Saltar ao contido

Louie Donowa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaLouie Donowa
Biografía
Nacemento24 de setembro de 1964 Editar o valor en Wikidata (61 anos)
Ipswich Editar o valor en Wikidata
Altura175 cm Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónfutbolista Editar o valor en Wikidata
Deportefútbol Editar o valor en Wikidata
Posición de xogoExtremo esquerdo Editar o valor en Wikidata
Traxectoria Editar o valor en Wikidata
  Equipo Número de eventos xogados Puntos/goles/tantos anotados
1982–1986 Norwich City Football Club 62(11)
1985–1985 cesión:  Stoke City F.C. 4(1)
1986–1989   Deportivo da Coruña 85(20)
1989–1989 Willem II Tilburg 13(4)
1989–1990 Ipswich Town FC 23(1)
1990–1991 Bristol City Football Club 24(3)
1991–1997 Birmingham City 116(18)
1993–1993 cesión:  Burnley F.C. 4(0)
1993–1993 cesión:  Crystal Palace F.C. 0(0)
1994–1994 cesión:  Shrewsbury Town Football Club 4(0)
1996–1996 cesión:  Walsall Football Club 6(1)
1996–1997 cesión:  Peterborough United Football Club 6(1)
1997–1997 Peterborough United Football Club 17(0)
1997–1997 Walsall Football Club 6(0)
1997–1998 Ayr United Football Club 9(0)
1998–1998 FC Inter Turku 4(1)
1999–2000 Boston United Football Club 1(0)
2000–2000 Tamworth F.C.
  Selección nacional Número de eventos xogados Puntos/goles/tantos anotados
1985–1985   Inglaterra sub-21 3(0)

Brian Louie Donowa, nado en Ipswich o 24 de setembro de 1964, é un exfutbolista inglés, que xogaba de extremo. Formado na canteira do Norwich City, foi internacional coa selección inglesa sub-21 e destacou no Deportivo da Coruña, no que militou tres anos entre 1986 e 1989. Posteriormente xogou nunha ducia de clubs, a maioría deles ingleses, sendo o Birmingham City no que pasou máis tempo.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Norwich City

[editar | editar a fonte]

Naceu na cidade de Ipswich, no condado de Suffolk, nunha familia de orixe caribeña,[1] e formouse como futbolista na canteira do Norwich City, co que gañou en 1983 a FA Cup Xuvenil, tras derrotar na final ao conxunto xuvenil do Everton. Xa o ano anterior debutara co primeiro equipo na First Division, máxima categoría do fútbol inglés, da man do adestrador Ken Brown. Foi o 18 de decembro de 1982, nun partido ante o Nottingham Forest en Carrow Road, partido no que saltou ao terreo de xogo como substituto de Ross Jack.[2]

Na tempada 1983/84 asentouse na titularidade e na seguinte campaña disputou a histórica final da Copa da Liga ante o Sunderland. Foi titular en dito partido, disputado no estadio de Wembley ante 100.000 espectadores, que se decidiu a favor dos "canarios" grazas a un gol en propia meta de Gordon Chisholm.[1] Disputou un total de 65 partidos co club amarelo, marcando 11 goles. As súas actuacións, nas que destacaba a súa gran velocidade,[3] chamaron a atención dos técnicos da selección inglesa sub-21, coa que disputou catro partidos en 1985.

Cesión ao Stoke City

[editar | editar a fonte]

Tralo descenso do Norwich City á Segunda División, para a tempada 1985/86 foi cedido ao Stoke City, tamén de Segunda. Con todo, apenas dispuxo de minutos no conxunto dirixido por Mick Mills, co que xogou só cinco encontros, anotando un gol ante o Millwall.[1]

Deportivo da Coruña

[editar | editar a fonte]

En febreiro de 1986 entrou en contacto co Deportivo da Coruña, que militaba na Segunda división española, a través do seu amigo Luis Rodríguez, antigo xogador do Fabril e residente en Inglaterra.[1][4] Tras realizar unha proba co equipo, foi aceptado polo adestrador Chuchi Aranguren e asinou un contrato ata final de tempada co club, que pagou por el unhas 50.000 libras, converténdose no primeiro futbolista inglés no club en 75 anos, e no primeiro negro en máis de dúas décadas, dende os irmáns Fernando e Jorge Mendonça.[1]

Debutou o 1 de marzo de 1986, nun partido de liga contra o Mallorca en Riazor, saltando ao terreo de xogo no minuto 64 como substituto de Vicente.[5] Axiña se fixo coa titularidade, saíndo de inicio en todos os restantes partidos da tempada agás na penúltima xornada, quedando no banco no histórico partido contra o Real Oviedo no antigo Carlos Tartiere no que o Deportivo perdeu case todas as opcións de ascenso.[1] As boas actuacións de Donowa chamaron a atención de varios clubs, entre eles o Celta de Vigo, pero o Deportivo asinoulle un contrato por tres anos máis, despois de pagar 11 millóns de pesetas ao Norwich polos seus dereitos deportivos.[1]

Na tempada 1986//87 disputou un total de 38 partidos, anotando 9 goles, incluído un triplete contra o Rayo Vallecano en Vallecas.[6] Contribuíu así ao segundo posto do club, pero non conseguiu o ascenso no posterior grupo de promoción.[1] Na seguinte tempada foi o máximo goleador do equipo, de novo con nove goles, pero coa chegada do brasileiro Raudnei en 1988 perdeu protagonismo nas aliñacións de Arsenio.[1] En xaneiro de 1989, ante a falta de minutos, pediu ao club a rescisión do seu contrato e deixou a entidade coruñesa despois de 95 partidos e 20 goles en tres anos.[7]

Willem II

[editar | editar a fonte]

Aínda que o presidente do Compostela, José María Caneda, tentou a súa contratación, esta non puido concretarse por mor do seu pasaporte estranxeiro,[8] polo que o xogador acabou deixando Galicia e asinou como novo xogador do Willem II, da Eredivisie dos Países Baixos.[1] Disputou un total de 11 partidos no fútbol neerlandés, anotando dous goles, ambos nun partido contra o RKC Waalwijk.

Últimos clubs

[editar | editar a fonte]

Ao remate da tempada volveu ao seu Ipswich natal, onde xogou un co Ipswich Town na Second Division, antes de poñer rumbo ao Bristol City, no que militou durante a tempada 1990/91. En 1991 fichou polo Birmingham City, no que permaneceu ata 1997, disputando 160 partidos nos que anotou 20 goles. Durante ese tempo foi cedido en varias ocasións, vestindo as camisetas do Burnley, o Crystal Palace, o Shrewsbury Town, o Walsall e o Peterborough United. Tras unha breve segunda etapa no Walsall en 1997, pasou polo Ayr United e o Inter Turku finés, recalando en 1999 no Boston United, co que se proclamou campión da Southern League, sétima categoría do fútbol inglés.

Retirouse no ano 2000, despois dun curto período no Tamworth, club tamén das categorías non profesionais inglesas. Trala súa retirada asentouse na área metropolitana de Birmingham e traballou como instalador de fibra óptica.[1]

  1. 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 11 Rodríguez Cudeiro, Juan Luis (7 de xaneiro de 2025). "Louie Donowa, emblema de "los niños del ascenso"". DxT Campeón (en castelán). Consultado o 22 de marzo de 2025.
  2. "Norwich City 0 - 1 Nottingham Forest". Transfermarkt (en inglés). Consultado o 22 de marzo de 2025.
  3. "Un velocista inglés en los albores del Súper Dépor y un pin en la solapa de 'The Housemartins'" (en castelán). 17 de marzo de 2020. Consultado o 24 de marzo de 2025.
  4. "El inglés Donowa dice que «si no triunfo en el Deportivo me retiro del fútbol»". La Voz de Galicia (en castelán). 17 de febreiro de 1986. p. 25.
  5. "1-1: E l Deportivo, víctima de sus propios errores, fue incapaz de superar a un Mallorca muy activo". La Voz de Galicia (en castelán) (A Coruña ed.). 2 de marzo de 1986. p. 46.
  6. "1-3: El marcador de Vallecas reflejó la superioridad coruñesa". La Voz de Galicia (en castelán) (A Coruña ed.). 1 de xuño de 1987. p. 22.
  7. "«Si Donowa estaba a disgusto en el Deportivo, lo mejor que pudo hacer fue marcharse», dice Arsenio". La Voz de Galicia (en castelán). 20 de xaneiro de 1989. p. 43.
  8. "La contratación de Donowa". La Voz de Galicia (en castelán) (Santiago de Compostela ed.). 26 de xaneiro de 1989. p. 46.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]