Lorenzo Corbacho Rodal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Lorenzo Corbacho Rodal
Nacemento1891
 Cangas
Falecemento24 de setembro de 1936
 Pontevedra
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónsindicalista e político
editar datos en Wikidata ]

Lorenzo Corbacho Rodal, nado en Cangas en 1891 e finado en Pontevedra o 24 de setembro de 1936, foi un canteiro, sindicalista e político galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo dun canteiro pontevedrés de Xeve, na infancia foi instruído nos valores do movemento obreiro. Afiliado á UGT, foi un dos creadores da Alianza Mariñeira de Cangas, da que foi o seu primeiro presidente.

En 1915, con 23 anos, prendérono e acusárono de por unhas bombas en Marín. Participou na folga xeral de 1917, e foi detido e procesado xunto con Xoán Xosé Barreiro no buque de guerra Río de la Plata. Viviu en Moaña entre 1921 e 1924, onde fundou outra sociedade de resistencia co nome de Alianza Mariñeira, da que foi presidente un par de anos. Animou a candidatura obreira ao Concello de 1922, que triunfou. Mobilizou ao sindicato para facer prosperar nun pleno a creación dunha escola. Foi desterrado a Marín, preso e condenado varias veces polas súas conviccións e actividades democráticas. A ditadura de Primo de Rivera clausurou a Alianza Mariñeira de Moaña e detivo aos seus dirixentes, acusados de irregularidades nas contas. En 1923 foi fundador da Agrupación Socialista de Moaña e, en 1924 integrouse na Agrupación Socialista de Cangas, con José Rodal Lanzós, Aniceto Franco, Manuel Nores Sotelo, Antonio Varela e Ángel Mato. Foi concelleiro en Cangas. En 1924 regresou a Cangas, onde foi secretario da Agrupación Socialista e do Sindicato da Edificación.

Foi presidente da Federación Local de Obreiros Marítimos de Vigo, que se constituíu con varios sindicatos do porto. Colaborou en Nueva Aurora de Pontevedra e Solidaridad de Vigo. Formou e presidiu o sindicato de traballadoras de Vigo. En 1926 comprou unha traiñeira a motor, que vendeu aos dous anos e puxo un bodegón. Coa caída da ditadura de Primo de Rivera, reincorporouse como concelleiro.

Nas eleccións municipais de abril de 1931 formou parte da candidatura de Alianza Mariñeira coa convención republicana-socialista. Con Francisco Eiroa Graña foi o encargado de traer a bandeira republicana a Cangas no barco de pasaxe Alegría. Foi concelleiro socialista ata 1936. Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi detido o 23 de xullo acusado de rebelión militar e ingresou na prisión de Cangas. Foi xulgado en consello de guerra en Pontevedra o 19 de setembro xunto a Agustín Jorge Echeverri, Francisco Búa Carou, Víctor Sánchez Mártil e José Rodal Lanzós. Condenado á pena de morte, foi fusilado en Pontevedra o 24 de setembro de 1936.

Viviu con Concepción Iglesias Portela coa que casou en voda civil na ditadura de Primo de Rivera.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]