LARSA (acrónimo de Láctea Agrícola Rodríguez Sociedad Anónima) é unha empresa láctea e de derivados lácteos fundada polos irmáns Rodríguez López. Actualmente forma parte do Grupo Capsa.
En 1933 os irmáns Rodríguez López comezaron a producir de xeito profesional queixo plano tipo Arzúa na Granxa Arxeriz. Co tempo abriron unha planta industrial en Chantada e despois da guerra civil fundaron a Central Leiteira de Vigo.
En 1947 naceu Larsa como marca, coa creación de Lacto Agrícola Rodríguez, S. A. con sede en Vilagarcía de Arousa. Alí fabricaban varios tipos de queixo e a partir de 1962 leite en bolsa e posteriormente tetra-pack. En 1964, abriu a Central Leiteira en Balaídos (Vigo) e ampliou a produción a leite pasteurizado, sobremesas e nata. Nos anos 70 xa vendía en toda España.
Na década de 1980 mercou a fábrica Arxeriz en Outeiro de Rei, Iberolacto en Ourense, Xeve en Pontevedra, Ilasa en Madrid e Vega de Oro en Meira. Larsa chegou a ter 1.200 empregados e 6.000 puntos de venda cunha facturación de 20.000 millóns de pesetas. A finais desa mesma década, Larsa participou na reestruturación do sector lácteo galego, integrándose no grupo Iberlat.
En 1991 foi adquirida por Union Laitière Normande (ULN)[1]. En 1992 modernizou a planta de Vilagarcía centrando alí a produción de Larsa. En 1992 modernizouse a planta de Outeiro de Rei pasando toda a fabricación en brik a Outeiro de Rei (planta de Arxeriz) e toda a fabricación de queixo a Vilagarcía. En 1994 pasou a mans de Central Lechera Asturiana (CLAS)[1]. En decembro de 1997 integrouse en CAPSA xunto con CLAS e Ato. CAPSA é un dos maiores grupos lácteos de España.