José Miguélez Pampín
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 15 de xaneiro de 1891 Santiso (A Coruña) |
Morte | 10 de xullo de 1944 (53 anos) Madrid |
Actividade | |
Ocupación | Compositor, organista, musicólogo, teólogo e lingüista |
Instrumento | Órgano |
José Miguélez Pampín, nado en Santiso, o 15 de xaneiro de 1891 e finado en Madrid o 10 de xullo de 1944, foi un compositor, organista, musicólogo, teólogo e lingüista galego. Exerceu notable influencia no modelo español de órgano ligado ao cecilianismo durante o primeiro terzo do século XX e contribuíu igualmente ao desenvolvemento desta estética na Pontevedra do período circundante á Guerra Civil.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]José Miguélez Pampín nace na parroquia galega de Santa María de Barazón (Santiso, A Coruña) como fillo do mestre de escola Miguel Miguélez Cagide, quen exercía tamén ocasionalmente como director dunha pequena agrupación bandística. Do seu pai aprende solfexo a unha idade temperá, así como os primeiros rudimentos dos instrumentos de vento metal como intérprete de fliscorno tenor.
Aos 15 anos ingresa como postulante na Orde da Mercé no convento de Sarria, onde realiza a profesión de votos temporais no ano 1908. Ao ano seguinte é trasladado ao Convento de San Xoán de Poio, en cuxo seminario maior cursa os estudos de Filosofía e Teoloxía, así como amplía os seus estudos musicais da man do pianista e profesor Agustín Salvador, da veciña localidade de Pontevedra. En 1912 realiza a profesión de votos solemnes e ordénase presbítero en 1914.
A súa capacidade de aprendizaxe e entusiasmo lévano a exercer destacablemente como mestre de coro na congregación de Poio a partir do ano 1909. Neste contexto descubrirá aos autores ligados ao Movemento ceciliano en auxe naquel momento e chegará a realizar algunhas das primeiras interpretacións públicas en España de obras de Lorenzo Perosi, Oreste Ravanello ou Luigi Bottazzo.
En 1919, grazas ás súas aptitudes musicais –especialmente como organista–, é trasladado á Residencia de la Buena Dicha de Madrid onde o pai Pío Uribe, superior da congregación, anímalle a ampliar os seus estudos musicais cun profesor de renome. O pai Miguélez contacta con Manuel de Falla, pero este debido aos seus compromisos négase a aceptalo como alumno e derívalle á súa vez a Joaquín Turina. Con Turina estuda harmonía, contrapunto, fuga e orquestración e pronto comeza a publicar diversas pezas corais de temática relixiosa a través da revista La Merced e as casas editoriais Fuentes y Asenjo e Unión Musical Española.
Os anos en Madrid son sen dúbida os máis frutíferos da súa carreira debido ao gran número de contactos profesionais que a gran cidade permítelle establecer. Ao redor de 1921 coñece alí ao organeiro alemán Albert Merklin (sobriño do soado construtor Joseph Merklin), que emigrara desde Alemaña fuxindo da guerra e que, tras traballar durante cinco anos nos talleres vascos da fábrica de órganos de Eleizgaray y Compañía, trasladárase a Madrid coa expectativa de establecerse pola súa conta. Miguélez, ávido de saber, pronto fai amizade con Merklin e comeza a interesarse polos aspectos técnicos e construtivos do órgano. Este interese derivará anos máis tarde na publicación de diversos artigos divulgativos de organería, destinados eminentemente a intérpretes,[nota 1] nas revistas España Sacro Musical[2] e Tesoro Sacro Musical.[3]
En novembro de 1931, tras verse implicado tanxencialmente nunha manobra en contra do réxime republicano, é deportado por un ano á localidade de Villarroya de los Pinares (Teruel) e ao seu regreso, co fin de afastalo do clima político da capital, é trasladado de novo ao Convento de San Xoán de Poio.[4] Xa nos seus anos de madurez, establece contacto con algúns dos personaxes máis relevantes da Pontevedra do período circundante á Guerra Civil Española, como Antonio Blanco Porto, Antón Iglesias Vilarelle ou Luis María Fernández Espinosa.
Ademais de exercer como profesor de Sagradas Escrituras e Linguas clásicas no seminario maior de Poio e como director da Schola Cantorum deste convento mercedario, atopa o seu espazo no ambiente cultural pontevedrés non só como eminente director de canto gregoriano, polifonía clásica e dos autores cecilianistas, senón tamén como autor de música profana destinada á Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra.
No seu afán por renovar o ambiente musical no convento, en 1941 inicia a través do seu amigo Rafael Puignau as xestións para a adquisición dun novo órgano para Poio que substituíse ao pequeno instrumento da casa Walcker Orgelbau de 1921. Nunha viaxe a Madrid para discutir os detalles do novo instrumento na sede comercial da recentemente fundada Organería Española, S.A. falece inesperadamente por causas descoñecidas.
Obras
[editar | editar a fonte]Vocais
[editar | editar a fonte]Sacras
[editar | editar a fonte]- Aestimatus sum
- Amicus meus
- Angellus Domini
- Animam meam
- Astiterunt reges
- Caligaverunt
- Cum transisset
- Dirupiste Domine
- Dum jaceret Petrus
- Ecce quomodo
- Ecce vidimus eum
- Eram quasi
- In monte Oliveti
- Jerusalem
- Jesum tradidit
- Judas Mercator
- O vos omnes
- Omnes amici mei
- Plange quasi virgo
- Recessit pastor
- Seniores populi
- Sepulto Domino
- Sicut ovis
- Tanquam ad latronen
- Tenebrae factae
- Tradiderunt me
- Tristis est
- Una hora
- Unus ex discipulis
- Velum templi scisum
- Vinea mea electa
Misas
[editar | editar a fonte]- Misa en honor a la Virgen de la Merced, para dúas voces e órgano
- Misa Cantemus Domino, para tres voces e órgano
- Misa Jubilemus Deo, para dúas voces brancas
- Misa de Requiem, para catro voces e órgano (incompleta)
Himnos
[editar | editar a fonte]- Himno del obrero católico
- Apóstoles de Cristo
- Himno al Buen Pastor
- Himno a San Enrique Emperador
Profanas
[editar | editar a fonte]- Barcarola mercedaria
- Vexo Vigo, vexo Cangas
- Fuliada
- O meu pandeiriño
- Do queixo non che me queixo
Instrumentais
[editar | editar a fonte]Música de cámara
[editar | editar a fonte]- Letanía, para cuarteto de corda
Orquestral
[editar | editar a fonte]- Aires d'a terra, para orquestra de corda (incompleta)
- Sinfonía gallega (perdida)[nota 2]
- Instrumentación de la misa Hoc es enim corpus meum de Lorenzo Perosi (incompleta)
Notas e referencias
[editar | editar a fonte]- Notas
- ↑ En ambas series de artigos Miguélez segue o modelo expositivo empregado por Merklin no seu tratado Organología,[1] así como reemprega algunhas ilustracións de dito ensaio. Crese que Miguélez empregou para iso os materiais herdados de Merklin ao prematuro falecemento deste; porén, o paradeiro actual destes documentos de gran valor histórico é descoñecido.
- ↑ A única referencia a esta obra realízaa Joaquín Turina nunha nota biográfica publicada con motivo do primeiro aniversario do falecemento do pai Miguélez.[5]
- Referencias
- ↑ Merklin, Alberto (1924). Organología: Exposición científica y gráfica del órgano en todos sus elementos antiguos y modernos. Madrid: Imprenta del asilo de huérfanos del Sagrado Corazón de Jesus.
- ↑ Miguélez, José (1931-1932). "Órganos, organeros y organistas". España Sacro Musical (17, 20, 23, 25, 27, 28, 29 e 30).
- ↑ Miguélez, José (1932). "Organografía". Tesoro Sacro Musical (5).
- ↑ "Deportaciones, confinamientos y multas" (9000).
- ↑ "Mañana hace un ano que falleció el ilustre musicólogo Padre Miguélez". Ciudad. Semanario de Pontevedra (8). 1945.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Carreira, Xoán Manuel (2002). "José Miguélez Pampín". Diccionario de la música espanola e hispanoamericana.
- "Deportaciones, confinamientos y multas". ABC (9000). 1931.
- "El complot bufo-monárquico". Heraldo de Madrid (14287). 1931.
- "Mañana hace un año que falleció el ilustre musicólogo Padre Miguélez". Ciudad. Semanario de Pontevedra (8). 1945.
- Martínez, J. (1944). "El padre José Miguélez". Ritmo (180).
- Miguélez, José (1933). "Nuestra actividad musical durante los 50 anos". La Merced (5-6).
- R.S. (1944). "El P. José Miguélez". La Merced (5).
- Vázquez, Lois (1974). "José Miguélez Pampín". Gran Enciclopedia Gallega Silverio Cañada.