Luís Vaz de Torres

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Luís Váez de Torres»)
Luís Vaz de Torres
Nacemento1565
Lugar de nacementovalor descoñecido
Falecementopost. xullo de 1608
Lugar de falecementoManila
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónexplorador e navegante
editar datos en Wikidata ]

Luís Vaz de Torres, tamén Luís Váez de Torres, nado en España ou Portugal, circa. 1565 - 1610/1613?, foi un mariño e explorador que navegou ó servizo da Coroa española. Foi o primeiro navegante europeo coñecido en atravesar o estreito entre o continente australiano e a illa de Nova Guinea, que desde entón leva o seu nome, estreito de Torres.

Orixes e primeiros anos[editar | editar a fonte]

Nada se sabe das súas orixes.[1] Descoñécense o ano e o lugar do seu nacemento, aínda que, asumindo que tiña preto de corenta anos en 1606, estímase que nacería como data máis probable ó redor de 1565.

Dende o século XIX, foi considerado polos portugueses e algúns historiadores británicos como portugués, sen achegar máis proba que o seu nome, que podería ser tanto portugués como galego.[2][3] Porén, todos os seus escritos, nos que di estar sempre ó servizo da Coroa española, están redactados en español e tampouco hai ningunha referencia a que fose portugués. Torres é lembrado por ser chamado breton durante a viaxe, o que apuntaría a unha orixe en Britonia, Galicia.[4][5]

Torres, nalgún momento, entrou no servizo naval da Coroa Española e foi destinado ás posesións en Suramérica. A finais de 1605, aparece por primeira vez nos rexistros históricos ó ser designado comandante da segunda nave nunha expedición ó Pacífico.

A expedición de Quirós[editar | editar a fonte]

Antecedentes[editar | editar a fonte]

A Coroa española organizou tres viaxes entre 1565 e 1605 tentando descubrir a mítica Terra Australis Incognita, un continente situado cara ó sur do océano Pacífico. As dúas primeiras, mandadas por Álvaro de Mendaña, fracasaron nese intento aínda que descubriron as illas Salomón, Guadalcanal, As Marquesas e outras. Na segunda viaxe morreu Mendaña e o piloto maior, Pedro Fernández de Quirós, levou a expedición de volta a México. Curiosamente deron o nome ás illas Salomón porque as identificaron coa mítica Ofir, onde o rei hebreo Salomón enviaba as súas naves en busca de ouro, a pesar de que non atoparon ouro nelas.

A viaxe[editar | editar a fonte]

Pedro Fernández de Quirós, o piloto da 2º expedición, un navegante de orixe portuguesa, comandou a terceira expedición á fronte dunha frota de tres barcos o San Pedro e San Pablo (150 toneladas), o San Pedro (120 toneladas) e o patache Los Tres Reyes. Os tres barcos partiron do Callao, o porto español no Perú, o 21 de decembro de 1605, con Torres ó mando do San Pedro. En maio de 1606, chegaron a unha illa do arquipélago das Novas Hébridas, que Quirós bautizou como «A Austrialia (sic) do Espírito Santo» (agora Vanuatu), mesturando as palabras «Austral», en alusión á mítica Terra Australis e «Austria», en honra da Casa de Austria, á que o rei de España pertencía.[6][7]

Despois de seis semanas, os barcos de Quirós fixéronse de novo ao mar outra vez para explorar a costa. Na noite do 11 de xuño de 1606, Quirós no San Pedro e San Pablo foi separado dos outros barcos polo mal tempo e non puido (ou iso dixo máis adiante), volver á seguridade do fondeadero en Espírito Santo. Entón viaxou a Acapulco, en México, onde chegou en novembro de 1606. No relato de Prado, que é moi crítico con Quirós, as razóns da desaparición de Quirós atribúense a un motín e á súa falta de liderado.[8] Sobre Torres nada di sobre este asunto máis que «a súa condición era diferente da do capitán de Quirós».[9][10]

Torres asume o mando[editar | editar a fonte]

Permaneceu en Espírito Santo durante 15 días antes de abrir as ordes seladas que lle foron dadas polo vicerrei do Perú. Estas instrucións indicaban que camiño seguir se as naves se separaban e quen quedaría ó mando no caso da perda de Quirós. As ordes parecen ter listado a Diego de Prado y Tovar como sucesor de Quirós, xa que era o capitán na reserva da viaxe.[11] Porén, existen abafadoras evidencias de que Torres si exerceu o mando, incluíndo a narración do mesmo Prado.

A costa sur de Nova Guinea e o estreito de Torres[editar | editar a fonte]

Expedición de Torres.

O 26 de xuño de 1606, sabendo xa que «Austrialia do Espírito Santo» era unha illa, o San Pedro e Los Tres Reyes, ó mando de Torres, partiron cara a Manila. Os ventos contrarios impediron que os barcos seguisen unha ruta máis directa ó longo da costa norte de Nova Guinea, xa coñecida. O relato de Prado dá conta de que avistaron terra o 14 de xullo de 1606, que probablemente fose a illa de Tagula, no arquipélago das Luisiadas, ó sueste de Nova Guinea. A viaxe continuou durante os seguintes dous meses, realizando unha serie de desembarcos para repor alimentos e auga para os barcos e tomar posesión desa terra para España.[9] Iso púxoos en contacto estreito e, en ocasións violento, cos pobos indíxenas locais. Prado e Torres informan ambos da captura de vinte persoas, entre elas unha muller embarazada que deu unha luz varias semanas máis tarde.[8] Prado debuxou unha serie de cartas esquemáticas das ancoraxes no golfo de Papúa, varios das cales aínda se conservan.[12]

Durante moitos anos supúxose que Torres seguiu unha ruta preto da costa de Nova Guinea para navegar os 150 km do estreito que leva o seu nome, pero en 1980 o historiador e capitán de Queensland, Brett Hilder, demostrou a maior probabilidade de que Torres tomase unha ruta máis meridional a través da canle que agora se chama estreito Endeavour, moi próximo ó Estreito de Torres. Dende esta posición certamente avistaría o extremo norte do continente australiano, concretamente o cabo de York. Independentemente diso, Torres nunca afirmou que avistara o continente meridional e limitouse a sinalar que pasara a través do estreito. A expedición demostrou que Nova Guinea non formaba parte do tan desexado continente. Non foi así con Diego de Prado y Tovar que resaltaba na súa solicitude ó rei Filipe III a importancia de cristianizar a Austrialia, bautizada por eles así en honra ós Austrias. E pedía explicitamente facelo de maneira máis cristiá que as Indias Occidentais.

O 27 de outubro, Torres chegou ó extremo occidental de Nova Guinea e dirixiuse ó norte das illas de Ceram e Misool cara ó mar de Halmahera. A principios de xaneiro de 1607 chegou ó porto de Ternate, na illa homónima parte das illas das Especias. Navegou o 1 de maio cara a Manila chegando o 22 de maio.

Resultados da expedición[editar | editar a fonte]

Torres tiña a intención de presentar persoalmente ós indíxenas, amas e un informe detallado ó rei no seu regreso a España. O seu breve relato da viaxe así o indica.[9] Porén, parece que non había interese en Manila en equipar a súa viaxe de regreso a España, e dixéronlle que as súas naves e homes eran necesarios localmente para prestar servizos ó rei.

O 1 de xuño de 1607 chegaron a Manila dous barcos procedentes de América do Sur, sendo un deles o antigo barco de Quirós, o San Pedro e San Pablo, agora baixo outro nome, pero con algúns dos seus anteriores tripulantes aínda a bordo. Ó decatarse de que sobrevivira Quirós, Torres de inmediato escribiulle un informe da súa viaxe. Malia que ese informe desapareceu, Quirós mesmo se referiu a el nalgúns dos seus moitos memoriales ó rei, esgrimíndoo en favor doutra viaxe.

Torres, a súa tripulación e os seus cativos desaparecen por completo dos rexistros históricos neste punto, e a súa sorte posterior descoñécese. Prado volveu a España, posiblemente levando a un dos cativos de Nova Guinea con el.[13] A maioría dos documentos dos descubrimentos de Torres non foron publicados pero, ó chegar a España, foron gardados nos Arquivos españois, incluíndo o longo relato de Prado e as cartas que o acompañaban. Nalgún momento entre 1762 e 1765, as narracións escritas da expedición de Torres foron vistas polo hidrográfo do Almirantado Británico Alexander Dalrymple. Dalrymple proporcionou un mapa esquemático que incluía as Viaxes de Quirós-Torres a Joseph Banks, que sen dúbida proporcionaría esa información a James Cook.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Australian Dictionary of Biography on-line
  2. The Xava a Grande inscriptions, National Library Australia, 2006, p. 20.
  3. ISBN 0-330-27101-6, 9780330271011: «In these Spanish expeditions to the South Sexas, the Portuguese explorers Pedro Fernandes de Queiros and Luís Vaz de Torres played a leading part.
  4. Allen & Unwin, Australia.
  5. «The voyage of Torres
  6. See accounts of the voyage cited, e.g.
  7. The Voyage of Torres.
  8. 8,0 8,1 "O relato de Prado pode consultarse en". Arquivado dende o orixinal o 22 de xaneiro de 2008. Consultado o 24 de novembro de 2016. 
  9. 9,0 9,1 9,2 Discovery of Australia
  10. Hilder, B. (1980) pag. 175.
  11. Hakluyt Society, Londres, 1930.
  12. Ver tamén First Discovery of Australia, de Collingridge, 1895, que inclúe copias propias de Collingridge de tres das cartas.[1]
  13. Prado escribiu cartas desde Goa en decembro de 1613, indicando que tomara a ruta portuguesa a casa.