Saltar ao contido

Lavadora

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Lavadora

A lavadora é un aparello eléctrico que pode ser electrodoméstico ou de uso industrial e que basicamente, conta cun tambor central con orificios que vira mentres se lle introduce auga e serve para lavar a roupa.

Características

[editar | editar a fonte]

Existen maiormente dous grupos de modelos: As lavadoras horizontais e as verticais. As horizontais son as que teñen a porta ao carón, e o xiro do tambor ten o seu eixo horizontal, de forma que a roupa, ao momento de virar, vai caendo permanentemente ao ser impulsada polo xiro cara a arriba. As verticais son as que teñen a porta arriba, e o xiro do tambor ten o seu eixo vertical.

A porta nas lavadoras ten na súa porta un sensor ou un bloqueo automático, que cando se abre detén o funcionamento, ou que impide que poidan ser abertas mentres están en funcionamento. Está composto por unha resistencia PTC que ao recibir corrente quéntase e activa un bimetal, o cal está conectado á súa vez a dous terminais que pechan un contacto eléctrico e deixan circular a corrente cara ao electrodoméstico permitindo o aceso deste.

Nas lavadoras modernas o lavado prodúcese polo xiro do tambor que provoca a mestura do deterxente coa roupa sucia.

O movemento do tambor é provocado por un motor eléctrico. Os motores máis comúns están situados detrás e debaixo do tambor e comunícanlle a tracción a través de poleas. O motor de condución directa (Direct Drive) forma un todo co tambor e transmítelle a tracción directamente, co que produce moi pouco ruído e vibración.

A lavadora empezou unha moi tímida popularización nos Estados Unidos xa nos anos 20, aínda que até finais dos anos 40 ou principios dos anos 50 non é un artigo de masas. Na Europa desenvolvida occidental, a extensión da lavadora prodúcese, principalmente, despois da segunda guerra mundial e xa a principios dos anos 60 convértese nun aparello cotián. Importantes firmas industriais europeas comezan a fabricar inxentes cantidades de lavadoras; outras, mesmo converten ás lavadoras na súa principal fonte de prestixio e ingresos (Kelvinator, Zanussi). A evolución, tanto estética como funcional, da lavadora, foi moi importante, sobre todo nos últimos anos, coa aplicación da microelectrónica. No aspecto estético, os electrodomésticos panelables, moi xeneralizados nos 80, deron paso agora a fórmulas modernas, a deseños curvos e estilizados, e a múltiples variedades de cor.

Tecnicamentem, e grazas á microelectrónica, algúns modelos actuais deixan a roupa seca e limpa e mesmo engaden controladores de tempo, sensores que controlan a velocidade e a temperatura, algoritmos de recolocación de roupa para evitar excesivas vibracións durante o centrifugado.

Datos técnicos

[editar | editar a fonte]

Os establecementos comerciais que venden lavadoras facilitan aos seus posibles compradores catálogos comerciais onde figuran o dato concreto que corresponde a cada modelo de lavadora que vendan.

  • Capacidade de carga
  • Eficiencia enerxética: lavado/centrifugado
  • Velocidade de centrifugado
  • Motor
  • Nivel ruídos lavado dBA
  • Nivel de ruídos centrifugado dBA
  • Potencia de Conexión, W
  • Tensión, V
  • Frecuencia, Hz
  • Control
  • Panel textos
  • Duración do programa seleccionado
  • Pre-programación e Auto-diagnose
  • Control automático de carga
  • Sistema anti-vibracións
  • Sistema de humidificación rápida (AST
  • Sistema antiescuma
  • Consumo de auga
  • Consumo enerxético
  • Medidas:(Altura. x Anchura. x Fondo.)
  • Cor

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]