Mariano Fragueiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaMariano Fragueiro

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento20 de xuño de 1795 Editar o valor em Wikidata
Córdoba, Arxentina Editar o valor em Wikidata
Morte3 de xullo de 1872 Editar o valor em Wikidata (77 anos)
Córdoba, Arxentina Editar o valor em Wikidata
Senador da Arxentina
30 de abril de 1863 – 30 de abril de 1865
Circunscrición electoral: Provincia de Córdoba
Senador da Arxentina
11 de maio de 1858 – 11 de xuño de 1858
Circunscrición electoral: Provincia de Córdoba
Governor of Córdoba (en) Traducir
Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeArxentina Editar o valor em Wikidata
Actividade
Lugar de traballo Buenos Aires Editar o valor em Wikidata
Ocupaciónpolítico , economista Editar o valor em Wikidata
Partido políticoPartido Unitário (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata

Mariano Fragueiro, nado en Córdoba o 20 de xaneiro de 1795 e finado na mesma cidade o 13 de xullo de 1872, foi un comerciante, financista e político arxentino, ministro de facenda da Conferación Arxentina e gobernador de Córdoba, Arxentina.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo dun comerciante galego, adquiriu unha sólida cultura na Universidade de Córdoba e dedicouse tamén ao comercio, radicándose en Buenos Aires, onde se relacionou co Deán Funes e casou cunha filla do rico español Martín de Álzaga.

En 1825 formaba parte do directorio do Banco de Buenos Aires, fundado a iniciativa de Bernardino Rivadavia e Manuel José García, e apoiou financeiramente a campaña do Trinta e Tres Orientais contra o Imperio do Brasil. Propuxo frear a saída de ouro e prata do país e resellar a moeda de prata para que pasase a ser un valor simbólico. A súa iniciativa foi rexeitada como estadista. Explorou e percorreu o río Terceiro, coa idea de facelo navegable, pero descubriu que o seu caudal non é suficiente.

En 1829, cando o xeneral Paz invadiu Córdoba e conquistou o goberno provincial, foi designado representante seu ante o goberno de Buenos Aires, dirixido entón por Juan Lavalle. Caído este, trasladouse a Córdoba, onde foi nomeado ministro de goberno. En 1831, ao caer prisioneiro Paz, foi nomeado gobernador interino, coa soa misión de asinar un tratado de paz (de renderse, en realidade) co caudillo Estanislao López. Foi arrestado e levado a Buenos Aires, onde comprou a súa liberdade.

Estendeu os seus negocios mineiros en Córdoba, A Rioxa e Bolivia, asociado co millonario Braulio Costa, a través do cal entrou en contacto con Facundo Quiroga. En 1834 pasou a Tucumán acompañando os mozos Juan Bautista Alberdi e Marco Avellaneda. Fixo negocios mineiros en Copiapó, Valparaíso e Santiago de Chile, e foi o autor do proxecto de ferrocarril entre Copiapó e Caldera, que poucos anos máis tarde sería o primeiro ferrocarril de América Latina. Entrou en contacto cos emigrados unitarios, pero tamén con Rosas, de quen era o representante secreto en Chile. Tamén publicou varias notas xornalísticas sobre a reforma do Banco Nacional de Chile.

Obras sobre finanzas e economía[editar | editar a fonte]

Durante unha estadía en Córdoba, baixo a protección do gobernador Manuel "Quebracho" López, publicou un xornal oficialista, e pasou a Buenos Aires en 1847. Alí comezou a escribir a súa obra capital, "Organización do Crédito", na que mostraba ser un admirador de Saint-Simon, e do seu socialismo utópico. Segundo el, cando particulares fan un uso exclusivo do dereito de propiedade e administran o crédito bancario, usurpan dereitos da comunidade. Cría que, aínda que o capital particular era capaz de xerar fortunas, o capital estatal era aínda mellor, e que o seu progreso non tería límites. Desa reforma do crédito derivaría a reforma social que o país esperaba.

Para levar a cabo as súas ideas era necesario un goberno forte, e vía exemplos deste tipo de goberno no de Bulnes en Chile, e no de Rosas en Buenos Aires. Era un liberal que non levaba ben cos unitarios, aínda que levou ben cos homes da "xeración do 37" ou Asociación de Maio.

Foi o primeiro pensador arxentino que tivo en conta a diferenza entre o que hoxe chamariamos macro e microeconomía. Sostiña que ao estado non lle conviña vender rapidamente todos os seus bens, senón facelos producir, gañar diñeiro e aumentar o seu valor. Só despois, desprenderse deles a cambio de altos prezos. Opúñase ao socialismo comunista pero apoiaba a intervención estatal na economía, especialmente na regulación e control do crédito. Tamén propuxo conseguir unha verdadeira liberdade de imprenta, en que non se publicase só o que escribía o que podía pagar.

Viaxou novamente a Chile en 1849, onde escribiu a súa outra grande obra, "Cuestións Arxentinas", en que se estendía en cuestións monetarias e de finanzas públicas.

De regreso en Buenos Aires, o presidente Urquiza nomeouno ministro de Facenda da Confederación Arxentina. Fundou o Banco Nacional da Confederación Arxentina, que por un tempo emitiu papel moeda. Sancionou o Estatuto para a Organización da Facenda Pública. Planeou unha grande expedición ao deserto, incorporando terras á Confederación sen exterminar os indios. Renunciou ao ministerio ao fracasar o Banco, en setembro de 1854.

En 1856 foi electo senador nacional e opúxose á lei de dereitos diferenciais á importación, coa que a Confederación tentaba competir co porto de Buenos Aires.

O goberno de Córdoba[editar | editar a fonte]

En 1858 fundou o partido liberal de Córdoba, como unha coalición de ex unitarios, e foi electo gobernador de Córdoba, derrotando o ministro nacional Santiago Derqui. Tivo boas relacións co goberno de Buenos Aires, pero axudou o presidente Urquiza a gañar a batalla de Cepeda.

O seu goberno en Córdoba centrouse nas medidas económicas, suprimindo vellos impostos, consolidando a débeda provincial, e organizando a Caixa de Depósitos, un antecedente do Banco da Provincia de Córdoba que outorgaba créditos e descontos a papeis. Tamén organizou o correo, creou un colexio militar para a Garda Cívica, creou a Academia de Práctica Forense, o rexistro de bens raíces, etc.

En 1860 enfrontou novamente a Derqui, esta vez como candidato a presidente, e durante a campaña, os partidarios de Derqui en Córdoba foron perseguidos e encarcerados. Foi derrotado por presión de Urquiza, e a violencia que exercera volveuse en contra súa: a principios de 1860, cando viaxaba polo norte da provincia, foi capturado polos opositores. Estes contaban co triunfo dunha revolución na capital da provincia, pero esta fracasou, de modo que, tras cinco días de prisión, foi liberado. Moralmente abatido, encerrouse na súa casa, delegando o goberno durante meses, ata que en xullo de 1860 renunciou. Meses máis tarde, presidiu a convención que reformou a Constitución Nacional.

Trasladouse a Buenos Aires e apoiou a campaña de Bartolomé Mitre para impor a súa candidatura á presidencia e o dominio porteño sobre o resto do país. Foi senador nacional por Córdoba, e máis tarde membro da Convención Constituínte de 1865.