Mancomunidade de Concellos da Bisbarra de Ponferrada

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Escudo

A Mancomunidade de Concellos da Bisbarra de Ponferrada é un ente público formado polos concellos de Arganza, Cabañas Raras, Cacabelos, Camponaraia, Carracedelo, Cubillos del Sil, Ponferrada e Sancedo (na práctica son a meirande parte dos concellos que comprenden a bisbarra do Bierzo Baixo agás de Vilafranca do Bierzo, Toural dos Vaos, Priaranza do Bierzo, Borrés e Carucedo.), podendo adherirse outros municipios de acordo ao recollido nos seus Estatutos e ao procedemento indicado na Lei 1/ 1998, do 4 de xuño do Réxime Local de Castela e León.

Ten a súa sede en Ponferrada, no barrio de Fontesnovas na Avda. de Galicia, 369.

O seu escudo está coroado, e componse por un fondo amarelo sobre o que aparece unha vieira que ocupa a parte principal (representando o Camiño de Santiago como símbolo da comunicación entre os concellos que a forman), debaixo dela oito estrelas rodeando a parte inferior da vieira, e catro ondulacións en branco sobre fondo azul que representan a auga.

Os oito concellos que compoñen a mancomunidade de Concellos da Bisbarra de Ponferrada esténdense polo sueste e centro do Bierzo, ocupan a meirande parte da fosa berciana (a parte máis profunda da fosa tectónica que forma a rexión do Bierzo) estendéndose por uns 560 km² dos 2.954,8 que forman o ámbito do Consello Comarcal do Bierzo, ou sexa, a sexta parte do seu territorio, e que xunta no seu conxunto unha poboación de 90.000 habitantes, o que supón o 65 por cento da poboación total da bisbarra do Bierzo.

Foi creada o 7 de marzo de 1969 polo Consello de Ministros, sendo unha das primeiras institucións deste tipo que se crean en España, sendo considerada un xerme das organizacións supramunicipais que se crearon coa chegada da democracia (Comunidades Autónomas, Bisbarras, Consellos Xerais,…) tendo personalidade xurídica propia e unha demarcación territorial de actuación delimitada, rompendo co réxime centralizador establecido dende as Cortes de Cádiz de 1833 con catro obxectivos principais que recollen os seus estatutos:

  • 1. Executar obras de abastecemento de auga potable ás localidades pertencentes aos municipios sinalados, así como as obras de rede de sumidoiros e saneamento dos seus núcleos de poboación.
  • 2. Instalar e adquirir un servizo común de extinción de incendios.
  • 3. Crear un servizo e realizar comunicacións intermunicipais.
  • 4. Promover e impulsar o desenvolvemento industrial, agrario e docente da bisbarra.

O feito de que se use o nome de Bisbarra de Ponferrada en canto de Bisbarra do Bierzo Baixo (bisbarra tradicional) vén dado pola falta deses catro municipios do Bierzo Baixo aos que se facía mención anteriormente, e ao ser Ponferrada o municipio de maior poboación e capital administrativa do Bierzo levou á súa extensión na denominación.

No outono de 2008, o concello de Ponferrada mostrou a súa vontade de abandonar a Mancomunidade.[1]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]