Saltar ao contido

María Antonia Pereira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Revisión feita o 28 de agosto de 2015 ás 09:11 por Elisardojm (conversa | contribucións) (arranxiño)

María Antonia Pereira do Campo, nada en Baños de Cuntis (Cuntis) en 1700 e finada en 1760, foi unha relixiosa galega, coñecida como a Serva de Deus María Antonia de Xesús, ou Monxiña do Penedo.

Traxectoria

Traballou como criada en Santiago de Compostela e Baiona antes de marchar a Madrid. Casa en matrimonio organizado pola súa familia e tempo despois, tanto o seu marido como os seus dous fillos, abrazaron a vida relixiosa en diferentes ordes.

Na capital, tras traballar no servizo doméstico, pasaría a integrarse nunha comunidade carmelita de Alcalá de Henares. Con importantes apoios eclesiásticos e económicos, volta a Santiago e aquí, logo de superar as reticencias do Arcebispo a abrir unha nova orde de clausura, comezan as obras do que será o seu convento, dirixidas polos carmelitas José de los Santos e José del Espíritu Santo.

Coñecida como a Monxiña do Penedo polo seu lugar de nacemento, foi a fundadora do convento de Carmelitas Descalzas de Compostela en 1748, e a Igrexa considerouna venerable polas súas virtudes. Da súa obra escrita consérvanse manuscritos no convento. Cabería destacar o seu Edificio Espiritual, ademais da numerosa correspondencia.

Veneración

A Santa Sé, ao pouco de finar a monxa, declarou que non había impedimento para comezar coa súa causa de canonización, que comezou en 1761, pero que se detivo en 1770.

O 25 de xaneiro de 1993, polo pulo do entón arcebispo compostelán Cardeal Antonio María Rouco Varela, retómase a fase diocesana do proceso, concluíndo o 14 de xuño de 1996, admitíndoo a trámite a Congregación para as Causas dos Santos o 25 de xullo de 1999 e recibindo en 2007 a aprobación da Comisión Histórica (Positio), polo que recibe o título de Serva de Deus.

Obra

  • Edificio espiritual. Santiago de Compostela: Bibliófilos Gallegos, 1954
  • Notas espirituales (Manuscrito). 1729-1730
  • Autobiografía (Manuscrito). 1737-1738, 1754-1755