Ligando (química inorgánica)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este artigo trata sobre os ligandos de coordinación en química inorgánica. Para os ligandos en bioquímica ver ligando.
Complexo do cobalto con cinco ligandos ([HCo(CO)4).

En química de coordinación, un ligando[1][2] é un ión ou molécula (grupo funcional) que se une a un átomo dun metal central para formar un complexo de coordinación. O enlace entre metal e ligando implica xeralmente a doazón formal dun ou máis dos pares electrónicos do ligando. A natureza do enlace entre metal e ligando pode variar desde covalente a iónico. Ademais, a orde de enlace metal-ligando pode variar de 1 a 3. Os ligandos son considerados como se fosen bases de Lewis, aínda que se coñecen raros casos que implican un "ligando" que se consideraría ácido de Lewis.[3][4]

Os metais e metaloides únense aos ligandos en virtualmente todas as circunstancias, aínda que no baleiro poden xerarse ións metálicos "espidos" gasosos. Os ligandos dun complexo determinan a reactividade do átomo central, incluíndo as taxas de substitución do ligando, a reactividade dos propios ligandos, e redox. A selección de ligandos é unha consideración fundamental en moitas áreas prácticas, como a química bioinorgánica e química medicinal, catálise homoxénea, e química ambiental.

Os ligandos clasifícanse de moitas formas: carga, tamaño, identidade do átomo(s) de coordinación, e o número de electróns doados polo metal. O tamaño dun ligando indícase polo seu ángulo cónico (ángulo de Tolman).

Os ligandos simples, como a auga ou o anión cloruro, só forman un enlace co átomo central e por iso se chaman monodentados. Algúns ligandos poden formar múltiples enlaces de coordinación, e denomínanse bidentados, tridentados etc. O EDTA é hexadentado, o cal lle dá unha grande estabilidade aos seus complexos.

O proceso de enlace ao ión metálico por máis dunha posición de coordinación por ligando chámase quelación. Os compostos que forman complexos desta forma chámanse axentes quelantes ou quelatos, e, xeralmente, teñen moita maior tendencia a formar complexos que os seus homólogos monocoordinantes. Un destes axentes quelantes, de importancia industrial, é o EDTA.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Dicionario Digalego ligando Arquivado 25 de novembro de 2018 en Wayback Machine.
  2. "Ligand - Definition and more from the Free Merriam-Webster Dictionary". Merriam Webster. Consultado o 23 April 2011. 
  3. Cotton, Frank Albert; Geoffrey Wilkinson, Carlos A. Murillo (1999). Advanced Inorganic Chemistry. Wiley-Interscience. pp. 1355. ISBN 978-0471199571. 
  4. Miessler, Gary L.; Paul J. Fischer, Donald Arthur Tarr (2013). Inorganic Chemistry. Prentice Hall. p. 696. ISBN 978-0321811059.