Encyclopédie

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «L'Encyclopédie»)

Cuberta da Encyclopédie.

A Encyclopédie, ou dictionnaire raisonné des sciences, des arts et des métiers ou comunmente abreviada en Encyclopédie, e a enciclopedia feita baixo a dirección de Diderot e D'Alembert, quizais a máis coñecida, que se publicou en Francia en 35 volumes comezando en 1751 e finalizando en 1780. O seu limiar, o Discurso preliminar, está considerado unha importante exposición das ideas da Ilustración. Foi unha obra monumental dirixida fundamentalmente por Diderot e que contou coa participación dos máis importantes filósofos e escritores franceses da época e que foi clave para sintetizar e difundir os coñecementos científicos e os principios ideolóxicos que entre outros factores remataron co Antigo Réxime.

O seu nome orixinal era Encyclopédie, ou Ditionnaire raisonné des sciences, des arts et des métiers (en galego Enciclopedia, ou dicionario razoado das ciencias, artes e oficios).

Antecedentes[editar | editar a fonte]

A idea de publicar unha enciclopedia en francés nace da influencia e éxito editorial da Cyclopedia or an Universal Dictionary of Arts and Sciences (Dicionario Universal das Ciencias e as Artes), publicada por Ephraim Chambers en 1728, así como da publicación do Trevoux composto polos xesuítas. Le Breton obtén en 1745 unha licenza para efectuar unha tradución ao francés da enciclopedia de Chambers. En 1747 encárgalle a Diderot e D’Alembert a elaboración editorial da Encyclopédie.

Desenvolvemento editorial[editar | editar a fonte]

Diderot e D’Alembert toman como base para a ordenación temática e estrutura da Enciclopedia as ideas de Francis Bacon, exposta en Novum Órganum (1620) e na influencia de René Descartes no seu Discurso do método (1637). En 1750 publícase o Prospecto da Enciclopedia, redactado por Diderot. Debido a problemas coa censura tanto na Enciclopedia como nos escritos independentes dos colaboradores, prodúcese un conflito entre Diderot e D’Alembert, por un lado, e Le Breton, polo outro.

Tras a renuncia de Diderot, asume a dirección dos volumes faltantes Charles-Joseph Panckouke, quen, coa súa edición en cuarto, lograría a difusión masiva da obra e máis tarde editaría a Encyclopédie méthodique (1782-1832), unha versión ampliada, ordenada por materias e non alfabeticamente.

Presentación física e impresións da Enciclopedia[editar | editar a fonte]

Extracto da portada da Enciclopedia (1772). Foi debuxado por Charlles-Nicolas Cochin e gravado por Bonaventure-Louis Prévost. O traballo está cargado de simbolismo: a figura no centro representa a verdade rodeada por unha luz brillante (o símbolo central da iluminación). Outras dúas figuras á dereita, a razón e a filosofía, están rasgando o veo que cobre verdade.

A obra comprende 17 volumes de texto (a primeira serie publicada entre 1751-1757; tomos I ao VII; a segunda serie en 1765, tomos VIII ao XVII), 11 volumes de láminas (publicados entre 1762 e 1772), aos cales se lles agrega un Suplemento de 4 volumes de texto, 1 volume de láminas e 2 volumes de índice xeral (entre 1776-1780). O que dá un total de 21 volumes de texto, 12 volumes de láminas e 2 volumes de índice xeral (71.818 artigos, 2.885 ilustracións).

Así mesmo, elabóranse compendios de artigos da Enciclopedia. Un a cargo do abade Joseph de La Porte en 5 volumes titulado L'Esprit de l'Encyclopedie.

A obra entrou a formar parte do Índice de libros prohibidos pola Igrexa católica en 1759.

Colaboradores[editar | editar a fonte]

Colaboradores importantes da Enciclopedia, á parte de Diderot e D’Alembert, coñecidos tamén como les encyclopédistes, foron D'Holbach, Jaucourt, Montesquieu, Quesnay, Rousseau, Turgot e Voltaire.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]