Marqués de Bradomín

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Memorias do marqués de Bradomín (edición de 1922).

O Marqués de Bradomín é un personaxe de ficción creado por Ramón María del Valle-Inclán e considerado por parte da crítica como o álter ego do autor. Protagonista da tetraloxía narrativa das Sonatas (de outono, estío, primavera e inverno, escritas entre 1902 e 1905), a personaxe aparece como unha especie de Don Juan con espírito de cruzado. Valle-Inclán recoñeceu terse inspirado na figura de Carlos Calderón y Vasco, militar español que chegou a ser brigadier durante a terceira guerra carlista,[1] aínda que noutra ocasión dixo que se inspirou no escritor Ramón de Campoamor.[2] A popularidade da personaxe deu lugar a un un premio literario, convocado desde 1985, e un título nobiliario póstumo a Valle-Inclán, creado en 1981.[3] Tamén o menciona Antonio Machado, no seu poema autobiográfico en Campos de Castilla.

Biografía[editar | editar a fonte]

Edición de El marqués de Bradomín: coloquios románticos, de Ramón del Valle Inclán, publicada en 1907 pola editorial Pueyo, en Madrid, e cunha introdución de José María Vargas Vila (1860-1933) "Elogio de Don Ramón María del Valle- Inclán ".

Presentado polo propio autor na súa autobiografía como o seu "nobre tío", de nome Xavier, «Aquel vello, cínico, descrido e galante como un cardeal do Renacemento!" [4] un "donjuán" "feo, católico e sentimental".[5] A súa primeira aparición na prensa española está rexistrada en Los Lunes del Imparcial, onde Valle-Inclán comezou a publicar Sonata de outono (1902), cuxa trama transcorre na Galicia natal do autor e o personaxe é un home maduro. Bradomín reaparece como protagonista das outras tres sonatas que, sen respectar nin os ciclos vitais nin a orde estacional, apareceron nos anos posteriores. Así, a Sonata de estío (1903) transcorre en México, a Sonata de primavera (1904) faino en Italia cun Bradomín xuvenil e a Sonata de inverno (1905) en Navarra.[6]

Aventureiro modernista digno do Romanticismo, Bradomín estivo en Tierra Caliente e en Terra Santa, foi garda nobre do Papa e capitán de Lanceiros ao servizo do aspirante Carlos VII.[7] Este último contexto fai que o marqués apareza en acción ou mención na triloxía carlista de Comedias bárbaras,[8] que forman as pezas dramáticas Águila de blasón (1907), Romance de lobos (1908) e Cara de plata (1923), e entre cuxas versións teatrais cabe citar a de Bigas Luna en 2003.[9]

En 1959, Francisco Rabal interpretou o Bradomín da Sonata de estío na adaptación cinematográfica de Juan Antonio Bardem, de produción hispano-mexicana.[10]

Bradomín e o Don Juan[editar | editar a fonte]

O donjuanismo, tema recorrente na literatura española, espello das peripecias de Casanova e os soños de Barbey d'Aurevilly,[11] foi definido polo propio Valle-Inclán con esta reflexión, na que o autor aparta o mito clásico da esencia de Bradomín, a súa personaxe:

Don Juan é un tema eterno e nacional; pero Don Juan non é esencialmente conquistador de mulleres; caracterízase tamén pola impiedade e polo desacato ás leis e aos homes. En Don Juan desenvólvense tres temas. Primeiro, falta de respecto aos mortos e á relixión, que é unha mesma cousa; segundo, satisfacción das súas paixóns saltando sobre o dereito dos demais, terceiro, conquista de mulleres. É dicir, diaño, mundo e carne, respectivamente. Don Juan é o anxo rebelde; é monstro e non procrea; é eterno e non se reproduce, como todo o monstruoso e como todo o eterno. Don Juan é o ideal para os homes; todos os homes admiran a Don Juan e admírano pola súa trindade monstruosa. Os donjuáns anteriores ao marqués de Bradomín reaccionan ante o amor e ante a morte; faltáballes a Natureza. Bradomín, máis moderno, reacciona tamén ante a paisaxe.
Ramón María del Valle-Inclán


Notas[editar | editar a fonte]

  1. Fernández Almagro, Melchor (15 de outubro de 1955). "Bradomines". ABC (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 12 de febreiro de 2022. Consultado o 12 de febreiro de 2022. 
  2. "E confeso que o meu marqués de Bradomín está inspirado en Campoamor, e moitos dos seus trazos non son autobiográficos, como cren algúns, senón que pertencen ao autor das Doloras", dunha conferencia titulada "Semblanzas de literatos españoles", citada por Obdulia Guerrero, Valle-Inclán y el novecientos, Madrid: EMESA, 1977, p. 126.
  3. "Real Decreto 1226/1981, de 24 de junio, por el que se otorga el título de Marqués de Bradomín a don Carlos Luis del Valle-Inclán y Blanco" (PDF). Boletín Oficial del Estado (en castelán). 24 de xuño de 1981. Consultado o 12 de febreiro de 2022. 
  4. Ramón María, Valle-Inclán (27 de decembro de 1903). "Juventud militante". Alma Española (en castelán) (8): 7. ISSN 1885-4702. 
  5. Tamén no prólogo á Sonata de primavera da edición do autor en 1904, realizada na imprenta de Antonio Marzo, e titulada como Sonata de primavera: Memorias de Marqués de Bradomín: Las publica Don Ramón del Valle Inclán, explica nunha breve nota:
    Estas páxinas son un fragmento das 'Memorias amables', que xa moi vello empezou a escribir na emigración o Marqués de Bradomín. Un Don Juan admirable. ¡O máis admirable tal vez! Era feo, católico e sentimental...
  6. Aub, Max (1966). Manual de historia de la literatura española (en castelán). Madrid: Akal Editor. p. 478. ISBN 847339030-X. 
  7. Fernández Almagro 1955, p. 3.
  8. Salper, Roberta L. (1988). Valle-Inclán y su mundo: ideología y forma narrativa (en castelán). Rodopi. p. 147. ISBN 9789051830279. Consultado o 12 de febreiro de 2022. 
  9. "Bigas Luna debuta en teatro con una adaptación de las "Comedias bárbaras" de Valle-Inclán". El Mundo (en castelán). 5 de setembro de 2003. Consultado o 12 de febreiro de 2022. 
  10. "Sonatas (1959)". diariodecine.es (en castelán). Consultado o 12 de febreiro de 2022. 
  11. de Juan Bolufer, Amparo (2000). La técnica narrativa en Valle-Inclán (en castelán). Universidade de Santiago de Compostela. ISBN 9788481218398. Consultado o 12 de febreiro de 2022. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]