Luís Augusto Rebelo da Silva

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Luís Augusto Rebelo da Silva
Luis Augusto Rebelo da Silva 1.jpg
Nacemento2 de abril de 1822
 Lisboa
Falecemento19 de setembro de 1871
 Lisboa
NacionalidadePortugal
Alma máterUniversidade de Coimbra
Ocupaciónhistoriador, escritor e xornalista
editar datos en Wikidata ]

Luís Augusto Rebelo da Silva, nado en Lisboa o 2 de abril de 1822 e finado na mesma cidade o 19 de setembro de 1871, foi un xornalista, historiador, novelista e político portugués, colaborador activo de múltiples periódicos e membro de conversas intelectuais e políticas lisboetas da última metade do século XIX. Foi un dos primeiros profesores do Curso Superior de Letras, fundado en 1859 por D. Pedro V, ensinando na cadeira de Historia. Colaborando en múltiples xornais e revistas, Rebelo da Silva afirmouse como o máis prolífico dos escritores románticos portugueses, distinguíndose aínda como orador e político, exercendo, entre outros, os cargos de deputado, par do Reino e ministro. Foi pai de Luís António Rebelo da Silva, científico e profesor de Agronomía, que o sucedeu na Cámara dos Pares.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Luís Augusto Rebelo da Silva naceu en Lisboa o a 2 de abril de 1822, fillo de Luís António Rebelo da Silva (1783-1847), home de talento, maxistrado e xurisconsulto notábel, que fora deputado ás Cortes Gerais e Extraordinárias da Nação Portuguesa de 1821 e membro da Regência do Brasil de 1822 e de Ana Joaquina da Conceição de Lima. Nos períodos en que se desprazaba para fóra de Lisboa, a familia de Rebelo da Silva viviu na Quinta do Desembargador, ou Quinta das Rebelas, no actual Vale de Santarém, quinta visitada, entre outros intelectuais, por Almeida Garrett e Alexandre Herculano. Aquela quinta serviu de escenario á casa da Joaninha, de que Almeida Garrett fala na súa coñecida obra Viaxes na miña Terra. Co pasar do tempo o inmoble foise degradando, sufrindo un incendio en 1990, que o reduciu ás paredes.

Despois dos estudos preparatorios en Lisboa ingresou na Universidade de Coímbra, estudando Matemáticass. Aparentemente por razóns de saúde, axiña abandonou o curso, regresando a Lisboa. Pasou entón a dedicarse aos estudos humanísticos e ingresou na Sociedade Escolástico-Filomática, á que pertencía Alexandre Herculano, o cal lle facilitou o acceso á Biblioteca da Ajuda, o que lle permitiu afondar os coñecementos históricos de que dispuña.

Foi profesor de Historia no Curso Superior de Letras. Era socio da Academia Real das Ciencias de Lisboa (desde 1854) e membro do Conservatório Nacional, do Instituto de Coímbra e de varias institucións brasileiras. Formou parte do Conselho Superior de Instrução Pública. Tras a súa morte, as súas obras completas foron publicadas en 41 volumes pola Empresa da História de Portugal (1909).

O 28 de xullo de 1861, foi un dos socios fundadores da Comissão Central 1.º de Dezembro de 1640.[1]

Casou, o 26 de marzo de 1854, na Igrexa de Santo André, en Lisboa, con Maria Henriqueta Teixeira Coello de Melo Ribeiro, de quen tivo catro fillos e tres fillas.

Faleceu aos 49 anos de idade, polas 9 horas do 19 de setembro de 1871, na súa residencia, números 61 a 63, segundo andar, Rúa da Escola Politécnica, freguesía de San Mamede (Lisboa). Encóntrase sepultado no sartego n.º 675 do Cemiterio dos Praceres.

Obra literaria[editar | editar a fonte]

Na senda de Alexandre Herculano e de Almeida Garrett, cos cales tratou, publicou un amplo conxunto de obras sobre Historia de Portugal, con destaque para História de Portugal os Séculos XVII e XVIII, Memória sobre a População e a Agricultura de Portugal e unha serie de novelas históricas á maneira de Alexandre Herculano, entre eles Rauço por Homízio, Ódio Velho não Cansa. Aínda que de tema máis recente, localizado na fase inicial da Guerra Peninsular, obtivo gran éxito a súa novela histórica A Casa das Pantasmas.

Tamén se debe a Rebelo da Silva un dos contos clásicos da literatura portuguesa, A Última Corrida de touros Reais em Salvaterra. Baseado nun marcante episodio da Historia de Portugal e publicado en 1848, este conto está na orixe de múltiples obras posteriores, entre as cales o famoso fado de que é epónimo.

Con todo, as súas obras máis marcantes son a A Mocidade de D. João V, un éxito literario e de vendas que o propio autor adaptou ao teatro coa colaboración de Ernesto Biester, e a súa obra-prima Bágoas e Tesouros, publicada en 1863.

A maioría da súa obra foi inicialmente publicada nos múltiples periódicos en que colaborou, con destaque para O Cosmorama Literario, a Revista Universal Lisbonense, O Panorama[2] (1837-1868), a Ilustração Luso-Brasileira (1856-1859) o Arquivo Pitoresco[3] (1857-1868), A Época (1848-1849) xornal que fundou e dirixiu xuntamente con Rebelo da Silva, e a Revista Contemporánea de Portugal e Brasil (1859-1865).[4][5][6] Dedicouse tamén á tradución, con destaque para as obras de carácter dramático, entre as cales Otelo, ou o Mouro de Veneza e a obra Imitação de Shakespeare, publicada en 1856.

As súas Obras Completas inclúen tamén un estudo en tres volumes sobre a Arcádia Portuguesa, unha Memória biográfica e literaria acerca de Manuel Maria Barbosa du Bocage e outros traballos en que a crítica literaria é o esteio fundamental, entre os cales Apreciações Literarias, unha recolla póstuma, feita polos editores, de textos dispersos pola prensa da época.

Obras[editar | editar a fonte]

  • A Casa dos Fantasmas (Volume I) (eBook)
  • A Casa dos Fantasmas (Volume II) (eBook)
  • Contos e Lendas (eBook)
  • Varões Ilustres
  • Odio Velho Não Cansa
  • História de Portugal dos Séculos XVI e XVII
  • Fastos da Igreja
  • Rauço por Homizio

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Hernâni Cidade, in Jacinto Prado Coelho (dir.), Dicionário de Literatura, volume 4, Porto, Mário Figueirinhas Editor, (4.ª ed.), 1997, pp. 1024–1025.
  • Jorge Borges de Macedo, A História de Portugal nos séculos XVII e XVIII e o seu autor, introdução à ed. fac-similada da obra de Rebelo da Silva, Lisboa, Imprensa Nacional, 1971, pp. 7–130.
  • Maria Filomena Mónica (coordenador), Dicionário Biográfico Parlamentar (1834-1910), volume III, Lisboa, Assembleia da República, 2006, pp. 717–720, (ISBN 972-671-167-3).
  • Castelo Branco Chaves, O Romance Histórico no Romantismo Português, Amadora, MCC Biblioteca Breve, 1980 ( existe en pdf. Instituto Camões).
  • Teófilo Braga, História da Literatura Portuguesa. O Ultra-Romantismo, volume VI, Lisboa, Pub. Europa-América, s.d.
  • José Augusto França, O Romantismo em Portugal, 3ª ed. Lisboa, Livros Horizonte, 1999.
  • Maria de Fátima Marinho, O Romance Histórico em Portugal, Porto, Campo das Letras, 1999.

Ligazón externas[editar | editar a fonte]