Madduwattas
Madduwattas ou Madduwatta (forma grega probabelmente Madiates) foi rei de Zippasla e despois de Arzawa (despois do -1400 ata aproximadamente o -1350).
Era un gobernador local que loitou en Lukka (Lícia) contra un home vido cos seus de Ahhiya (Ahhiyuwa = Acaia) de nome Attarisiya (Attarisiyas) pero foi derrotado, e Madduwattas refuxiouse en territorio hitita e foille retornada a rexión de Zippasla co título real, pero baixo a condición de que tiña que usar o país como base contra Arzawa. Madduwattas fíxoo pero, atacando pola súa propia iniciativa, foi derrotado por Kupanta-Kurunta, que ocupou Zippasla, e tivo que fuxir outra vez ao reino Hitita.
O rei hitita tivo que acudir a socorrer ao seu vasalo, derrotou a Arzawa e restaurou a Madduwattas.
Attarisiyas volveuno en atacar e o rei fuxiu por terceira vez a territorio hitita. Os hititas enviaron outro exército, que expulsou a Attarisiyas, pero desta vez ficou no país.
Máis tarde, Dalawa (a licia Tlawa, nome clásico Tlos) e Hunduwa rebeláronse, Madduwattas suxeriu que o exército hitita (dirixido por Kisbapili) atacase Hunduwa e el mesmo atacaría Dalawa. En realidade Madduwattas aliouse con Dalawa e, coa súa axuda, fixo caer a Kisnapili nunha trampa e exterminou o exército hitita.
Entón fíxose independente en Zippasla e casou coa filla do rei de Arzawa e non tardou en se apoderar deste reino, pero mantivo a aparencia de lealdade aos reis hititas.
Tudhaliyas, o rei hitita ordenoulle esmagar a revolta de Hapalla, e Madduwatas fíxoo, pero forzou a Hapalla a ofrecerlle lealdade a el mesmo. Despois incorporou Pitassa ao seu reino (Pitassa estaba preto dos dominios hititas).
Despois, en tempo do rei hitita Arnuwandas I, Madduwattas aliouse co seu antigo inimigo Attarisiyas e invadiu Alashiya (Chipre), dominando toda a Asia Menor occidental.
Sobre o -1350 sucedeuno Tarhunta-Radu. Entón as fronteiras do reino eran Tuwanuwa (Tyana a uns 170 km ao sur de Hattusas) e Uda (non identificada) e tivo contactos diplomáticos con Amenhotep III de Exipto, ao que pediu unha filla en matrimonio, pero probabelmente non lle foi concedida. Zippasla desapareceu da historia de Arzawa, e parece ser que o centro do poder se desprazou cara a Apasa ou Apasas, a capital tradicional do reino.