Kadambini Ganguly
Kadambini Ganguly | |
---|---|
![]() | |
Nacemento | 18 de xullo de 1862 |
Lugar de nacemento | Bhagalpur |
Falecemento | 3 de outubro de 1923 |
Lugar de falecemento | Calcuta |
Nacionalidade | Raj Británico |
Alma máter | Bethune College, Universidade de Calcuta, Medical College and Hospital, Kolkata e Edinburgh College of Medicine for Women |
Ocupación | médica e política |
Cónxuxe | Dwarkanath Ganguly |
Irmáns | Dwijendranath Basu |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Kadambini Ganguly (bengalí: কাদম্বিনী গাঙ্গুলি) nada en Bhagalpur o 18 de xullo de 1861 e finada en Calcuta o 3 de outubro de 1923, foi con Anandibai Joshi unha das primeiras dúas mulleres doutoras da India así como de todo o Imperio Británico. Kadambini foi tamén a primeira muller de Asia Meridional en graduarse en medicina occidental.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Kadambina era a filla do reformador brahmo Braja Kishore Basu e naceu en Bihar, entón na India Británica. Así e todo, a familia era bengalí, orixinaria de Chandsi, na rexión de Barisal que dende a súa creación forma parte de Bangladesh. O seu pai era o director da escola de Bhagalpur e canda Abhay Charan Mallick comezou o movemento para a emancipación das mulleres en Bhagalpur ao crear a organización Bhagalpur Mahila Samiti en 1863, a primeira da súa clase na India.
Kadambini comezou a súa educación na Banga Mahila Vidyalaya de Calcuta e en 1878 converteuse na primeira muller en superar o exame de admisión para a Universidade de Calcuta mentres estaba na Bethune School, e en parte polo recoñecemento dos seus esforzos foi que se transformou en Bethune College con estudos de First Arts (FA) e cursos de graduación a partir de 1883. Kadambina e Chandramukhi Basu foron as primeiras alumnas graduadas no novo centro universitario e como tales as primeiras mulleres graduadas no país e en todo o Imperio Británico. Kadambini entrou na Facultade de Medicina en 1883, a pesar de fortes críticas no seo dunha sociedade aínda maioritariamente oposta á igualdade de dereitos para as mulleres e en 1886 graduouse en medicina ao que a tornaba na primeira muller médica cun título de medicina occidental en toda Asia meridional[1]. En 1888 comezou a exercer no Hospital Lady Dufferin de Karachi, que era un establecemento para mulleres. En 1893 viaxou ao Reino Unido e realizou cursos de especialización para lograr o diploma de licenciatura do Royal College of Physicians de Edimburgo (LRCP), do Royal College of Surgeons de Glasgow (LRCS) e da Faculty of Physicians and Surgeons de Dublín (LFPS).[2]. Á volta á India designárona superintente do hospital e en 1894 exerceu como doutora ao cargo das pacientes externas doutro hospital feminino, o Hospital Eden de Calcuta e mais tamén foi lectora das estudantes da Escola de Medicina Campbell[3]. Pouco tempo despois pasou á práctica privada, e en 1895-1896 tratou á raíña nai do Nepal con bos resultados, o que provocou que outras familias reais tamén acudisen a ela[4].
Fixo activamente campaña polos dereitos das mulleres e en 1889 foi unha das primeiras seis mulleres elixidas[5] para acudir á quinta sesión do Congreso Nacional Indio que se celebrou en Bombai e en 1890 no sexto foi a primeira muller en se dirixir á asemblea do CNI[6]. A súa actividade pública supuxo un enfrotamento cunha parte da sociedade india, e mesmo en 1891 a revista Bangabashi denominouna "puta" o que non logrou o cesamento da súa determinación. O seu marido, Dwarkanath Ganguly, levou o caso ao tribunal e, finalmente, logrou unha sentenza de prisión de 6 meses para o editor Mahesh Pal[2][7]. En 1906 coordinou unha conferencia de mulleres nos que xuntou ás esposas dos delegados do CNI que asistían á sesión do partido[8]. En 1922 unha comisión de investigación gobernamental comisionouna coa poeta Kamini Roy para indagar nas condicións das mulleres empregadas nas minas de carbón en Bihar e Orissa[4].
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ Así e todo, pola hostilidade de varios dos seus profesores non recibiu un Bachelor of Medicine senón un Graduate of Medical College, Bengal, o que lle permitía practicar a medicina pero baixo a supervisión de doutores homes. Gayathri Ponvannan (2019) "Kadambini Ganguly" in Unstoppable: 75 Stories of Trailblazing Indian Women. Hachette India
- ↑ 2,0 2,1 Amrith R. Rao , Omer Karim e Hanif G. Motiwala. "1071: The Life and Work of Dr Kadambini Ganguly, the First Modern Indian Woman Physician". The Journal of Urology. p. 354.
- ↑ Maroona Murmu (2019). Words of Her Own: Women Authors in Nineteenth-Century Bengal. Oxford University Press.
- ↑ 4,0 4,1 B. K. Sen (setembro-outuro de 2014). "Kadambini Ganguly – An Illustrious Lady" (PDF). Science and Culture. pp. 271–274. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 29 de marzo de 2020. Consultado o 07 de outubro de 2020.
- ↑ Anne Hardgrove. "Ganguly, Kadambini". En Bonnie G. Smith. Oxford Encyclopedia of Women in World History I. Oxford University Press. p. 346.
- ↑ Nirmal Sinha (1968). Freedom Movement in Bengal: 1818-1904: Who's who. Education Department, Government of West Bengal. p. 418.
- ↑ Amit Das e Biswajit Roy (3 de abril de 2018). "Dwarakanath Ganguly. A Forgotten Hero".
- ↑ Geraldine Forbes (2005). Women in Colonial India: Essays on Politics, Medicine, and Historiography. Chronicles Books. p. 30.