmerich Calman. Pero as súas cualidades vocais eran moi superiores ás requiridas para estas revistas, polo que pronto foi contratada para outro xénero musical: a zarzuela.[4]

Entrou no mundo da zarzuela no teatro Fuencarral de Madrid coa obra La del Soto del Parral —dos compositores Reveriano Soutullo e Juan Vert—, co barítono Sagi Barba. O éxito que obtivo foi tan grande que deu en converteuse nunha grande figura da zarzuela. En abril de 1929 volveu a estrear unha obra de éxito, Los claveles do mestre José Serrano Simeón, no Teatro Fontalba, canda o tenor Tino Folgar. No seu repertorio non faltaron as obras do mestre Serrano e de Moreno Torroba.[4]

Foi unha grande intérprete da zarzuela Doña Francisquita de Amadeo Vives no papel de Aurora la Beltrana, canda o tenor Fleta no papel de Fernando. Cando esta obra foi levada ao cine contratárona para protagonizala.

En 1937 representou, no teatro Pardiñas de Madrid, máis zarzuelas de repertorio: Luisa Fernanda de Moreno Torroba, Los claveles (obra moi solicitada) e Gigantes y cabezudos de Fernández Caballero.[4] Coa compañía lírica deste compositor realizou unha serie de xiras por Hispanoamérica durante os anos 1934 e 1935, representando nos teatros un bo repertorio de obras xa consagradas. Ao ano seguinte representou xunto a Miguel Fleta, no teatro Novedades de Barcelona as obras Luisa Fernanda, María la tempranica, La Dolores e Doña Francisquita.

Despois da guerra civil española continuou o seu traballo de cantante en Madrid estreando en 1942 La Caramba de Moreno Torroba, no teatro da Zarzuela e Polonesa en 1944 no teatro Fontalba; nestas actuacións compartiu repartimento co barítono Pedro Terol. A súa actividade teatral seguiu con éxito durante os anos cincuenta con La Lola se va a los puertos no teatro Albéniz e outras funcións.

No ano 1955 interpretou La verbena de la Paloma na Corrala de Madrid e algunhas outras obras noutros teatros, pero poucos anos despois retirouse da escena e dedicouse á pintura de xeito amateur.[3]

Ten varios discos gravados con Marcos Redondo, Juan García, Mateo Guitart e Pedro Terol.

Matilde casou co famoso ventrílocuo e pintor salamantino Felipe Moreno, con quen tivo unha soa filla chamada tamén Matilde.

Obras de repertorio[editar | editar a fonte]

Filmografía[editar | editar a fonte]

  • Doña Francisquita (1935)
  • La última falla, Benito Perojo, 1940

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Viana, Víctor (10 de marzo de 2013). "Matilde Vázquez, la soprano arousana". Faro de Vigo (en castelán). Consultado o 26 de febreiro de 2019. 
  2. "Efemérides de Abril" (en castelán). LaZarzuela. Consultado o 26 de febreiro de 2019. 
  3. 3,0 3,1 La Zarzuela. Salvat. 1990. p. 20. ISBN 84-345-5022-9. 
  4. 4,0 4,1 4,2 Diccionario de la zarzuela : España e Hispanoamérica. [Madrid]: Instituto Complutense de Ciencias Musicales. 2002-2003. p. 873. ISBN 8489457301. OCLC 52631097. 

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Cando perdeu a voz este cantante dedicouse á docencia en Madrid.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Diccionario de la Zarzuela. España e Hispanoamérica (en castelán). Madrid: Instituto Complutense de Ciencias Musicales (ICCMU). 2006. 
  • La Zarzuela (en castelán). Salvat. 1990. ISBN 84-345-5025-3.