Kanikama

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Palillos de cangrexo.
Sugiyo "Kaori-hako".

Os kanikama (marca vulgarizada), ou palillos de cangrexo, comercializados nos países de lingua castelá como palitos de cangrejo, tronquitos de Alaska, bocas de mar etc. e nos lusófonos como delícias do mar, son un tipo de alimento procesado en forma de pequeno bastón feito con carne de peixe, e sabor imitando ao de carne de cangrexo típico do Xapón. En xaponés a palabra kani significa cangrexo e deu orixe ao nome do produto porque está aromatizado con extracto ou carne dalgunhas especies destes crustáceos. Na década de 1970, o Xapón comezou a industrializar o kani, que rapidamente se fixo popular no mundo enteiro, elaborado a partir de surimi ou carne de peixe branco finamente picada, que se cura e á que se lle dá forma similar á das patas do cangrexo de Kamchatka.[1]

A empresa xaponesa Sugiyo (スギヨ) produciu por primeira vez os palillos de cangrexo en 1973, comercializándoos baixo o nome Kanikama. De feito, en varios países úsase este termo para aludir a eles de forma xenérica.

Os palillos adoitan colorearse na superficie de vermello ou vermello amarelado, e teñen forma rectangular e alongada, pudendo desmiuzarse en febras pequenas. O olor dos palillos de cangrexo é parecido ao doutros produtos de marisco, a súa textura é gomosa e o sabor lixeiramente salgado.

Os palillos de cangrexo cocíñanse durante o proceso de curado e poden comerse directamente extraídos do envase. En contra da crenza popular, moitos dos palillos de cangrexo non conteñen cangrexo ningún, e algúns fabricantes etiquetan o produto como «palitos con sabor a cangrejo». Porén, moitos dos comercializados en España si teñen extractos ou carne de braquiúros.[2]

O ingrediente principal na maioría dos palillos de cangrexo é o abadexo de Alasca (Theragra chalcogramma) do Pacífico norte, o congro bicudo dentón e o panga do delta do río Mekong.

O nome palillo de cangrexo deriva do cangrexo ruso, cangrexo de Kamchatka, ou chatka (Paralithodes camtschaticus).[3]

Usos[editar | editar a fonte]

Os palillos de cangrexo úsanse a miúdo en ensaladas e salpicóns de marisco, así como na ensalada rusa, como un substituto barato da carne de cangrexo auténtica. Os sucedáneos de cangrexo de calidade adoitan seren máis baixos en colesterol que a carne de cangrexo auténtica, pero tamén están moi procesados.

A cociña rusa conta con varias ensaladas preparadas con palillos de cangrexo, ovo, verdura e herbas picadas xuntas e condimentadas con maionesa.

Un rolo de California é un rolo de suxi feito con palillos de cangrexo, aguacate e (ás veces) cogombro enrolados con sementes de sésamo por fóra.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Campo-Deaño, Laura e Clara Tovar (2009): "The effect of egg albumen on the viscoelasticity of crab sticks made from Alaska Pollock and Pacific Whiting surimi". Food Hydrocolloids 23 (7): 1641–1646. Resumo
  2. Por iso non poden comelos as persoas alérxicas a estes crustáceos (nécoras, centolas etc.).
  3. chatka Arquivado 28 de febreiro de 2014 en Wayback Machine..

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]