Marielle Franco
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (pt-br) Marielle Francisco da Silva 27 de xullo de 1979 Río de Xaneiro, Brasil |
Morte | 14 de marzo de 2018 (38 anos) Río de Xaneiro, Brasil |
Causa da morte | homicidio, ferida por arma de fogo |
Concelleiro de Río de Xaneiro | |
1 de xaneiro de 2017 – 14 de marzo de 2018 (asasinato) – Babá (pt) → | |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Brasil |
Educación | Pontifícia Universidade Católica do Rio de Janeiro (pt) - ciencia social (2002–2006) Universidade Federal Fluminense (pt) - administración pública |
Actividade | |
Ocupación | assessora parlamentar (pt) (2006–2016), política , Activista polos dereitos humanos , activista polos dereitos das mulleres , socióloga |
Partido político | Partido Socialismo e Liberdade |
Movemento | Movimento LGBT (pt) e movimento por direitos humanos (pt) |
Lingua | Lingua portuguesa |
Familia | |
Parella | Monica Benicio (pt) |
Irmáns | Anielle Franco (pt) |
Premios
| |
Páxina web | mariellefranco.com.br |
Marielle Francisco da Silva, nada no Río de Xaneiro o 27 de xullo de 1979 e finada ibídem o 14 de marzo de 2018, foi unha socióloga, feminista, militante dos dereitos humanos e política brasileira.[1] Afiliada ó Partido Socialismo e Liberdade (PSOL), foi elixida concelleira do Río de Xaneiro nas eleccións municipais de 2016 coa quinta maior votación.[2] Crítica da intervención federal no Río de Xaneiro e da Policía Militar, denunciaba constantemente policías por abusos de autoridade contra os cidadáns. En 14 de marzo de 2018, foi asasinada a tiros.[3][4] O seu asasinato tivo moita repercusión.[5]
Familia, xuventude e educación
[editar | editar a fonte]Filla de Marinete e Antonio Francisco da Silva Neto, Marielle Franco naceu e creceu no Complexo da Maré, na cidade do Río de Xaneiro; ela presentábase como "cria da Maré". Na xuventude, seguía o catolicismo, tendo feito a catequese, e tiña como un dos seus hobbies o funk, bailando no equipo Furacão 2000. En 1990, ós 11 anos de idade, comezou a traballar, usando o salario para axudar a pagar os seus estudos. Posteriormente, tamén exerceu a función de educadora infantil nunha creche.
En 1998, Franco deu á luz a súa filla, Luyara. Aquel mesmo ano, matriculouse na primeira clase de pre-vestibular comunitario ofrecido na Maré. En 2000, comezou a militar no movemento polos dereitos humanos despois de que unha das súas amigas fose alcanzada fatalmente por un intercambio de tiros entre policías e traficantes na Maré.
En 2002, ingresou na Pontifícia Universidade Católica do Río de Xaneiro (PUC-RJ), estudando Ciencias Sociais cunha bolsa integral obtida polo Programa Universidade para Todos (Prouni). Tras graduarse en Ciencias Sociais, fixo un máster en Administración Pública pola Universidade Federal Fluminense (UFF), onde defendeu a tese titulada "UPP - A redución da favela a tres letras: unha análise da política de seguranza pública do Estado do Río de Xaneiro".
Carreira política
[editar | editar a fonte]Nas eleccións estatais de 2006, Franco integrou o equipo de campaña que elixiu Marcelo Freixo á Asemblea Lexislativa do Estado do Río de Xaneiro (ALERJ). Coa posesión de Freixo, foi nomeada asesora parlamentaria do deputado. Anos despois asumiu a coordinación da Comisión de Defensa dos Dereitos Humanos e Cidadanía da Asemblea Lexislativa do Río de Xaneiro.
En 2016, súa primeira disputa electoral, foi elixida concelleira na capital fluminense pola coalición Mudar é possíbel, formada polo PSOL e polo PCB. Con máis de 46 mil votos, foi a quinta demandante máis votada na cidade e a segunda muller máis votada ó cargo de concelleira en todo o país. No Concello, presidiu a Comisión de Defensa da Muller e integrou unha comisión composta por catro persoas cuxo obxectivo era monitorizar a intervención federal en Río de Xaneiro. Franco traballou na recadación de datos sobre a violencia contra as mulleres, pola garantía do aborto nos casos previstos pola lei, polo aumento na participación feminina na política e avogou pola construción de novas Casas de Parto, creadas para a realización de partos normais.
Asasinato
[editar | editar a fonte]Franco foi executada con catro tiros na cabeza ó redor das 21:30h do 14 de marzo de 2018, cando tamén foi asasinado Anderson Pedro Mathias Gomes, condutor do vehículo no que se atopaba a concelleira. A principal liña de investigación das autoridades competentes é que o seu asasinato foi unha execución, aínda que non descarten outros potenciais motivos. De acordo coa Human Rights Watch, o asasinato de Franco relacionouse á "impunidade existente no Río de Xaneiro" e ó "sistema de seguranza errado" no estado. Tras ser velado no Concello carioca, coa presenza de miles de persoas, o corpo de Franco foi enterrado en 15 de marzo, no Cemiterio San Francisco Xavier.
O asasinato de Franco motivou reaccións nacionais e internacionais, coa organización de diversas protestas en todo o territorio brasileiro. O Presidente Michel Temer afirmou que o crime era "inaceptábel" e que "non ficaría impune", mentres a Cámara dos Deputados realizou sesión solemne na súa homenaxe, ben como todos os ministros do Supremo Tribunal Federal (STF) proferiron discursos de dó.
A finais de marzo de 2024, foron detidos e acusados de organizar o asasinato dous políticos (os irmáns Brasão) e o xefe da Polícia Civil do Río de Xaneiro (Rivaldo Barbosa) que tiña tomado posesión do seu cargo na véspera do crime.[6]
Repercursións do seu asasinato na Galiza
[editar | editar a fonte]A Marcha Mundial das Mulleres convocou mobilizacións en repulsa.[7]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Jornal da PUC (ed.). "Nascida na Maré e formada na PUC-Rio, Marielle Franco é a 5ª vereadora mais bem votada". Consultado o 15 de marzo de 2017.
- ↑ Câmara do Rio (ed.). "Perfil da vereadora Marielle Franco no portal da Câmara do Rio". Arquivado dende o orixinal o 05 de marzo de 2010. Consultado o 15 de marzo de 2017.
- ↑ Martínez Pastoriza, Tamara (15 de marzo de 2018). "Assassinada a tiros a política e ativista brasileira Marielle Franco". Sermos Galiza. Consultado o 16 de marzo de 2018.
- ↑ Uol - Notícias - Cotidiano (ed.). "Marielle Franco, vereadora do PSOL, é assassinada no Rio".
- ↑ Gálvez, Andrea A. (2020-11-14). "Renata Souza, candidata a alcaldesa de Río: "El asesinato de Marielle Franco nos mostró por qué es importante y necesaria nuestra lucha"". ElDiario.es (en castelán). Consultado o 2020-11-15.
- ↑ "Quem são os suspeitos de mandar matar Marielle". G1 (en portugués). 2024-03-24. Consultado o 2024-04-10.
- ↑ Sermos Galiza (ed.). "Marcha Mundial das Mulleres convoca concentracións en repulsa polo asasinato de Marielle Franco". Arquivado dende o orixinal o 21 de marzo de 2018. Consultado o 21 de marzo de 2018.